Axudas para os viñedos danados pola xeada: medidas en España e en Francia

Axudas para a replantación de vides, unha liña de créditos brandos ou rebaixas na presión fiscal son algunhas das medidas concretas que vai anunciando tanto a Consellería do Medio Rural como o Goberno Central. Comparámolas coas que se propoñen en Francia

Publicidade
Axudas para os viñedos danados pola xeada: medidas en España e en Francia

Reunión este luns do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios

Axudas para a replantación de vides, unha liña de créditos brandos ou rebaixas na presión fiscal son algunhas das medidas concretas que vai anunciando tanto a Consellería do Medio Rural como o Goberno Central para paliar en Galicia os danos provocados polas xeadas que hai dez días arrasaron unhas 1.800 hectáreas de viñedo na Comunidade.

Así o explica a Consellería do Medio Rural nunha nota trala reunión este luns en Madrid do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que Ministerio de Agricultura e Comuinidades Autónomas analizaron medidas para paliar os danos ocasionados no agro pola seca e as xeadas.

En concreto, en Galicia o departamento que dirixe Ángeles Vázquez asegura que está traballando na creación dunha liña de créditos brandos específica para o sector afectado en coordinación coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, se está preparando unha orde de axudas para a replantación, de tal forma que todos os afectados que perdan plantas, poidan ter produción en anos vindeiros.

Rebaixas fiscais

Ademais, dende a Consellería aseguran que “o Ministerio está analizando as posibilidades de colaboración, por exemplo, a través de financiamento de circulante e a unificación dos tipos de interese”. “Ademais, tamén valorará, a petición da Consellería do Medio Rural de aplicar rebaixas fiscais para o próximo exercicio no IRPF para as áreas produtoras de viño danadas polas xeadas”, engaden.

Reunión para mellorar a cobertura dos seguros agrarios

Outro dos temas que se ten previsto abordar é o da escasa implantación dos seguros agrarios para viñedo, que en Galicia son contratados por pouco máis do 20% dos viticultores. A este respecto, dende a Consellería anuncian que “ao longo desta semana está previsto un encontro entre a Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), Agroseguro, técnicos da consellería e as denominacións de orixe de viño afectadas polas xeadas para analizar a situación dos seguros no sector vitivinícola e explicar toda a información ao respecto da contratación de pólizas”. A Consellería pretende que se axilicen os pagos daquelas explotacións que teñan aseguradas as súas terras para favorecer a súa actividade económica.

Xunta e Goberno Central non plantean axudas directas

Sen embargo, non se está a propoñer de momento axudas directas aos viticultores por metro cadrado de viñedo danado, tal e como reclaman os viticultores e as organizacións agrarias, unha vez que a Consellería do Medio Rural estableceu un precedente o pasado mes de setembro concedendo estas axudas aos viticultores de Sober afectados por un episodio de saraiba. É certo que a superficie afectada daquela na Ribeira Sacra non chegou ás 200 hectáreas mentres que os danos polas xeadas poden superar as 1.800 hectáreas.

Está por ver se a mobilización do sector, -para este sábado está convocada unha manifestación en Ribadavia-, ten suficiente forza e repercusión como para que as Administracións establezan estas axudas directas.

¿Que medidas se propoñen en Francia? Mesmo problema de poucos seguros para as viñas

Galicia e España non foron os únicos países nos que a cuña de frío polar arrasou boa parte dos viñedos. Os viticultores franceses tamén padeceron as xeadas e en zonas emblemáticas como Bordeos estímase que a produción este ano caerá cando menos un 30%. En canto aos seguros agrarios, soamente un 15% das 800.000 hectáreas de viñedo en Francia están aseguradas, segundo datos do goberno francés.

No caso concreto de Bordeos, a pasada semana tivo lugar unha reunión de crise na Cámara de Agricultura de Xironda -o departamento no que se atopan os viñedos desta denominación de orixe- na que participaron Goberno Central, concellos, departamentos, sindicatos agrícolas, aseguradoras, patronais das adegas …En definitiva, todo o sector que actuou unido, para consensuar unha serie de medidas de apoio aos viticultores.

As principais propostas son as seguintes:

-Activar e impulsar os seguros smultiriscos e contra a xeada, que se consideran como o principal medio de asegurarse contra as importantes perdas para os viticultores.

-Declarar o procedemento de calamidade agrícola para os cultivos non asegurables e as perdas de fondos.

-Medidas de apoio fiscal.

-Reduccións das cotizacións sociais.

-Posta en marcha do paro temporal para a man de obra asalariada.

-Asunción dos intereses dos préstamos.

-Activación dun acordo de posta a disposición de viñedos entre viticultores.

-Reestruturación da viña.

As medidas serán concretadas nestes días así como os requisitos para os beneficiarios das mesmas.

FRANCIA_VIÑA_XEADACampaña solidaria #JeSoutiensMonVigneron/ #EuApoioaoMeuViticutor

En Francia, onde a valoración social do agricultor e do gandeiro é moi superior ca en España, nada máis coñecerse as graves perdas provocadas pola xeada, lanzouse nas redes sociais unha campaña solidaria de apoio aos viticultores co hastag #JeSoutiensMonVigneron, ou o que é o mesmo #EuApoioaoMeuViticutor.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información