Cata concurso e túnel de viños en Rías Baixas

A Festa do Albariño inclúe este fin de semana un certame no que participan 54 marcas da anada 2015. O público ten a posibilidade de profundar nos viños da denominación en catas temáticas e persoais no salón de Congresos José Peña

Publicidade
Publicidade
Cata concurso e túnel de viños en Rías Baixas

Túnel do Viño de Rías Baixas, durante o acto de apertura.

A Festa do Albariño de Rías Baixas, que se celebra estes días en Cambados, ten dous dos seus focos principais na 37 edición da Cata Concurso oficial, á que concorren 54 marcas da anada 2015, e no Túnel de Viños, un escaparate con 132 marcas de 62 adegas que lle permitirá ao público asistente profundar nas características da oferta da denominación de orixe (DO). As catas temáticas protagonizadas por adegas da DO completan a oferta.

A Cata Concurso, que se inicia este sábado, congregará a 54 marcas da Anada 2015 e doutras tantas adegas. A actividade terá lugar no salón Bazán do Parador de Cambados durante o sábado 6 e o domingo 7 de agosto, enmarcada dentro do programa da LXIV Festa do Viño Albariño Denominación de Orixe Rías Baixas.

O certame comezará este sábado ás 10.00 horas coa denominada Cata Prima. Durante a mesma, o panel de cata dividirase en dous para avaliar todos os viños, que serán puntuados segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV). Os doce ou catorce (dependendo da decisión do xurado) mellores viños pasarán á Cata Derradeira, que se celebrará ao día seguinte, o domingo, ás 11.00 horas. Dela sairán os tres viños premiados, que os situarán entre as mellores Rías Baixas-Albariño da Anada 2015.

Esta Cata Concurso, organizada polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, contará cun panel de cata integrado por 24 expertos, pertencentes tanto ao panel de cata interno deste Consello como a un externo, disposto para a ocasión.

Catas temáticas
A sexta edición do Túnel do Viño e a terceira das Catas Temáticas D.O Rías Baixas abriron o xoves as súas portas no Salón de Congresos e Exposicións José Peña cunha importante a fluencia de público.

No denominado túnel do viño, o público asistente ten a oportunidade de profundar nos viños de Rías Baixas. 132 marcas de 62 adegas mostran todas as posibilidades de elaboración nesta denominación. A maior parte da oferta é de viños brancos, pero tamén os hai tintos e espumosos.

O Salón de Congresos e Exposicións José Peña ten abertas as súas portas ata o domingo. O horario este sábado será de 12 a 14.30 h pola mañá e de 19 h. a 21.30 h pola tarde, mentres que o domingo abrirá de 11 h. a 13.30 h.

Ao mesmo tempo, diferentes adegas da denominación protagonizan 11 Catas Temáticas nas que se pretende transmitir ao público tanto a filosofía de traballo de cada empresa como diferentes puntos de vista dos seus viños. O tempo estipulado de duración é de 45 minutos. Este sábado están previstas as catas de Condes de Albarei (12.15 horas), Adegas Chaves (13.15 horas) e Adegas Terras de Asorei (19.15 horas).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información