Coidado da viña en primavera (I): a selección de gromos

Consellos para a retirada dos gromos sobrantes na viña. Artigo de Paco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Publicidade
Coidado da viña en primavera (I): a selección de gromos

Vides con chupóns no tronco e exceso de gromos.

As pasadas semanas, de altas temperaturas diurnas, estimularon o ritmo de agromación das videiras. Non obstante, esta vai a ritmo distinto segundo castes e zonas. Como exemplo de contraste, hai Albariños con gromos rondando o metro e Sousóns coas xemas comezando a inchar.

Imos tratar tres aspectos relativos a esta época. A manipulación dos gromos, a xestión do solo e os tratamentos contra pragas e enfermidades.

Neste primeiro capítulo trataremos a manipulación dos gromos.

A selección dos gromos nas videiras novas

Un labor importante nestas datas é a selección dos gromos nas videiras novas para encamiñar a formación do esqueleto. As xemas a desbotar é mellor tiralas en verde, cos dedos, aos poucos días de agromaren, que telo feito antes, no inverno, coas tesoiras de poda. É mellor operar en verde porque as feridas resultantes son pequenas e, ao actuar cando a seiva está en movemento, curan rápido e mellor.

De telas eliminado no inverno, estarían expostas aos perigos dunha longa exposición á intemperie. Ademais, ao traballar en verde e directamente cos dedos, a acción é máis precisa. Facéndoo no inverno coas tesoiras, de tanto repetir, é fácil que algunha vez nos pasemos nos cortes, podendo ficar tocado algún vaso condutor, o que pode ter repercusión no proceso de formación da planta.

A selección de gromos nas videiras adultas

Nas videiras adultas tamén hai que tirar gromos. Todas as primaveras van rebentar ladróns do tronco, que se irán eliminando segundo vaian saíndo e vallan para manipular. Pero atención, que ante unha videira vella, mal formada ou afectada por enfermidades da madeira, un ladrón inserido no san e ben situado pode ser útil para refacela, do xeito que xa describín nun artigo anterior nesta mesma publicación.

O viticultor, cando está a facer a poda de inverno, prevé que van agromar un determinado número de xemas na primavera. Peculiaridades climáticas das campañas, a aplicación de fertilizantes ou outros manexos á viña feitos polo propio viticultor van ter influencias que en ocasións poden alterar substancialmente as previsións estimadas na poda invernal.

É conveniente aplicar un tratamento funxicida inmediato posterior á realización destas mondas

Cando estas alteracións se materializan na emisión dun exceso de xemas, o viticultor – en función do tipo de viticultura que practique- tirará todas ou parte das que sobren por dous motivos: para evitar o que el considere como sobreprodución e o outro para que non haxa un exceso de pámpanos que lle ocasionen problemas de luz e de ventilación á parede foliar.

gromos_vide_02_standar

Retirada manual dos gromos.

Estas xemas superfluas poden rebentar na coroa (zona que rodea á inserción das varas e/ou cotóns). Ademais hai campañas nas que, nunhas castes máis que noutras, aparecen bastantes agromadas duplas, procedentes de xemas nas que rebentou un cono secundario ademais do principal, dando lugar a dous pámpanos que saen xuntos. Se ambos os dous portan acios, poden contribuír á sobreprodución, e aínda que non sexa así, poden espesar a vexetación e por tanto se houber moitos daquela cumprirá deixar un só.

Agardar a que os gromos sobrantes teñan 6-8 centímetros para retiralos

As xemas sobrantes deberanse tirar despois de que vaian rebentando, no momento en que sirvan para manipular. Así, tirando cos dedos os gromos cando son pequenos a planta sufre menos e as feridas resultantes cicatrizan máis de présa. Arrincando o gromo cando é moi pequeno (2-3 cms) faise menos ferida pero pode ser necesario dar unha segunda pasada. Agardando a que teñan 6-8 cms sácanse mellor.

Que facer se os gromos xa son demasiado grandes?

Hai circunstancias nas que pode convir atrasar unhas semanas o esgromado, como no caso daquelas parcelas onde o risco de xeadas primaverais é maior. A inserción dos gromos vaise afortalando co paso dos días e, cando se tiran moito ao tarde, de facelo cos dedos poden ocasionarse desgarres. Hai que comprobalo e se acontece entón compre cortalos a rentes cunha faca de enxerta ou cunhas tesoiras moi ben afiadas.

É conveniente aplicar un tratamento funxicida inmediato posterior á realización destas mondas. Cada viticultor xestiona a súa viña como mellor entende, e pode acontecer que, temendo xeadas serodias ou choivas e ventos fríos na purga que lle vaian reducir a colleita, opte por tirar poucos gromos sobrantes na primavera –estámonos referindo aos da zona produtiva e non aos chupóns do tronco- e compense posteriormente, se for necesario, cunha rigorosa limpeza da vexetación superflua e coa monda de acios no pintor se houber exceso de produción.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información