Chegan as variedades de vide resistentes a enfermidades

Entrevista a Leonor Ruíz García, investigadora do Equipo de Viticultura e Enoloxía Instituto Murciano de Investigación y Desarrollo Agrario y Alimentario (IMIDA), no que se está a investigar coas variedades de vide resistentes ao mildeu ou ao oídio.

Publicidade
Chegan as variedades de vide resistentes a enfermidades

Leonor Ruíz García.

Leonor Ruíz, investigadora do Instituto Murciano de Investigación y Desarrollo Agrario y Alimentario (IMIDA), participou nas xornadas Winetech Plus “Os novos camiños da viticultura e a enoloxía”, recentemente celebradas en Santiago de Compostela, cun relatorio sobre “As variedades híbridas resistentes a enfermidades: o viño que producen, cero tratamentos fitosanitarios”.

En que consisten as novas variedades híbridas de vide residentes ás enfermidades?
Trátase de realizar cruzamentos dirixidos, polo tanto non é nada que non aconteza na natureza de xeito espontáneo, só que neste caso eliximos as variedades: unha comercial que é sensible a unha enfermidade e outra variedade de vide que de xeito natural é resistente.

Do que se trata é de escoller entre a descendencia aquelas que herdaron a resistencia da planta doadora. Posteriormente, a través de sucesivos cruzamentos coa variedade comercial poder introducir a maior parte das súas características agronómicas para poder elaborar o tipo de viño que nos interesa.

Ao final obteremos unha nova variedade que é portadora da resistencia natural que foi doada por outra variedade e todas as características agronómicas e de calidade da variedade comercial.

Pódese resentir a calidade do viño con estas novas variedades?
Iso vai depender do número de xeracións coas que se cruce a variedade híbrida portadora da resistencia coa variedade comercial. Cantos máis cruzamentos sucesivos, máis idéntica será a calidade do viño á da variedade comercial.

variedad_Regent_standar

Variedade Regent, cultivada en Alemaña e resistente a enfermidades.

O problema é que as variedades doadores que levan a resistencia teñen unhas características agronómicas e de calidade que non son desexables para a calidade do viño. De aí o interese de ir cruzando sucesivamente o híbrido coa variedade comercial de interese e ao final obtense unha variedade nun 99% idéntica á variedade comercial, co que a calidade do viño será idéntica e non vai haber problema.

Cal é o grao de implantación destas variedades híbridas de vide en España?
Creo que o noso centro, o Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrario e Alimentario (IMIDA), está a ser o primeiro nestes programas de mellora. Pero creo que cada vez terá máis interese porque a Unión Europea vai obrigar a diminuír a cantidade masiva de funxicidas que se utilizan na vide debido aos problemas de contaminación de chans e acuíferos.

“Con estas variedades os tratamentos fitosanitarios da vide en Galicia poderíanse reducir bastante”

En Galicia as condicións climáticas son moi diferentes a Murcia. É extrapolable esta liña de mellora xenética da vide á nosa comunidade?
Creo que é precisamente en Galicia, onde chove tanto e máis se desenvolven as enfermidades fúnxicas da vide, onde se deberían iniciar xa estes programas de mellora porque ao final aínda que non obteñas unha variedade 100% tolerante ao mildeu ou ao oídio, simplemente se reduces os tratamentos fitosanitarios de 10 a 2 xa é un éxito, tanto en aforro para o viticultor, coma para a calidade e sanidade da uva, coma para o coidado do medioambiente. Hai mesmo variedades de vide que só necesitan entre 0 e 1 tratamentos.

Cal é o grao de implicación das empresas privadas nestas variedades?
O ideal é que haxa unha colaboración público-privada: os centros de investigación públicos que fagan a parte científica, e a parte privada que se encargue da parte de calidade e de terreos de ensaio para realizar estes cultivos.

 “En Alemaña máis do 80% da vide é de variedades resistentes a enfermidades”

Como se están a implantar estas variedades no resto de Europa?
En Alemaña máis do 80% da superficie xa está cultivada coa variedade resistente, sobre todo a Regent.

Que prazo de implantación en España destas novas variedades híbridas?
Se se inicia agora o proceso, a media de implantación sería de entre 20 e 30 anos. Todo dependerá da cantidade de cruces entre o híbrido e a variedade comercial. Se hai un híbrido intermedio con características enolóxicas interesantes o prazo pódese acurtar.

Que lle diría á opinión pública que ten reticencias á manipulación xenética?
Neste caso é un programa de mellora xenética tradicional, é algo que se produce de forma natural dende sempre. Simplemente neste caso diriximos os cruzamentos, pero non facemos ningunha manipulación xenética: soamente diriximos o cruzamento do pole de dúas plantas.

Podes descargar aquí o relatorio completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información