Coidados da viña en primavera (II): Tratamento das enfermidades

Consellos para o tratamento das principais enfermidades da vide en primavera. Artigo de Francisco Rego Martínez, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Publicidade
Coidados da viña en primavera (II): Tratamento das enfermidades

Vide con mildeu.

Velaquí uns consellos para o tratamento das principais enfermidades que lle afectan á viña en Galicia durante a primavera.

Excoriose:

Nesta altura, as videiras que teñen as xemas aínda en estado pouco desenvolvido -D e E- están no momento de tratar contra a excoriose, para o que se deben mollar os gromos cun funxicida. Hai varios produtos indicados para aplicar, tanto en viticultura convencional como en ecolóxica.

Común para ambas as dúas é o xofre, que tamén se pode dar en po. Dependendo dos métodos de poda e de como se presente a climatoloxía en cada primavera, xeralmente vai cumprir dar dous tratamentos, separados uns días. A razón está en que nunha viña, e probablemente nunha mesma videira, imos ver a un tempo gromos bastante abertos e outros pechados de todo.

Estas diferenzas acostuman ser máis acusadas nas podas a vara. En situacións de agromacións moi heteroxéneas poden chegar a facer falta tres tratamentos. Compre sinalar que a seca primaveral que houbo até hai uns días non propiciou a difusión da excoriose nas zonas e castes que xa teñen os gromos grandes. Pero as choivas que están a caer agora contribúen á difusión da enfermidade ás videiras que teñen a agromada atrasada.

Nas plantas sensibles e que arrastran a excoriose de anos anteriores, ademais destes tratamentos habería que ter sido moi rigorosos na poda invernal, eliminando todos os sarmentos afectados. Pena que non xurdise un tratamento de inverno alternativo ao arsenito sódico. Este produto de aplicación invernal era de eficacia indiscutible. Perigoso pola súa composición, e máis aínda nas viticulturas onde non se tiñan implantado aparellos de aplicación con pantallas recolledoras, que minimizaban a caída de caldo sobrante ao solo. Foi prohibido definitivamente xa hai uns anos.

viña_vide_excoriose_01_standar

Vide con excoriose.

O polisulfuro de calcio (mistura sulfocálcica) ten certa efectividade; é necesario non tratar máis adiante do estado de punta verde das xemas, a menos que se rebaixe moito a dose, porque podería producir queimaduras.
Hai castes sensibles á excoriose, como o Palomino, o Alicante Bouschet, a Mencía, o Albariño, a Carabuñeira (Touriga Nacional) e varias de uva de mesa, mentres que outras parecen case que inmunes.

Recentemente estanse a constatar ataques a variedades antes consideradas resistentes, o que parece indicar a chegada de razas de excoriose máis agresivas ás nosas viñas, o que non é de estrañar debido á globalización do mercado da planta enxertada.

O Pedro e a Becha

É tamén nestas datas cando fan acto de presencia o pedro (pedroulo, pedrés) e a becha. O primeiro é un coleóptero (parente do escaravello) e a segunda é unha larva. Os seus danos poden ser bastante graves ao principio, cando as xemas están inchando e comezan a abrir. Gravidade que se acentúa en planta nova, porque se os ataques son serios, a poda de formación fica comprometida.

A becha é moi perigosa, porque roe dun xeito que chega case que a baleirar as xemas. O pedro rilla máis anarquicamente. Unha vez que a vexetación arranca, os danos van perdendo significancia porque, dito dunha maneira expresiva, estes insectos xa “non dan feito”.

Hai insecticidas de contacto de boa efectividade, tanto en convencional como en ecolóxica. A recollida dos pedros por sacudida, cando están agochados no revés das follas, é un método natural que, se a viña é pequena e o viticultor dispón de tempo, funciona. Tense ensaiado distribuír pola viña envases de cores vivas, mediados de auga, aos que o pedro é atraído, caendo moitos deles ao líquido. Os métodos a empregar dependerán pois de varios factores, sendo o máis importante o grao de presenza destes insectos en cada parcela.

Mildeu

Como mencionei ao principio, a día de hoxe hai videiras con gromos bastante grandes. Nelas, coas choivas que están vindo, xa se cumpre a regra dos “ tres deces” precisos para que o mildeu ataque: máis de 10 cms. de gromo, máis de 10ºC de temperatura media e máis de 10 mm de precipitación. Hai que estar atentos, e nos lugares onde a agromada xa ten 10 cms. ou máis, tratar.

Relativo ao mildeu, hai que considerar varios aspectos:

Trátase dun fungo interno, no que o seu micelio (falsas raíces, para entendérmonos) desenvólvese polo interior das follas e outros órganos da videira en canto están verdes, sendo complicado de combater unha vez que entrou.
A súa incidencia na Galiza varía, de menor a maior, de leste a oeste. Non é raro que nunha viña en costa ben ventilada do extremo leste se veñan dando entre tres e catro tratamentos anti-mildeu ao ano, en tanto que noutra da beiramar o número se triplique.

A día de hoxe cúmprense as condicións para que o mildeu ataque

O mildeu, cando lle ven un ano propicio, en viñas non tratadas é capaz de facer un arraso terrible, que como pouco supón a perda total da colleita.

É certo que na actualidade se dispón de produtos sistémicos e penetrantes que atallan algo o mildeu mesmo despois de estar infestada a viña, pero mellor será non esperar nunca a este punto. Nunha conversa cun viticultor veterano, deume esta sentencia: “Trata de ir sempre diante do mildeu, que se vas detrás vas estar ben fod…” Doulle toda a razón.

