Bodega Eladio Santalla: Un exemplo de relevo xeracional que aposta polo Godello de Valdeorras

Eladio e Marcos Santalla Freile son dous profesionais da hostalaría que decidiron continuar coa adega familiar na D.O. Valdeorras. Renovaron as plantacións, apostando pola variedade Godello e teñen previsto seguir medrando con novos viñedos para atender unha demanda que non para de medrar

Publicidade
Bodega Eladio Santalla: Un exemplo de relevo xeracional que aposta polo Godello de Valdeorras

Eladio e Marcos Santalla Freile traballando estes días na vendima

Bodega Eladio Santalla é unha adega familiar da Denominación de Orixe Valdeorras na que nos últimos anos se produciu un relevo xeracional, que está a apostar pola plantación de novos viñedos e pola profesionalización do sector, unha tendencia que se da en toda a DO e que reflicte o bo momento que está a atravesar, grazas a unha crecente demanda de viño da variedade Godello.

A orixe desta adega está en Eladio Santalla Paradelo, que compatibilizaba a súa profesión de hostaleiro -abriu hai 36 anos no Barco a pulpería El Dorado, que hoxe levan os seus fillos- co cultivo de varios viñedos para consumo familiar.

“Antes facíamos o viño de forma caseira e cando nos incorporamos ao negocio familiar eu e o meu irmán, Marcos, decidimos dar o paso de profesionalizarnos, incorporar novas tecnoloxías e construír no 2009 unha adega moderna”, explica Eladio Santalla Freile, segunda xeración de viticultores e hostaleiros.

Os viñedos familiares, arredor de 1,5 hectáreas, localizábanse nos Ucediños, no lugar de O Serro, no Barco. O primeiro que foron facendo Eladio e Marcos hai uns 15 anos foi reestruturar os viñedos, cambiando as variedades foráneas, fundamentalmente Garnacha e Jerez, e substituíndoas por Godello.

Posteriormente, no 2010 ampliaron a súas parcelas cunha hectárea no concello de Larouco, tamén coa variedade godello, pero perfil aromático e de maduración diferente, debido á maior elevación e ao tipo de solo, máis areoso.

Prevén ampliar plantacións no concello de Larouco con viñedos de Godello

“E en Larouco é onde temos posibilidade de seguir ampliando as plantacións de viñedo nos próximos anos. O noso proxecto é plantar unhas 3 hectáreas máis de viñedo porque vemos que o Godello cada vez ten máis demanda e tamén porque queremos ter maior produción propia de uva”, explica Eladio.

E é que a colleita de uva dos viñedos de Bodega Eladio Santalla é insuficiente para atender a súa demanda, polo que a compran tamén a viticultores cos que procuran manter acordos estables e unha relación a longo prazo. “Elaboramos entre 45.000 e 50.000 botellas ao ano, nun 90% de Godello, e a nosa produción non chega para atender a demanda crecente. Por iso, o futuro para as adegas da DO. Valdeorras véxoo en traballar con viticultores profesionais e cos que haxa unha relación estable a varios anos, de forma que gañemos as dúas partes, e por outra en que as adegas teñamos máis viñedo propio”, explica Eladio.

Neste momento, Bodega Eladio Santalla ten no mercado tres viños: Hacienda Ucediños Godello, un viño xoven con 4 meses sobre lías; Hacienda Ucediños Mencía, un tinto xoven, e Hacienda Ucediños Barrica, un mencía envellecido 3 meses en pipas de carballo francés e americano.

“O futuro para as adegas pasa por ter relación estable con viticultores profesionais e por ter máis viñedo propio”

O mercado desta adega concéntrase en Galicia, onde venden arredor dun 40% da súa produción; un 45% comercialízase no resto de España, fundamentalmente no País Vasco, Asturias, Madrid e Barcelona, e un 15% destínase á exportación, sobre todo a Estados Unidos, Australia, Bélxica e Holanda. “Empezamos a exportar no ano 2010 e vai medrando de forma lenta pero sostida”, destacan.

Eladio Santalla Freile destaca as boas perspectivas para o viño Godello de Valdeorras, pero recoñece que non hai oferta suficiente para atender o mercado. “Levamos varios anos de malas colleitas e precisaríamos ampliar os viñedos e unhas boas producións para lograr atender a demanda que temos”, asegura.

Un Godello cun importante palmarés de premios

O godello de Hacienda Ucediños xa acumula un importante palmarés en apenas oito anos. Así no 2010 recibiu a Medalla de Ouro no certame Vinis Terrae; no 2012 a Medalla de Bronce nas Catas de Galicia; valorado na Guía Peñin con 92 puntos e medalla de ouro en INTERNATIONAL WINE GUIDE 2014. Foi distinguido tamén coa medalla de ouro na Guía de Vinos y Destilados de Galicia en 2015 y en 2018 ou Acio de Ouro nas Catas de Galicia 2015. No 2017  tamén recibiu o Bacchus a nivel nacional.

VALDEORRAS_UCEDIÑOS_VIÑOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información