Coidados da viña durante esta semana

Recomendacións da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e da Consellería do Medio Rural e do Mar para as denominacións de orixe Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra

Publicidade
Coidados da viña durante esta semana

Oidio. Autor: Estación do Areeiro

D.O. Rías Baixas

Mildeu

As diferentes previsións meteorolóxicas anunciaran para esta semana tempo estable, pero dende o luns 22 rexistrouse un cambio notorio (achéganse datos de dúas estacións a xeito de exemplo): as temperaturas baixaron, a humidade relativa media incrementouse e empezou a haber humidade foliar, ademais das precipitacións que localmente se produciron entre os días 22 e 23.

Con esta situación, encontramos diversidade de situacións na visita realizada esta semana ás nosas parcelas de seguimento: dende parcelas con manchas antigas totalmente curadas, ata outras con zona de avance nas manchas e algunhas con manchas incipientes en poucas follas, este caso nas parcelas tratadas dende hai máis tempo.

Polo tanto, non se pode dar unha recomendación única válida para todos os terreos: será necesario comprobar a situación en cada caso e actuar segundo o observado, máis considerando que algunhas previsións meteorolóxicas anuncian precipitacións entre os próximos días 1 e 2 de xullo.

Oidio

As néboas locais e a elevación da humidade relativa, unido a un estado fenoloxía moi sensible a esta enfermidade, provocaron a aparición de novos síntomas en folla, e os primeiros en acio desta campaña (coincide a data coa do ano anterior). Esta situación produciuse tanto en plantas testemuña sen tratamentos como nalgunhas tratadas.
Debido a que, en xeral, as previsións meteorolóxicas anuncian néboas locais ou nebulosidade alternando con claros para os próximos días, é necesario tratar.

Botrite

Debido a que os grans non presentan restos da floración adheridas, e a que tampouco presentan feridas, non se observan síntomas do fungo. Non é necesario tratar.

Xa se poden ir iniciando os labores de poda en verde nas parcelas con exceso de desenvolvemento e de esfollado na zona dos acios. Pero atención: o esfollado neste momento debe ser pouco intenso, para evitar golpes de sol, pero si convén facilitar a aireación dos acios.

Black-rot

En xeral non observamos máis síntomas nas nosas parcelas de seguimento, pero débese manter a vixilancia.
Trazas do acio

O incremento das capturas nas trampas de feromona de Lobesia botra na e de Eupoecilia ambigüella (ésta só na parcela de Tremoedo, onde temos capturas desta especie) foi excepcional (ver curvas de voo). Non obstante, non vimos de momento postas que se correspondan con este número de capturas.
A estratexia de control das trazas do acio depende de varios factores, e entre eles dos insecticidas que se elixan, determinantes nunha boa protección (consulten os técnicos)

Cicadélidos

Se a semana anterior se incrementaran as capturas de cicadélidosnas trampas, nesta semana non observamos tal aumento. Pola súa banda, no conteo de ninfas só vimos algunha máis de Zigina rhamni. Non é necesario tratar.

Ácaros

Encontramos novos síntomas de acariose (poboacións confirmadas á lupa binocular) na parcela onde os detectaramos hai unhas semanas e tamén, nunha das mostras recibidas na Estación, o primeiro ovo de araña vermella que vimos na campaña. Recorden que non se deben aplicar acaricidas a menos que se teña a seguridade de que hai ácaros fitófagos para protexer os fitoseidos, inimigos naturais que regulan naturalmente as súas poboacións

Golpe de sol

Vimos os primeiros acios afectados. Recorden que a operación de esfollado debe ser moi moderada

D.O. Ribeira Sacra

A temperatura media a semana pasada estivo arredor de 21ºC, con máximas de 34ºC (día 21 ) e mínimas de 15º C. A humidade relativa estivo entorno ao 55%, chegando ao 82% o día 23.

Estado Fenolóxico

K – tamaño chícharo nalgunhas das variedades da D.O. (Mencía, Brancellao, Garnacha T. e Palomino). Dende a fase I (floración) as uvas sofren un crecemento rápido e aumentan o seu volume en poco tempo, ata chegar ao inicio do envero, ou estado fenolóxico L (acio pechado), fase na que entran nun período de crecemento ralentizado. O desenrolo das uvas dependerá da variedade, das condicións meteorolóxicas, da alimentación hídrica, das prácticas de cultivo, da cantidade de uvas por cepa e do control das malas herbas.

