Califican de “parches mediáticos” e “beneficiosas para a banca” as medidas da Xunta contra os danos da xeada

Publicidade
Califican de “parches mediáticos” e “beneficiosas para a banca” as medidas da Xunta contra os danos da xeada

Viñedos queimados pola xeada no Ribeiro.

O sindicato Unións Agrarias cualifica de simples “parches mediáticos” os primeiros pasos dados pola Consellería do Medio Rural diante dos graves danos provocados polas xeadas nos viñedos galegos.

A organización agraria afirma que medidas como as propostas pola Consellería -rebaixas fiscais ou as axudas para as contraetiquetas-, “carecen de sentido neste momento posto que gran parte das explotacións afectadas perderon o 100% da capacidade de produción, polo que nada van tributar, e non poucas adegas teñen unha incerteza grande para manter a cota de mercado ao non dispoñer nin sequera de materia prima para a elaboración do viño”.

Unións Agrarias insiste en que “só a través dos mecanismos previstos nas axudas directas se pode paliar minimamente as graves consecuencias económicas que viven miles de familias de colleiteiros de Ourense e Lugo”.

Por outra parte, critican que na reunión convocada por Medio Rural para revisar os modelos de pólizas de seguros agrarios non se conte coas organizacións agrarias. “Unha decisión que ademais de antidemocrática é pouco intelixente posto que no caso de Unións Agrarias é un dos maiores tramitadores de seguros agrarios de Galicia e ten un amplo coñecemento das casuísticas e circunstancias que afectan aos produtores agrogandeiros galegos e que provocan que apenas un 12% dos produtores firmen un seguro agrario”, sinalan dende o sindicato.

Por último, o sindicato considera que “non entende que non se convoque inmediatamente unha mesa técnica que coordine unha estratexia de actuación que tamén debe englobar ás producións de castaña de Viana do Bolo, pataca en Vilalba e as de Kiwi da provincia de Pontevedra”.

A Fruga convoca unha asemblea en Verín o día 18

Pola súa parte, a Asociación Galega de Viticultores (Avg), integrada na Fruga, ven de manter unha reunión cos alcaldes e alcaldesas dos concellos pertencentes á Denominación de Orixe Monterrei para tratar dos danos causados polas xeadas e propor posíbeis solucións.

Na reunión tomouse o acordo de convocar unha asemblea a celebrar o próximo día 18 a partires das 7 da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, e á que están convocados tanto viticultores como viticultoras da comarca, así como todas as adegas da D.O. Monterrei.

A Fruga advirte que algunhas das medidas propostas só benefician ao sector bancario

“É intención da AGV-FRUGA continuar mantendo reunións por todas as denominacións de orixe afectadas por as xeadas de finais de mes de abril, así xa temos participado nas asembleas celebradas tanto en Ferreira de Pantón, na Ribeira Sacra na súa vertente norte, como na celebrada o pasado venres no Ribeiro, onde se acordou convocar unha manifestación a celebrar este próximo sábado 13 en Ribadavia, manifestación da que somos convocantes xunto con outras organizacións do sector”, explican dende a Avg-Fruga.

Por último, dende a organización critican que as medidas que está a anunciar a conselleira do Medio Rural para paliar os danos das xeadas “non están consensuadas cos sectores afectados, xa que a día de hoxe aínda non se reuniu con nós e pensamos que hai algunhas das medidas propostas só benefician ao sector bancario mais non aos e ás afectadas por estas xeadas”.

Neste sentido, dende a Fruga reiteran a necesidade dunha reunión urxente entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións representativas do sector “para avaliar os danos causados polas recentes xeadas e as posíbeis liñas de axuda para as explotacións afectadas así como para as adegas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información