“A clave para a saúde do viñedo é localización en ladeira, poda en verde e clons menos produtivos”

Entrevista a Juan Carlos Sancha, doutor en viticultura e enoloxía e propietario das adegas Ad Libitum, un referente en viticultura ecolóxica en España.

“A clave para a saúde do viñedo é localización en ladeira, poda en verde e clons menos produtivos”

Juan Carlos Sancha nos seus viñedos na Rioxa

Juan Carlos Sancha é todo un referente da viticultura ecolóxica en España, que como el subliña, “é volver á viticultura que facían os nosos avós”. A súa adega, Ad Libitum, dispón actualmente de 9 hectáreas de viñedo propio, plantado en parcelas moi pequenas e con alta densidade de plantación (5.000 cepas/ha) en solos pobres, pouco profundos e calizos, que obrigan á vide a reducir o seu vigor e a súa produción de uva, mellorando desta maneira a súa calidade e, ademais, contribuíndo a reducir a incidencia das enfermidades e pragas da vide.

O pasado mes de abril participou nas xornadas técnicas sobre “Xestión de pragas e enfermidades no viñedo (I)” que organizou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Cal é a evolución do cultivo de viñedo en ecolóxico en España?
En primeiro lugar, hai que destacar que houbo un crecemento exponencial desde que no ano 1991 se aproba un regulamento comunitario da agricultura ecolóxica. Pero no conxunto da xeografía española o crecemento foi moi desigual, e segue sendo unha actividade minoritaria, con ao redor do 1% da superficie de viñedo en España.

Sen embargo, hai que lembrar que a agricultura ecolóxica foi a única forma de produción de alimentos da humanidade ata fai uns 60 anos cando os técnicos empezamos a introducir os pesticidas e herbicidas.

A viticultura ecolóxica en España ten unha clara vocación exportadora?
Si, e houbo varios factores que influíron, pero o primeiro é o interese estratéxico nunha diferenciación dos viños nos mercados. Hai que pensar que ata hai 25 anos non había viño español de produción ecolóxica nos mercados internacionais, e iso foi un aliciente para situar o noso produto cunha produción diferenciada e un prezo superior.

Pero non foi un camiño de rosas. Houbo grandes fracasos de adegas que pensaban que lles ía resolver os seus problemas de comercialización e non é así. Agora estamos a vivir un momento máis doce, no que falta viño ecolóxico nos mercados internacionais e hai unha maior sensibilidade do consumidor cara este produto.

“Falta viño ecolóxico nos mercados internacionais, sobre todo en Estados Unidos, Gran Bretaña e Alemaña”

A viticultura integrada é aínda menos coñecida que a produción ecolóxica. Pero hai un paso máis adiante que está en boga agora mesmo que é o viño natural, elaborado sen sulfuroso. Se aquí queixámonos de que a regulación da viticultura integrada chegou tarde a España, no ano 2016, no caso dos viños naturais nin sequera chegou a lexislación.

Pero o que está claro é que hai xa un coñecemento importante dos viños ecolóxicos, sobre todo en Estados Unidos, seguidos de Inglaterra e Alemaña. No resto de países estamos a anos luz e no caso de España a produción é de vocación claramente exportadora. É certo que o consumo de produtos ecolóxicos no noso país está a medrar de forma exponencial, pero o consumo do viño ecolóxico segue sendo pequeno.

En resumo, a maior parte da produción de viño ecolóxico en España está orientada á exportación. Por comunidades, a viticultura ecolóxica está especialmente desenvolvida en Andalucía.

En que medida se incrementan os custos dos viños ecolóxicos?
As técnicas en viticultura ecolóxica son máis caras e creo que non se pode producir un quilo de uva ecolóxica sen, como mínimo, 12 céntimos de incremento de prezo con respecto á viticultura convencional.

No caso de Galicia, parece que non hai tratamentos ecolóxicos efectivos contra enfermidades fúngicas, especialmente mildiu, oídio e botritys…..Existen tratamentos alternativos que funcionen?
O meu punto de partida é que son científico e con mente científica utilizo como viticultor soamente os produtos contrastados cientificamente. É certo que o viticultor ecolóxico ten unhas ferramentas e unhas armas non tan eficaces como o convencional, pero ten recursos que funcionan contra as enfermidades da vide. Así, un dos produtos máis testados na historia da humanidade contra o mildeu é o cobre, que está autorizado en agricultura ecolóxica

Con técnicas adecuadas e cun bo coñecemento da zona pódese traballar en ecolóxico en todas as rexións vitícolas de España. É certo que a máis pluviometría hai máis problemas fúnxicos, pero son problemas subsanables. De feito, ante un ataque forte de mildeu os produtos sistémicos acaban fallando porque o agricultor espera á aparición das manchas para tratar, mentres que cando o viñedo está protexido por un produto de contacto como o cobre, o control do mildeu mesmo é mellor.

“O mellor antimildeu e o mellor antibotritis que existe é o sol e a ventilación”

Levo desde o ano 1994 como enxeñeiro vitícola, traballando en 12 zonas vitícolas, entre elas o País Vasco, e en todas elas pódese facer viticultura ecolóxica. Pero hai que facelo con criterios técnicos e científicos e cun estudo detallado do ecosistema no que está o viñedo.

