¿Cales son as variedades de vide máis resistentes ao oídio?

Resumo do relatorio de Félix Cabello Sáenz de Santa María, director do Departamento de Investigación Agraria do IMIDRA da Comunidade de Madrid nas xornadas da EVEGA sobre “Novas perspectivas no control do oídio e do black rot no viñedo”

Publicidade
¿Cales son as variedades de vide máis resistentes ao oídio?

Rebusco afectado por oídio

O oídio é unha das enfermidades fúnxicas que máis perdas causa en viñedo. E nun contexto no que as tendencias do mercado apuntan a produtos en ecolóxico ou con cada vez menos residuos fitosanitarios, cobra importancia estratéxica lograr variedades que sexan o máis resistentes posibles ás enfermidades causadas por fungos.

Para falar sobre os avances neste sentido, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) organizou o pasado mes de abril unha xornada sobre “Novas perspectivas no control do oídio e do black rot no viñedo”. Neste simposio, Félix Cabello Sáenz de Santa María, Dr. enxeñeiro agrónomo e director do Departamento de Investigación Agraria do IMIDRA (Instituto Madrileño de Investigación e Desenvolvemento Rural, Agrario e Alimentario) disertou sobre “A sensibilidade das distintas variedades de vide ao oídio”.

Como punto de partida, Félix Cabello destacou que “España é o quinto país en diversidade de variedades viníferas do mundo, tras Italia, Portugal, Grecia e Croacia, e somos o primeiro país produtor de viño”. Esta riqueza de variedades, con 239 rexistradas a nivel nacional, ofrece un amplo campo para seleccionar aquelas que son máis resistentes ao oídio.

Porén, e tal como sucede noutros países, nos últimos anos tendeuse a utilizar unhas poucas variedades viníferas, de tal forma que “en España o 90% da produción de uva concéntrase nunhas 20 variedades, e o mesmo sucede en Francia e noutros países”.

Neste sentido, Félix Cabello advertiu de que “non estamos a aproveitar a enorme riqueza de variedades coas que contamos para a partir das que son máis resistentes ás enfermidades fúnxicas, seleccionar clons mellorados”.

Variedades con maior e menor resistencia ao oídio:

VARIEDADE TOLERANCIA EN ACIO TOLERENCIA EN FOLLA
Albariño ALTA MEDIA
Brancellao BAJA BAJA
Caíño Bravo ALTA MEDIA
Caíño Tinto ALTA MEDIA
Carrasquín ALTA ALTA
Doña Blanca MEDIA MEDIA
Ferrón ALTA MEDIA
Garnacha Tintorera BAJA BAJA
Godello BAJA MEDIA
Juan García MEDIA BAJA
Loureira ALTA ALTA
Mencía BAJA BAJA
Merenzao MEDIA MEDIA
Morrastel-Bouschet ALTA ALTA
Palomino BAJA MEDIA
Pedral ALTA ALTA
Sousón ALTA MEDIA
Tempranillo BAJA BAJA
Torrontés BAJA MEDIA
Treixadura MEDIA MEDIA

Variedades galegas

No caso das variedades galegas brancas, as máis resistentes ao fungo do oídio son a Loureira ou a Pedral, mentres que as que mostran maior sensibilidade son a Godello ou a Treixadura. A variedade Albariño é tolerante en folla ao oídio e tolerancia media en acio.

En canto ás variedades tintas, as máis sensibles ao oídio son as Mencía, Brancellao, Tempranillo ou a Espadeiro. Pola contra, a Sousón ou o Caíño son as que presentan maior resistencia.

“Na medida en que se manteñan as variedades autóctonas e minoritarias vanse a conseguir resistencias ao odio máis altas que nas variedades que se introduciron de fóra. É recomendable cultivalas porque, aínda que sexan menos produtivas, son máis resistentes ao oídio, ao mildiu …etc. e iso significa menos tratamentos e menos residuos fitosanitarios…”, destaca.

