¿Cal é o punto óptimo de madurez da uva para a vendima?

Publicidade
¿Cal é o punto óptimo de madurez da uva para a vendima?

Vendima de uva Albariño na adega Terra de Asorei.

Esta semana marcou o inicio da vendima na maioría das comarcas, o que supón un adianto de 3-4 semanas, segundo zonas, fronte ao máis habitual debido ao clima seco e cálido deste ano. De feito, mesmo se pode comprobar que xa nas fincas máis adiantadas os rebuscos ou rebouzos (acios pequenos) están comezando a tomar a cor de maduración, o que é aínda máis sorprendente.

Neste sentido, dende a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia – EVEGA informan de que “o estado fenolóxico é de maduración en todas as castes recomendadas e autorizadas en Galicia”.

Así se recolle na seguinte táboa cos índices de madurez:

indices_madurez_evega

As precipitacións que se prevén para os vindeiros días “resultarán beneficiosas para o equilibrio de azucre e ácidos da colleita e para a limpeza dos acios de restos fitosanitarios”, segundo a Evega.

En canto ás graduacións na variedade de referencia Albariño en Rías Baixas, informan de que nas parcelas da Denominación de Orixe, atópanse nun abano de entre os 10 e 13(% V).

Neste sentido, engaden que esta semana constatouse unha importante baixada na acidez do mosto na maior parte das variedades mostreadas na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia.

Polo xeral, o groso da vendima prevese a partires do 4 de setembro, comezándose nalgunhas zonas na vindeira semana.

Incidencias fitosanitarias

No período de maduración a enfermidade con maior risco potencial é a Botrite. Afortunadamente, co tempo seco e altas temperaturas rexistradas a incidencia de Botrite é de escasa consideración nas variedades con maior sensibilidade á enfermidade, destacando o bo estado sanitario do cultivo.

“Ata a vendima a evolución dependerá en gran medida da humidade e precipitacións que se poidan rexistrar”, aseguran dende a Evega.

Traballos a realizar estes días no viñedo e manipulación da uva na vendima

-Acondicionar os viñedos para a vendima, realizando segas onde haxa herbas desenvolvidas, así como poda en verde da gomariza se colga dos laterais dos emparrados.

-A vendima debe realizarse no momento óptimo da madurez, seguindo a indicación das adegas elaboradoras.

-É necesario que as operacións de vendima se realicen axeitadamente: envases unitarios de vendima limpos, tesoiras de vendima, selección dos acios en bo estado sanitario e de madurez, enchido das caixas e transporte das mesmas con coidado para que non se prexudique a calidade da uva e non se produza oxidación da colleita antes de chegar á adega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información