Bo estado sanitario do viñedo a poucas semanas da vendima

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda manter a vixilancia sobre a botrite e tamén sobre o mildeu, en especial naquelas viñas que xa tiveran danos importantes esta campaña

Publicidade
Bo estado sanitario do viñedo a poucas semanas da vendima

Fructificación de botrite nun racimo de treixadura. / Imaxe: Areeiro.

O último boletín de avisos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, valora en xeral un bo estado sanitario do viñedo, a unhas poucas semanas da vendima. As chuvias rexistradas na última semana a penas tiveron repercusión no desenvolvemento de enfermidades fúnxicas.

En canto ó mildeu, o nivel de risco é baixo, se ben convén manter a vixilancia nas viñas que xa tiveran danos importantes esta campaña, pois se as plantas sufriron certa perda de folla e estrés hídrico, poderían ver reducida a súa eficiencia fotosintética, afectando á maduración da uva.

En fincas con elevada presenza de manchas de mildeu, será convinte aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera intre antes da caída da folla, para reducir o nivel do inóculo de cara á vindeira campaña.

En oidio, Areeiro detectou escasos síntomas e, en calquera caso, xa coa uva en envero e maduración, non se espera afección sobre a colleita.

Botrite
A presión por patóxenos de pudrición dos racimos foi reducida ata o de agora. Sen embargo, co aumento de azúcares na uva, hai máis probabilidade de que se instale nos racimos con feridas ou nas variedades sensibles.

Como aínda restan varias semanas para a vendima, poderían rexistrarse episodios de condicións favorables para a botrite, polo que convén manter a alerta. En caso de que fosen precisos tratamentos, hai antibotríticos rexistrados cun prazo de seguridade de 14 días. Se o viticultor traballa para unha adega con data límite para sulfatar a viña, deberá consultar cos técnicos da adega.

Areeiro recomenda que o último tratamento, con carácter xeral, sexa 21 días antes da vendima

En tratamentos estándar para condicións ambientais favorables, recoméndase que a última aplicación sexa 21 días antes da vendima.

Cando sexa posible, en fincas de reducida superficie e con variedades especialmente sensibles á botrite, convén retirar os grans rachados polas chuvias. Dese xeito, limítanse as posibilidades de podremia da uva por patóxenos nas feridas.

En variedades propicias para a enfermidade, tamén haberá que facer un especial seguemento das perforacións ocasionadas pola polilla do racimo (Lobesia botrana). Os umbrais de tolerancia para esta praga son dun 5-8 por cento de uva afectada en variedades non sensibles á botrite e do 3-5 % nas variedades máis susceptibles.

Enfermidades da madeira
As condicións meteorolóxicas do verán foron moi favorables á exteriorización dos síntomas das enfermidades da madeira, polo que é interesante marcar os pés e zonas afectadas, de cara a practicar unha poda específica sobre eles.

Convén lembrar que a poda é un dos medios de dispersión dos patóxenos que causan as enfermidades da madeira, polo que tras podar os bacelos con enfermidades da madeira, haberá que desinfectar as ferramentas de poda con auga osixenada ou líquidos desinfectantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información