 

“O mildiu e o odio en viñedo será vencido por variedades híbridas, non por uso de cobre e xofre”

Félix Cabello Sáenz de Santa María advirte de que “unha das principais ameazas para a viticultura europea son os viños do novo mundo, de países como Sudáfrica, Australia ou Chile, onde os custos de produción son moito máis baixos, pero no caso de España tamén corremos o risco de quedar fóra do mercado polo auxe de variedades resistentes a enfermidades fúnxicas, que precisan 0 tratamentos, e que permiten elaborar viños ecolóxicos”.

Alemaña, Francia ou Suíza están a pór no mercado viños elaborados con 0 tratamentos grazas a vides resistentes

Neste sentido, lembra que “países como Alemaña, Francia ou Suíza levan anos traballando neste tema pola súa situación climática”. “Crearon variedades resistentes mediante cinco retrocruzamentos de variedades tradicionais con vides americanas, e están a pór no mercado viños etiquetados como elaborados con variedades pseudotradicionais pero con 0 tratamentos fitosanitarios”, advirte.

Cabernet Curtis, Cabernet Carbon, Pinotin, Cabertin ou Cabernet Blanc son algunhas destas novas variedades que se están estendendo por Europa, a países como o norte de Italia ou Austria.

A Oficina Europea de Variedades Comerciais está a permitir vender viños etiquetados con estes nomes que conteñen o nome da variedade tradicional cun apelido non definitorio de ningunha calidade e que foi empregada no retrocruzamento do cruzamento con vides resistentes de orixe americana. “Ao final -advirte -vaise conseguir unha botella coa etiqueta Cabernet ou Pinot, producida con 0 tratamentos e por tanto con menores custos de produción”.

“Pero a trampa -subliña- é que queren chamarlle a unha variedade nova co nome da variedade coa que están retrocruzando. E non é a mesma nin parecida”.

“Isto parte do movemento PIWI, que se creou en Alemaña e Suíza, por mor de que tiñan que aplicar moitos tratamentos contra mildiu, botrite ou oídio. É un movemento que vai a máis, para lograr viños e zumes con uva con 0 tratamentos fitosanitarios”, explica o director do Departamento de Investigación Agroalimentaria do IMIDRA.

Francia é outro dos países que se está a sumar con forza a este movemento do viño con 0 residuos de fitosanitarios. “Os franceses tamén teñen previsto sacar ao mercado máis de 40 variedades resistentes. Os alemáns foron os que primeiro empezaron. En ambos os casos son países que teñen proxectos a 50 anos vista, que poden cambiar completamente os seus viñedos e lograr unha nova viticultura para finais do século XXI, algo que en España non estamos a facer e que nos pode sacar do mercado ou quedarnos sendo os únicos xunto cos portugueses que manteriamos o actual sistema europeo de produción de viños de calidade baseado nas denominacións de orixe”, asegura.

A este respecto, Félix Cabello defende que “a nosa resposta debería ser buscar dentro de nosas moitas variedades tradicionais aquelas que sexan menos sensibles a estas enfermidades fúnxicas”.

 “Deberiamos apostar polas nosas variedades tradicionais máis resistentes a enfermidades”

En España están a realizarse procesos de mellora por hibridación con variedades resistentes nas variedades Xarello e Monastrell, buscando plantas con alta resistencia ao oidio, estes cruzamentos están a realizarse respectivamente en Cataluña e Murcia.

“Estas cruces interespecíficos teñen moito interese para lograr uva de mesa, uvas para zume con 0 tratamentos”, defende Félix Cabello.

En canto á opción de buscar clons máis resistentes dentro de cada variedade autóctona, móstrase excéptico sobre os seus resultados e defende que a explotación da diversidade varietal é máis fiable para buscar resistencia a enfermidades. A hibridación con outras variedades de vitis resistentes a oídio ou mildiu é algo que pode ter interese para elaboracións de viño de mesa, pero estes cruzamentos terminarían co encanto do mundo do viño da combinación variedade-elaboración-terroir”, conclúe.

Por último, o responsable do IMIDRA lembra que “estas melloras son por hibridación e retrocruzamentos, non por organismos modificados xeneticamente con xenes doutras especies”.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información