“Co noso viño azul queremos innovar e conectar coa xente nova”

Entrevista a Aritz López Idearraga, elaborador de viño azul. O pasado xoves participou en Sober na xornada organizada pola EVEGA sobre “Alternativas ao viño tradicional: novos produtos”.

Publicidade
“Co noso viño azul queremos innovar e conectar coa xente nova”

Aritz López Idearraga, elaborador de viño azul.

Chegar a un consumidor novo, non experto no mundo do viño cunha bebida innovadora. Ese é o obxectivo de Gïk, o viño azul que saíu o pasado ano ao mercado escandalizando aos máis puristas do sector.

A súa distribución e as súas mensaxes tamén son innovadores: venderon máis de 70.000 botellas en menos dun ano principalmente a través de Internet e, como destacan os seus creadores, tres mozos vascos, “a mellor maridaxe para o noso viño é boa música e boa compaña”. “Somos Gïk e imos cambiar o mundo #GikLive”, reza outro dos seus lemas.

Aritz López Idearraga, un dos impulsores do viño azul, participou o pasado xoves en Sober na xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Alternativas ao viño tradicional: novos produtos” para contar a súa experiencia.

Que vos levou a crear un viño azul?
O viño azul nace por diversión, das ganas que tiñamos por innovar e crear algo novo e da necesidade que vimos no mundo do viño dun xiro. Trátase dun mercado moi tradicional, vinculado á cultura máis ancestral, e ás veces parece que está reservado soamente a xente entendida que sabe apreciar cada un dos aromas e matices.

Para nós iso xa non tiña sentido xa que todos na empresa somos moi novos e non somos consumidores de viño tradicional. De aí xurdiu a idea de crear un produto que si nos gustase, adaptado ao padal de persoas normais e non soamente ao de expertos catadores, un produto fácil de degustar e de beber.

Como é o proceso de elaboración e como se define a vosa bebida?
Definímolo como viño azul. Hai uns meses fixemos unha cata a cegas cunha serie de persoas e houbo de todo: desde persoas que dicían soamente era un refresco, outros que era un flash e soamente una das que o probou dixo que era viño.

 “Quixemos crear un produto para persoas normais e non só para expertos catadores”

Así, o sabor é característico e diferente. O viño elaborámolo facendo unha mestura de uva tinta e de uva branca. Traballamos con diferentes adegas de Aragón, Navarra e da Rioxa Alavesa.

A continuación engadímoslle dous pigmentos naturais: antocianina, procedente da uva, e indigotina, procedente dunha planta, e estes colorantes naturais son os que dan a cor azul índigo á nosa bebida.

Para mellorar o sabor, ao final do proceso engadimos edulcorantes non calóricos, pois queremos que sexa algo doce e fácil de beber e ao mesmo tempo san. O grao alcohólico é de 11,5 graos.

Por que elixistes a cor azul?
A idea orixinal era darlle unha volta ao mundo do viño e crear un produto fácil de beber e atractivo para a xente nova. Por aquel entón estabamos a ler un libro que se chama “A estratexia do océano azul”, que fala de que existen océanos vermellos saturados de competencia, que compara con quenllas, que por atacarse entre si competindo nas mesmas variables e tratar de comerse os peixes máis pequenos, que serían os clientes, tinguen os océanos de sangue. A alternativa é crear océanos azuis, nos que a través da innovación conséguese unha gran liberdade para poder desenvolver produtos diferentes e diferenciados.

 “Creo que o sector do viño ten que abrirse á innovación e ao cambio”

Como está a ser a aceptación no mercado?
Empezamosen decembro de 2014 cunha tirada pequena e experimental para ver se tiña sentido ou non un viño azul. Lanzámonos ao mercado cunha produción maior en abril de 2015 e neste período levamos vendidas unhas 70.000 botellas. O mercado é sobre todo nacional, pero xa exportamos a varios países, sobre todo a Suíza e México, pero tamén temos pedidos importantes en Francia e en Reino Unido.

Marcámonos como obxectivo asentarnos en Europa e chegar tan lonxe como nos queira levar Gïkj. A nosa canle de venda principal é Internet, aínda que tamén temos unha rede de venda en tendas comerciantes polo miúdo a nivel español.

O consumo de viño en España caeu de forma moi acusada nas últimas décadas, sobre todo nas novas xeracións. Como crees que se pode seducir aos consumidores máis novos para que descubran o mundo do viño?
Os mozos xa non teñen o vencello a este sector tradicional. Hai xente no sector do viño disposta á innovación pero hai outra xente do sector que se pecha aos cambios. Sirva como exemplo, que hai uns meses un adegueiro novo enviounos un mail no que nos dicía que el non tiña nada en contra da innovación, pero que por favor nos dedicásemos a facer aplicacións para teléfonos móbiles e deixásemos o mundo do viño.

VIÑO_AZUL01STANDAR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información