“Cada vez temos menos produtos para combater as pragas”

Entrevista a Pedro Mansilla, xefe do Servizo de Fitopatoloxía da Estación do Areeiro. Destaca que a lexislación europea restrinxe cada vez máis o uso de pesticidas en agricultura, o que obriga a utilizar métodos alternativos como bioestimulantes ou fungos antagonistas "que son de acción máis lenta, pero funcionan".

Publicidade
“Cada vez temos menos produtos para combater as pragas”

Pedro Mansilla

Pedro Mansilla (Madrid, 1952), é enxeñeiro xefe do Servizo de Fitopatoloxía da Estación do Areeiro -centro dependente da Deputación de Pontevedra- dende 1986. Ademais, é profesor de profesor de Entomoloxía Forestal na Escola de Lourizán e profesor asociado de Fitopatoloxía Forestal no Campus Universitario de Lugo.

Como se está a presentar esta tempada en canto á sanidade vexetal en Galicia?
Comezou a agromada e, na provincia de Pontevedra, que é o que máis coñezo, empezaron os primeiros síntomas de mildeu na pataca. Nos viñedos da DO Rías Baixas de momento a situación non é preocupante en canto a mildeu, coas primeiras manchas que tamén eran esperables.

En maceira de momento non temos grandes preocupacións e na cerdeira se que están a aparecer problemas de monilia e botritis.

Cales son as enfermidades máis virulentas ás que se están a enfrontar os agricultores?
En viticultura, sobre todo as enfermidades radiculares e da madeira. Estanse a incrementar por varias causas: dende os viveiros que venden planta en condicións dubidosas, á prohibición do arsenito sódico para combatelas, sen que haxa unha alternativa clara de tratamento.

En canto ás enfermidades de raíces, a armilaria é das máis comúns e agravouse porque xa temos poucos produtos fitosanitarios para combatela. Ofrécesenos como alternativa os tratamentos con bioestimulantes, e é certo que a planta está en mellores condicións pero non controla a enfermidade.

Estas limitacións en canto a tratamentos tamén se dan no mundo forestal, onde tamén está a haber un repunte de enfermidades. Xunto a estes patóxenos que xa coñeciamos tamén nos preocupan os de nova aparición.

A globalización está a estender tamén as pragas dos vexetais?
Está claro que si. O intercambio comercial é hoxe máis activo que nunca e quizais debería haber inspeccións sanitarias máis drásticas e un maior control.

Unha opinión entre os agricultores é que cada vez hai máis enfermidades e é máis difícil controlalas. Comparte esta opinión?
É certo que hai resistencias das pragas aos tratamentos pero porque se saltan os consellos dos propios fabricantes de produtos fitosanitarios en canto a non repetir tratamentos.

O que si que é certo é que cada vez temos menos materias activas par combater as enfermidades porque a lexislación sobre pesticidas é cada vez máis estrita e moitos produtos tamén van desaparecendo do mercado porque ao vencer o período de rexistro e liberalizarse a patente os fabricantes non ven rendible seguir comercializándoos.

“En viticultura están a medrar as enfermidades radiculares e da madeira”

Traballamos cada vez máis con novos produtos como bioestimulantes, fungos e bacterias antagonistas. O que pasa é que son produtos de acción máis lenta porque a loita biolóxica non dá resultados inmediatos, pero é eficaz e respecta o medioambiente, e isto ás veces os agricultores non o entenden.

Despois dunha longa experiencia traballando co sector Como valoras os cambios que se produciron na agricultura galega nas últimas décadas?
Dende o meu punto de vista o maior boon foi o da viticultura. Cando cheguei a Galicia case non podías conseguir unha botella de albariño con etiqueta e hoxe é un sector que se desenvolveu moito e non ten que envexarlle a ningunha rexión vitícola do mundo. Imos ter competencia pero contamos cunha terra e uns técnicos marabillosos.

Noutras áreas, a floricultura practicamente desapareceu da provincia de Pontevedra e a fruticultura non se desenvolveu como debería. No caso do kiwi é unha pena porque é un produto espléndido pero quizais os agricultores apostaron máis pola viticultura e porque para facer grandes plantacións de kiwi en Galicia é moi difícil conseguir terreo.

Viviu a época dos servizos públicos de extensión agraria. Bótanse en falta?
Había uns servizos pioneiros en moitos casos e que realizaron un labor inxente, polo que foi unha pena a súa perda porque eran o nexo entre a investigación práctica e o agricultor.

É certo que agora mesmo toda a información está en internet, pero desbrozar o importante non é doado. Iso antes facíano os axentes de extensión agraria, que coñecían o terreo e ao agricultor e este confiaba neles porque estaban a pé de campo.

Como está a situación da investigación agraria en Galicia?
A investigación agraria en Galicia, ao igual que no resto de España, está a sufrir recortes dende hai anos. Non obstante, son optimista: todos temos problemas presupostarios e de falta de persoal pero espero que superemos esta conxuntura e temos que intentar facer o noso traballo do mellor modo posible.

En investigación o fundamental son os equipos, as persoas e o que é lamentable é que cando tes formada a unha persoa, despois de 4 ou 5 anos, se teñan que ir por falta de presuposto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información