Boletín de avisos fitosanitarios en viñedo e maceiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro descarta problemas de mildiu e oidio en viña, pero recomenda prestarlle atención á botrite. En maceiras, xa se están a detectar caídas de mazás polo agusanado

Publicidade
Boletín de avisos fitosanitarios en viñedo e maceiras

En maceira, convén retirar as mazás perforadas que caen ó chan para reducir a praga en vindeiros anos. / Imaxe: Areeiro.

O viñedo continúa nunha situación similar á semana pasada, según o último boletín de avisos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. O principal problema ó que se enfrontan as viñas é o estrés causado pola seca e ás altas temperaturas. Se hai posibilidade de rega, recoméndase aplicala, aínda que a curto-medio prazo hai previsión de choivas. As enfermidades fúnxicas e os ataques de ácaros ou insectos son a día de hoxe case inexistentes.

A meteoroloxía da pasada semana non foi favorable ó mildiu. De chover esta semana, tal e como se pronostica, poderían aparecer novas manchas, aínda que coa xeneralización do envero, os racimos xa non son sensibles ó fungo. De aplicarse un tratamento, hai que lembrar que conver mollar máis o envés que a cara da folla.

Tampouco o oidio preocupa na actual situación, xa coas uvas en maduración, se ben si que haberá que prestar atención á botrite, pois en caso de humidade e choivas antes da vendima poderían aparecer episodios de podredume nos racimos. Se hai uvas afectadas polo golpe de sol, recoméndase retiralas, xa que son máis sensibles á entrada da botrite.

En canto a danos por ácaros ou pola polilla do racimo, só se detectaron de xeito puntual fincas illadas con problemas. De ser ese o caso e de superarse o umbral de tolerancia, habería que facer os correspondentes tratamentos.

Maceiras
Nas maceiras, os principais problemas detéctanse unha semana máis coa carpocapsa ou agusanado das mazás. Na comarca de Pontevedra, as capturas superan o umbral de tolerancia, e tamén se están a rexistrar capturas no Salnés. As perforacións de mazás continúan estables, pero xa se están a detectar mazás no chan, que haberá que retirar para reducir danos de cara a vindeiras campañas.

Co moteado polo de agora non están a detectarse problemas. En canto á araña vermella, recoméndase tratar só se hai máis dun 40-45% de follas con presenza da praga. De aplicar un fitosanitario, haberá que respetar os prazos de seguridade antes da colleita.

Buxo
O buxo continúa a sufrir a praga da polilla china (Cydalima perspectalis). O seu control debe realizarse aplicando aceite de parafina, azaridactín, cipermetrín, deltametrín ou outros piretroides.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información