Autorizan un maior rendemento de extracción de mosto para a DO. Monterrei

Autorizan un maior rendemento de extracción de mosto para a DO. Monterrei

A Consellería de Medio Rural publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a decisión favorable aos cambios no prego de condicións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.

Os cambios, solicitados a petición do propio Consello Regulador, afectan ao rendemento de extracción do mosto e á descrición das características organolépticas destes viños.

Aumenta o rendemento máximo ata os 74 litros de viño por cada 100 kilogramos de uva

Polo que se refire ao rendemento máximo autorizado de extracción de mosto increméntase de media ata os 74 litros de viño por cada 100 quilogramos de uvas. “Este cambio xustifícase en que a tecnoloxía actual empregada na elaboración de viños permite obter rendementos de extracción máis elevados que os actualmente admitidos sen detrimento da calidade”, explican dende a Consellería de Medio Rural.

En concreto, os viños deben estar elaborados polo menos cun 60 % de variedades preferentes, e os rendementos por hectárea non poderán superar os 84,36 hectolitros por hectárea nos viños brancos e os 79,92 hectolitros por hectárea nos tintos. A anterior normativa do Consello Regulador, do ano 1995, establecía o rendemento máximo de extracción nos 65 litros de mosto por cada 100 quilogramos de vendima para as variedades brancas e 70 litros por cada 100 quilogramos para as variedades tintas.

No que respecta ás características organolépticas, modifícanse os descritores para que estes sexan o máis obxectivos posible, fuxindo dunha caracterización hedónica, e por tanto subxectiva, que dificultaba o proceso de acreditación dos ensaios conducentes á certificación dos viños da denominación de orixe.

Así queda o novo prego de condicións da Denominación de Orixe Monterrei. 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información