Bioca: o Godello máis premiado do mundo

Visitamos a adega Bioca, en Petín, na Denominación de Orixe Valdeorras. O seu Godello ten o palmarés de ser o máis premiado a nivel mundial. Contamos a historia desta adega.

Publicidade
Bioca: o Godello máis premiado do mundo

Tino Naveira no seu viñedo

Bioca é como se denomina no galego de Valdeorras a unha canón profundo formado por un río ou un regato. E precisamente na aldea da Barxiela, nas ladeiras dos regatos Bioca e Olivedo, nas terras altas e solleiras de Petín, é onde se cultiva o viño godello máis premiado do mundo.

A historia desta adega é a da volta ás raíces e a de posta en valor do traballo dos nosos antepasados. Comeza alá polo ano 1954 cando o pai de María Teresa Núñez Vega establécese nesta zona, constrúe unha adega, e planta os viñedos. Os seguintes anos foron de bonanza para esta explotación vitícola familiar, centrada entón na venda de viños a granel.

Sen embargo, tras máis de 40 anos de actividade, a falta de relevo xeracional levaron ao abandono da adega. Foi Celestino Naveira, un betanceiro casado con María Teresa Núñez o que relanzou a adega. “Vivíamos en Madrid, onde traballaba de director financeiro nunha empresa. Fixen un curso de enoloxía, e como vía que trala morte do meu sogro as viñas estaban quedando abandonadas, unha cousa levoume a outra. Así no ano 2000, cando me xubilei, volvimos para Petín, para volver poñer en marcha a adega do meu sogro”, explica Tino Naveira.

De director financeiro dunha empresa en Madrid e viticultor e adegueiro en Petín

Os comezos non foron fáciles porque gran parte das fincas estaban en estado de abandono e moitas das videiras eran irrecuperables. “Tiñamos arredor de 2 hectáreas arredor da adega, e tivemos que plantar case todo, conservando só unhas cepas vellas de Garnacha Tintoreira”, recoñece.

Para a nova plantación apostaron pola variedade raíña de Valdeorras, a Godello, e pola Mencía para o tinto. Nos seguintes anos foron ampliando os viñedos, tanto por compra como pola vía de aluguer a viticultores que ían abandonando a actividade. Así, a día de hoxe a adega de María Teresa Núñez Vega traballa un total de 6 hectáreas con tres variedades que se reparten do seguinte xeito: un 50% de Godello, un 40% de Mencía e un 10% de Garnacha Tintoreira.

“As castes que tiña o meu sogro eran a Garnacha Tintoreira, o Palomino, a Grao Negro, algo de Mencía e catro cepas de Godello. Quixemos apostar por castes autóctonas, como a Godello e a Mencía, pero decidimos manter as de Garnacha Tintoreira porque tanto pola súa idade, arredor de 60 anos, como pola tipo de uva permiten elaborar uns viños con moita personalidade”, explica Tino Naveira.

A saída ao mercado foi no ano 2004 con 6.000 botellas e o recoñecemento non lles tardou en chegar. “Dende o segundo ano presentamos o noso viño a concursos e sorprendeunos o éxito que tivo”, confesa. Hoxe van polas 50.000 botellas e o seu Godello xa acumula no que vai de ano 13 premios a nivel internacional, entre eles a Medalla de Ouro do International Wine and Spirits Competition de Londres.

Dende o 2007 o Godello de Bioca acumula máis de 70 premios a nivel internacional

¿E cal é o segredo deste Godello que dende o ano 2007 acumula máis de 70 premios a nivel internacional, entre eles en 2013 o de Segundo Mellor Viño do Mundo en todas as categorías para a Asociación Mundial de Escritores e Xornalistas do Viño? Celestino Naveira non dubida en que a clave está no terroir e na variedade. “O meu sogro elixiu unha zona moi boa, en ladeira, con orientación ao leste e un sol que lle da todo o día, especialmente pola tarde”. Proba diso, é que esta adega e esta zona é na que máis pronto madura a uva en toda a Denominación de Orixe Valdeorras, cun adianto todos os anos de entre unha semana e dez días respecto ao resto.

A altitude, a 360 metros, e a disposición en socalcos, tamén axudan á maduración e a unhas óptimas condicións sanitarias, con moi pouca afectación de fungos.

O saber facer dos antergos respecto á ubicación dos viñedos tamén se fai notar en anos de adversidades climatolóxicas coma este. “As viñas situadas na ladeira salváronse da xeada, pero as que alugamos na zona do val afectoulles moito”, explica Tino Naveira.

Aposta por Godello xoven e pola crianza para o Mencía

Con estes vimbios elaboran tres monovarietais: unhas 30.000 botellas de Bioca Godello, 15.000 de Bioca Mencía e arredor de 5.000 de Bioca Garnacha Tintoreira.

A súa aposta é por viños monovarietais e xoves, sen crianza. A razón para Celestino é que “o Godello se se consume no ano mantén as características de frescura e de recendos afroitados naturais, algo que perde cando se somete a garda, o que non quere dicir que haxa Godellos de 3 anos que son grandes viños”.

Sen embargo, no caso dos tintos si que fan garda, e de feito estes días sacarán ao mercado 3.500 botellas do seu mencía da colleita 2016 con 6 meses de crianza en barrica.

En canto ao mercado, a maior parte concéntrase en Galicia, pero tamén venden en Asturias, Bilbao, Asturias, Madrid e Cataluña. E o 15% das vendas van para a exportación, principalmente a Londres e a Bélxica, e en menor medida a Estados Unidos e a Australia. “Non facemos ningunha publicidade, soamente a que nos dan os premios aos que acudimos, e a nosa aposta pola calidade, que moitas veces nos obriga a sacrificar cantidade de uva”, recoñece.

Neste sentido, Celestino Naveira asegura convencido de que “o Godello está de moda e é unha variedade coa que Valdeorras pode competir en calidade con calquera viño a nivel mundial”.

BIOCA_VALDEORRAS_2

Relevo xeneracional: cada vez menos viticultores pero máis superficie de viñedo

O que si lle preocupa a Celestino é o relevo xeracional na viticultura. Aos seus 73 anos e medio segue traballando a viña coa axuda dun empregado “porque para min é unha paixón, non valgo para estar parado e mentres teña saúde seguiremos”. Pero nin o seu fillo nin os seus sobriños queren tomar o relevo nesta actividade.

Neste sentido, prognostica que “se ben se reducirá o número de adegas e de viticultores, porque será preciso ter un tamaño medio para vivir da viticultura, a superficie de viñedo en Valdeorras seguirá aumentando con adegas máis profesionais e de maior tamaño, porque é un sector con moito futuro e atractivo economicamente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información