O mellor antimildiu e o mellor antibotrite que existe é o sol, e por tanto conseguir que o sol entre na vide e no acio é esencial. É dicir, hai que buscar un tipo de viticultura que permita que o aire e o sol cheguen ao acio. Neste sentido, as intervencións de podas en verde son determinantes para controlar este tipo de enfermidades.

O oídio é unha enfermidade que tamén preocupa aos viticultores en ecolóxico. Que recomendaría para o seu control?
O oídio é endémico de toda a viticultura española pero creo que é máis facilmente controlable que, por exemplo, a botrytis. Temos unha ampla gama de xofres, desde os coloidais, aos mollables, ata os sublimados ou os micronizados….etc., que permiten unha loita efectiva contra o oídio. Non vexo grandes problemas máis aló da vontade de querer facelo.

Viñedo de Ad Libitum en ladeira

Viñedo de Ad Libitum en ladeira

En viticultura ecolóxica fálase tamén de cambiar os marcos de plantación, e dos sistemas de condución…..
Pódese facer viticultura ecolóxica, pero se un colle un clon, por exemplo, RJ43 de Tempranillo ou un 70 de Garnacha, que son máquinas de producir uva, con acios grandes e bagos apertados e compactos, o risco de que haxa problemas de mildeu e de botrite é tremendo. Pero se colles unha Garnacha tradicional de cen anos, cun acio laxo e poucos bagos, non vai haber ningún problema fúnxico.

Por tanto, non é suficiente con cumprir a lexislación en canto á agricultura ecolóxica. Por exemplo se planto Cabernet Sauvignon no Ribeiro e plántoo en fondo dun val á beira dun río cumprirei a lexislación, pero estarei terxiversando os criterios polos que nace a agricultura ecolóxica, e da protección ambiental e das variedades autóctonas.

 “Foise a clons demasiado produtivos, que son máis sensibles ás enfermidades”

É dicir, temos que ir tamén a unha viticultura non só ecolóxica senón tamén sustentable, incluíndo non só cumprir a lexislación, senón a esencia desa viticultura tradicional e sustentable, que nolas cargamos no últimos trinta anos.

Cales son os tratamentos en ecolóxico máis vangardistas?
A solución química, e mesmo a biolóxica, non é a solución. Temos que pensar máis en pensar en reducir os tratamentos, tamén en cobre, que ten unha limitación de uso a 6 kg por hectárea e ano . Creo que a clave é volver plantar a viña, sobre todo onde estaba tradicionalmente, en terreos de aptitude vitícola de calidade, é dicir nas ladeiras e non nos vales. Tamén debemos pensar que os clons que desenvolvemos son máquinas de produción e fontes de problemas fúnxicos, e recuperar clons con menos produción e acios máis laxos.

Vexo máis a estratexia de futuro para a viticultura ecolóxica na elección correcta do terreo e do material clonal que avanzar na loita química e biolóxica.

Como ves as condicións de Galicia para a produción de viño en ecolóxico?
É obvio que é máis fácil facer viticultura ecolóxica en Almería que en Ribadavia, pero pódese facer perfectamente viticultura ecolóxica en Galicia. Para iso hai que estudar moi ben a localización do viñedo, o material vexetal que se escolle, e a partir de aí desenvolver técnicas de cultivo como a poda en verde e o desafollado para airear o acio. Iso vai contribuír a unha mellor defensa contra as enfermidades fúnxicas e tamén a unha mellora cualitativa importante.

 “A viticultura biodinámica é unha crenza, e non coñecemos os seus criterios científicos”

E como valoras a viticultura biodinámica?
Respéctoa pero non a comparto. Creo que a clave é o pensamento e a análise científica e non creo que a fermentación dun esterco no corno dunha vaca vaia resolver os problemas na viña. Creo na ciencia e non nas crenzas como técnicas de cultivo.

Que grao de dificultade ten volver a unha viticultura ecolóxica en adega?
Hoxe é máis difícil facer viño natural que viticultura ecolóxica porque esixe tamén traballar sen sulfuroso en adega. Sirva como exemplo que dos 400 millóns de botellas que vende cada ano dentro da Denominación de Orixe Rioja, de viño natural apenas vendemos 8.000 botellas, o que demostra a dificultade de elaborar este tipo de viños.

Son unha moda estes viños naturais? Como técnicos temos a obriga non só de facer un bo viño, senón que tamén que teña a menor cantidade posible de residuos de pesticidas e de aditivos, e neste sentido recordo que a Organización Mundial da Saúde considera ao sulfuroso como un tóxico para a saúde humana, polo que temos que tender a reducilo a ou a eliminalo.

“A clave para suprimir o sulfuroso é lograr uvas con autoprotectores naturais”

Como alternativas ao sulfuroso, traballouse coa lisozima e estilbenos de sarmentos, pero non hai unha alternativa eficaz de momento ao sulfuroso. Hai moito interese a nivel internacional en eliminar ou limitar este composto nos nosos viños.

Unha clave pode ser buscar unhas uvas que teñan autoprotectores naturais que lles permitan defenderse da oxidación e da transformación en ácido acético. Na miña opinión, non se pode facer viño natural de calquera uva e de calquera sitio. Primeiro hai que facer un bo viño, e logo que sexa natural.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información