Para evitar que o mildeu entre nas follas e demais órganos verdes, compre ter unha estratexia de combate. Esta estratexia vai depender do factor humano e da tecnoloxía de que se dispoña.

A situación óptima darase cando a explotación vitícola dispón de persoal e máquinas aplicadoras suficientes como para tratar toda a superficie nunhas horas ou nun día como máximo. Nestas condicións pode tirar o mellor proveito das recomendacións baseadas nos datos das estacións de avisos máis próximas, se as súas viñas son homologables ás parcela onde están instaladas. Poderá aforrar algúns tratamentos.
Esta idoneidade non se cumpre na maior parte das explotacións vitícolas galegas pola desertización do rural e pola atomización da propiedade.

Videira afectada por mildeu.

Videira afectada por mildeu.

Fálase moito de que os viticultores tratan rutineiramente contra o mildeu. Poida que nalgún caso sexa certo, porque rarezas hainas en todas partes, pero á inmensa maioría non lle interesa tirar co sulfato porque sí, non só por non contaminar, senón porque custa cartos e supón un traballo máis cada vez que se aplica.

Os viticultores levan máis de 100 anos lidando co mildeu, a maioría deles coñéceno ben. Por tanto, tratan cando entenden que, cada quen nas súas circunstancias, non hai outra alternativa, so pena de arriscar a colleita.
Como antes dixen, contra o mildeu débese actuar preventivamente. Hai unha época crítica que vai desde a agromada até ben pasado o San Xoán, que nos nosos mesoclimas acostuma a coincidir con períodos de tempo inestable, con choivas máis ou menos fortes, a veces persistentes e en ocasións frías. Entrado o verán, agás en campañas tan complicadas como a do ano pasado, o normal é que o ambiente vaia mudando a máis seco. A a pel dos bagos vaise tornando máis dura e por tanto inaccesible ao mildeu. Ás follas, agás ás que van saíndo novas nas puntas e nas netas pásalles o mesmo. O normal entón é poder ir espazando a cada máis os tratamentos.

 “Nesta época non debe existir descoido fronte ao mildeu”

Por tanto na primeira época, na que xa estamos agora, o descoido non debe existir. Se, segundo as predicións meteorolóxicas, o tratamento seguinte coincide cun período de choivas, hai que ter a planta protexida antes de que comecen, aínda que houber que adiantalo tres ou catro días. Os prognósticos do tempo cada vez son máis fiables, pero non chegan ao 100%, e tres días de choiva anunciada poden rematar sendo cinco ou seis, e grandes escampes poden ficar en pequenos. Tres ou catro días de atraso na aplicación de funxicidas anti-mildeu nesta época crítica poden traer problemas, por moito esmero que o viticultor poña ao aplicar o tratamento.

Comezar a tratar contra o mildeu só a partir de cando se aviste a primeira mancha na viña poida que sexa viable noutras viticulturas de climas máis secos. Nas nosas non o aconsello. É perigoso, canto máis ao oeste do territorio peor, e totalmente inviable para os viticultores que non poden tratar no momento. É perigoso porque o mildeu é traidor e ten habido casos en que cando se avistaban unhas poucas manchas nas follas en toda unha viña, o mildeu xa tiña penetrado nos acios, e cos acios afectados, adeus colleita.

En viticultura ecolóxica os tratamentos contra o mildeu teñen que ser puntuais, rápidos, mesmo aproveitando pequenos escampes. Por tanto o viticultor debe ter dispoñibilidade para tratar en calquera momento. A viticultura ecolóxica, polas razóns antes expostas, é máis fácil de levar no leste galego que no oeste.

Oídio

O oídio é outra das pestes americanas que pode aparecer en datas temperás. A diferenza do mildeu, fica acubillado nas xemas da videira durante o inverno. Así, cando algún viticultor pretende recuperar viñas vellas, sensibles e que estiveron a súa mercé, a fertilidade que era a normal nese terroir só volverá ao seu tras uns tratamentos rigorosos que logren que nas seguintes campañas as xemas se críen sás.

Nestas datas temperás a aplicación de xofres non debería dar problemas, porque é difícil que os picos de temperatura rebasen os 30ºC críticos. O permanganato potásico, de acción momentánea, pero radical contra o oídio, foi prohibido. En canto estivo permitido, nas viñas moi infestadas dábase un tratamento de choque con este produto, e ao día seguinte aplicábase un xofre ou outro oidicida de acción máis prolongada no tempo.
O oídio ataca máis en parcelas ou sistemas de condución en que a ventilación sexa escasa. Pode atacar a calquera caste, pero hai acusadas diferenzas de sensibilidades entre unhas e outras, o que significa diferenzas no plano de tratamentos.

Blakc-rot

O black-rot, que en moitas zonas era algo ocasional e de pouca incidencia, estase a converter nun problema e nos últimos anos ten atacado zonas vitícolas onde antes case que non se coñecía.

Videira afectada por Black Rot.

Videira afectada por Black Rot.

Aproveitando que hai produtos anti mildeu e anti oídio con acción contra o black rot, deberá terse en conta á hora de establecer o plano de tratamentos nas zonas onde se presume que vai atacar.

Unhas poucas manchas de black rot nalgunha que outra folla carecen de importancia. O grave é cando salta aos acios. Está resultando unha enfermidade difícil de tratar cos medios da viticultura ecolóxica, mentres que na convencional existen produtos de boa eficacia. O cobre actúa algo, pero a doses moi altas que non son convenientes por outros motivos.

Esperemos que para combatelo, nun prazo breve aparezan funxicidas alternativos e pouco daniños para o medio ambiente.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Una idea sobre “Coidados da viña en primavera (II): Tratamento das enfermidades

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información