Cara a unha viticultura con menos uso de cobre: Retos e alternativas

O cobre é o principal produto para combater as enfermidades fúnxicas en viñedo, especialmente o mildiu. Sen embargo, desde o 31 deste mes o seu uso estará aínda máis limitado en viticultura ecolóxica e nalgúns países xa se aplican restricións para o seu uso en convencional. Analizamos as alternativas que se presentan

Publicidade
Cara a unha viticultura con menos uso de cobre: Retos e alternativas

Viñedo tratado con cobre

O cobre é o principal produto fitosanitario que se emprega para combater as enfermidades fúnxicas na viticultura, especialmente o mildiu. Porén, a súa acumulación ao longo dos anos pode provocar problemas de toxicidade nos solos, polo que a Comisión Europea decidiu intervir para limitar máis a súa utilización, empezando pola viticultura en ecolóxico, onde o cobre é o fitosanitario autorizado máis eficaz do que dispoñen os produtores.

Así, o pasado 27 de novembro os estados membros da Unión Europea acordaron renovar a autorización desta sustancia en viticultura en ecolóxico por un período de 7 anos, a contar desde o 31 deste mes, pero cun límite máximo de 4 quilogramos de cobre por hectárea de viñedo, no canto dos 6 quilogramos actuais. Este límite poderá superarse nun ano concreto se nos anteriores utilízase unha cantidade menor e a condición de que non se superen os 28 quilogramos por hectárea no conxunto do período 2019-2025.

Por outra banda, en países como Alemaña ou Suíza os propios viticultores en convencional estanse autoimpoñendo límites á utilización de cobre como fitosanitario, apostando por medidas alternativas, que van desde tratamentos culturais ao uso de vides máis resistentes ao mildiu e demais enfermidades fúnxicas, e cuxo máximo expoñente é o movemento PIWI.

Rosa Pérez, técnica da Estación Fitopatolóxica de Areeiro: “Algúns dos novos funxicidas poden permitir ir a unha viticultura sen cobre”

Rosa Pérez Otero

Rosa Pérez Otero

O cobre vense empregando na viticultura desde finais do século XIX cando desde Norteamérica chegou a Europa o fungo do mildiu, que arrasou os viñedos do vello continente. Cara a 1882 o científico francés Alexis Millardet descubriu por casualidade que o cobre resultaba efectivo para combater o mildiu e desde entón, e até a aparición dos funxicidas de síntese, este produto volveuse case imprescindible para o viticultor europeo.

Falamos con Rosa Pérez Otero, técnica da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra.

¿O uso do sobre é imprescindible nas condicións actuais da viticultura en Galicia?
Penso que imprescindible é un termo demasiado estrito, porque hai no mercado outros funxicidas de contacto que se poderían empregar até o final, e de feito nalgunhas parcelas dos nosos ensaios non empregamos o cobre.

En todo caso, penso que aos agricultores máis tradicionais, aos que non están asesorados e mesmo a outros viticultores que contan coa axuda dun técnico, vailles custar abandonalo, porque somos xente de costumes….

Pero tamén é certo que as empresas de fitosanitarios están a procurar funxicidas cúpricos que sexan menos residuais no chan, o que permitirá poder seguir contando, creo, coa participación do cobre e coas súas vantaxes nos programas de tratamentos a curto-medio prazo.

En canto ás doses medias utilizadas, quero pensar que sempre estarán dentro dos límites das que marcan as etiquetas, aínda que sei que a xente adoita empregar as máis elevadas e todos sabemos que ás veces, sobre todo os viticultores máis tradicionais e algúns inadecuadamente asesorados, superan as indicacións da etiqueta.

¿Como valoras os novos límites de uso de cobre en viticultura ecolóxica que acaba de acordar a Comisión Europea dun máximo de 4 kg por hectárea e ano ou 28 kg nun período de 7 anos?
Estes límites tenos que establecer a Comisión porque a preservación do medio ambiente é unha parte das súas competencias e porque se non os fixan tan baixos a xente pode seguir utilizando cantidades incompatibles coa preservación do medio.

“En Europa estamos a perder moitas materias activas que poderían ser alternativas ao cobre”

Eu penso que están ben que se faga por ese motivo, aínda que sería conveniente tamén que non incluísen a todos os cobres se, como parece que se está a demostrar, hai outras formulacións de cobre menos residuais.

Tamén considero que non debería esixirse desde Europa uns procedementos de revisión dos fitosanitarios, ou de rexistro dos novos, que supoñan un custo tan elevado para os fabricantes, porque así estamos a perder moitas materias activas que poderían ser alternativas.

