“Buscamos a naturalidade dos viños, respetando a terra e o medio”

Castro de Lobarzán é unha adega familiar da Denominación de Orixe Monterrei que se orienta á elaboración de viños persoais, baseados no traballo no viñedo

Publicidade
“Buscamos a naturalidade dos viños, respetando a terra e o medio”

Viñedos de Castro de Lobarzán.

Os viñedos da adega Castro de Lobarzán queren ser o sinal de identidade dos seus viños. A adega, ubicada en Villaza (Monterrei), distínguese por un manexo no que prima a busca do equilibrio na viña, gardando o respeto á terra e ó entorno. “Queremos producir viños persoais que traduzan as características da terra na que están”, contan.

Castro de Lobarzán naceu no ano 2000, aínda que a tradición de cultivo das uvas e de elaboración do viño remóntase varias xeneracións. O pulo definitivo do que é hoxe a adega chegou a inicios dos anos 90, cando José Fernández comezou a renovar as plantacións para profesionalizalas. Instalou os primeiros viñedos en espaldera e seleccionou variedades, decantándose principalmente pola godello e treixadura en uva branca e pola mencía e a araúxa en tintos.

Planta local
Unha característica singular dos viñedos de Castro de Lobarzán é que a maior parte das súas 5,5 hectáreas están plantadas ou enxertadas con variedades obtidas da zona de Villaza. “Temos o pensamento de que as plantas con tradición no lugar están máis adaptadas ó microclima e ás condicións do entorno”, contan na adega, que na actualidade xestionan José Fernández, a súa muller, Isaura Justo, e o fillo de ambos, José Manuel Fernández.

José Fernández, eliminando malas herbas.

José Fernández, eliminando malas herbas.

A preocupación polo manexo do viñedo é unha constante no traballo da adega. “Buscamos o respeto á terra e a naturalidade dos viños, para o que evitamos cuestións como o uso de herbicidas ou de tratamentos sistémicos. Traballamos só con sulfatos de contacto e con xofre en po”, explican.

A obtención de rendementos equilibrados representa outro dos piares de Castro de Lobarzán. “Facemos vendimas en verde no intre do envero, normalmente en agosto, para deixar a carga de uva que mellor se axeita a cada planta e parcela. Hai fincas nas que o rendemento non pasa de 3.000 quilos hectárea. Poderiamos facer máis viño e ter máis clientes, pero queremos diferenciarnos pola calidade. En prezo, non queremos competir con ninguén. Pensamos que os viños persoais sempre van ter mercado”, valoran.

Mercados
A adega elabora cada ano arredor de 30.000 botellas. Este ano serán menos, pois a xeada tardía afectou á gran maioría das parcelas, igual que lle sucedeu a outros viticultores das denominacións ourensáns, se ben é aínda cedo para facer unha valoración final da campaña.

A adega fai vendima en verde para mellorar a calidade da colleita.

A adega fai vendima en verde para mellorar a calidade da colleita.

O 70% da súa produción adóitase vender en Galicia e o 30% restante noutros puntos de España e no estranxeiro, en países como Estados Unidos, Xapón ou Bélxica.

A principal referencia da adega é o Castro de Lobarzán de godello e treixadura. Cada ano elaboran tamén unha produción limitada do Lobarzán Isaura 100% godello, avellentado en carballo francés. “Fóra de Galicia, o mercado está máis interesado nos brancos galegos que nos tintos, que teñen un carácter fresco e atlántico menos integrado nos hábitos dos consumidores”, valoran.

En tintos, Castro de Lobarzán elabora principalmente un viño xove de mencía e araúxa. Tamén en ocasións, cando as características da produción o permiten, produce un viño de garda de mencía, araúxa e bastardo (ou merenzao). De cara ó futuro, traballarán tamén co sousón e coa zamarrica, unha variedade local que están a recuperar coa colaboración doutro viticultor da zona.

Una idea sobre ““Buscamos a naturalidade dos viños, respetando a terra e o medio”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información