Coidados culturais

Recoméndase realizar operacións de enrame, selección de gromos, desnetado a altura dos acios, eliminación de malas herbas e despuntado de pámpanos. Esta última operación pódese facer dende a floración ata o pintor (L), cortando só os últimos 20 cm dos pámpanos mais vigorosos. As operacións de despunte débense evitar ata o comezo, ou o mais cerca aínda, do envero. Tamén é aconsellable eliminar algunhas follas adultas, sobretodo as que están secas e se encontran por debaixo dos acios, co obxecto de favorecer a aireación da cepa e a entrada dos produtos fitosanitarios.

As condicións meteorolóxicas seguen a favorecer o desenvolvemento das malas herbas, polo que faise necesario o seu control.

Dende o punto nutricional, empézanse a detectar síntomas de carencias, sobretodo de magnesio e potasio, polo que nestes casos recoméndase aplicar un abono foliar preparado para esta parte do ciclo vexetativo, co obxecto de darlle un apoio á planta nun dos momentos de maior consumo.

Incidencias fitopatolóxicas

Mildeu
Séguense a ver danos desta enfermidade aínda que só en acio e de forma puntual, sen terse observado nada en folla.Non se observa danos nin novos síntomas.

Oídio
Nos últimos días apareceron varios casos con danos nos acios provocados por este fungo.

Acariose
Obsérvanse danos provocados por esta praga en bastantes zonas, sobretodo naquelas con microclimas quentes, empezando a ser algo xeralizado.

Mosquito verde
Séguese a ver este cicadélico nos viñedos que xa tiveron problemas outro anos, o que xa empeza a xeralizarse. Os danos vense nos bordes das follas e, en ocasións, confúndense con carencias de potasio e magnesio.

Recomendacións
Estamos nun momento delicado polo que á sanidade das cepas se refire, polo que debemos estar vixiantes para ver como evolucionan as condicións meteorolóxicas e se se observan ou non síntoams de enfermidades, sobre todo de Mildeu, para determinar o momento óptimo para facer as aplicacións fitosanitarias oportunamente.

Contra o Mildeu recoméndanse materias activas estopantes con fixación ás ceras cuticulares (Mandipropamida, Ciazofamida, Famoxadona, Zoxamida e Valifenalato).

En canto ao Black rot, despois da espurga pode seguir facendo dano (se se producen as condicións favorables), polo que se recomenda, de acordo coas condicións meteorolóxicas, seguir mantendo protexida a viña.

Polo que respecta ao Oídio, téñase en conta que nestas zonas soen aparecer danos no mes de xullo, o que implica ter vixilados e protexidos os viñedos.

D.O Monterrei

Meteoroloxía:
A Tª media esta semana estivo entre 19,3 e 22.4ºC, chegándose a unha Tª máxima de 35º C o día 21 . A Tª mínimia variou entre os 8ºC e os 17ºC. E a humidade relativa media máxima alcanzouse o día 23 de xuño.

Estado fenolóxico
J2 – K: maioritariamente en tamaño chícharo.

Coidados culturais:

Desnetado
É moi recomendable en espaldeira, aínda que consume moito tempo. Coa supresión dos netos ou vides de brotación anticipada conséguese: eliminar a vexetación que compite coa maduración dos vagos, mellorar a ventilación e o soleado do resto da planta e mellorar o rendemento dos tratamentos fitosanitarios.

Despuntado
Consiste na supresión da extremidade do pámpano, variando o tamaño desta dependendo da variedade, vigor, etc. Con esta operación conseguiremos: favorecer o callado e a alimentación do froito recén callado, manter a forma de condución das cepas e mellorar a efectividade das aplicación dos tratamentos fitosanitarios.

Aínda que as follas de netos e pámpanos elimindas contribuirían a seguir producindo azucres procedentes da fotosíntese e, con eles, nutrindo os órganos da vide, convén que non haxa competencia en exceso cos acios por eses azucres, polo que será conveniente despuntalos.

Incidencias fitopatolóxicas

Sen síntomas de enfermidades destacables. A día de hoxe non se observa actividade importante de Mildeu, Botrite, Black-rot ou Oídio.

Recomendacións
Recoméndase non deixar pasar máis de 15 a 20 días sen tratamentos a base de xofre ou cobre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información