Precisamente, ¿Que alternativas ves máis efectivas e viables para reducir o uso do cobre na viticultura e mesmo para ir cara a unha viticultura libre deste produto?
Considero que utilizando o sentido común e intervindo só cando é preciso en función das condicións climáticas (anteriores, actuais e futuras), do estado fenolóxico máis ou menos sensible da viña e dos coñecementos sobre o fungo, poderíase reducir o número de intervencións e tamén as doses empregadas, non só dos cobres senón tamén da totalidade de fitosanitarios.

Nalgunhas ocasións intervense por costume ou porque non se quere perder nin un quilogramo de uva, sen considerar que os beneficios son a diferenza entre ingresos e gastos, que é unha máxima que sei que non se aplica. Tamén hai que perder o medo “ao que pensen os veciños”, no sentido de que non pasa nada porque teñamos unha viña con certa presenza de enfermidade, que non estará tan “bonita” como unha tratada repetidamente (ou si, porque os tratamentos reiterados tampouco garanten a sanidade total), pero que non terá maiores problemas.

Por último, algúns dos novos funxicidas poden permitir ir a unha viticultura sen cobre. Outra cousa é que se queira prescindir desta sustancia e a medio prazo véxoo complicado.

Algo máis que queiras engadir?
Quixera engadir que está demostrado que unha boa loita contra as pragas e enfermidades nas plantas en xeral e nos viñedos en particular pasa non só por facer aplicacións de fitosanitarios (que ademáis deben ser feitas en condicións ambientais adecuadas, coa maquinaria ou equipos de aplicación ben calibrados, etc), senón tamén por practicar operacións culturais que favorezan un ambiente menos propicio aos parásitos e que favorezan tamén unhas plantas máis fortes. Aqueles que seguen os avisos fitosanitarios de Areeiro saberán que é algo que repito en numerosas ocasións e que pode axudar moito moito na procura dunha boa colleita final.

Bernardo Estévez, viticultor en ecolóxico no Ribeiro: “É moi difícil producir en ecolóxico cos problemas do cambio climático e sen alternativas eficaces”

Bernardo Estévez é un os primeiros produtores de viño en ecolóxico en Galicia, en concreto na Denominación de Orixe Ribeiro. O seu método de traballo é a viticultura biodinámica, un paso aínda máis por diante da agricultura ecolóxica. Sen embargo, as primaveras e comezos de verán húmidos dos últimos anos, inusuais nesta zona de Galicia, están a complicarlle moito lograr unha produción.

O cobre é un dos produtos que utiliza para combater as enfermidades fúnxicas, pero mesmo con pouca eficacia neste escenario de cambio climático. “Nunhas condicións meteorolóxicas normais emprego entre 1,5 e 2 quilogramos de cobre por hectárea de viñedo e ano, pero nas novas condicións climáticas, mesmo traballando con 4 quilogramos en ecolóxico perdes a colleita seguro”, explica.

“Intento que as plantas estean fortes para que cando ataque o fungo poidan resistilo mellor, e empregar o cobre como último recurso, pero nos últimos anos as novas condicións do verán e da primavera no Ribeiro son case tropicais, con moita humidade e calor, é moi difícil lograr unha colleita en ecolóxico”, engade.

Neste sentido, Bernardo Estévez critica que desde as administracións públicas non se investigue para achar tratamentos alternativos eficaces en ecolóxico para enfermidades como o mildiu ou o black rot e que eses coñecementos se transfiran ao sector produtor.

“Somos os viticultores en ecolóxico os que temos que soportar as perdas e realizar as investigacións pola nosa conta”, lamenta.

Neste sentido, un grupo de viticultores en ecolóxico da Península Ibérica uníronse nun grupo de traballo para buscar tratamentos alternativos ao cobre e aos funxicidas de síntese. De momento están a coñecer experiencias en Hispanoamérica, onde os centros públicos levan anos investigando en substancias eficaces para combater o mildiu ou o black Rot en viticultura ecolóxica.

Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax: “Saberemos adaptarnos ás novas circunstancias”

Joaquín Martínez Rodiño é responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax. Recoñece que lle preocupa que estean a caer moitos dos produtos fitosanitarios da lista dos autorizados polo Ministerio, “e especialmente que podan caer tamén o Folpet ou o Mancozeb”.

“Estamos nun período de transición e de incerteza pero confío en que os viticultores saibamos adaptarnos para cumprir coa normativa. Os fabricantes están traballando nunha nova xeración de produtos antifúnxicos penetrantes cada vez máis respectuosos co medio ambiente, e creo que para a viticultura en convencional son unha alternativa para lograr unha colleita de uva con garantías e respectar o medioambiente”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información