As autorizacións para plantar viñedo: un sistema que non contenta a ninguén

Forte malestar no sector vitícola galego porque o Ministerio de Agricultura deixa fóra aos pequenos viticultores de Galicia e soamente autoriza o 25% das solicitudes de novas plantacións de viñedo. Piden un cambio nos criterios e que o reparto sexa realizado polas Comunidades Autónomas

As autorizacións para plantar viñedo: un sistema que non contenta a ninguén

Plantación de viñedo na DO. Valdeorras

Os criterios e o sistema que utiliza o Ministerio de Agricultura para repartir as autorizacións para realizar novas plantacións de viñedo están a xerar un forte malestar no sector vitícola español, especialmente nas Denominacións de Orixe.

Cal é a situación actual?

Tras a última reforma da Organización Común de Mercados (OCM) do viño a Comisión Europea decidiu que non se liberalizarán as plantacións de viñedo, para regular así a oferta e os prezos, ata o ano 2030. Ata entón o sistema que se acordou é que cada Estado membro poida aumentar a súa superficie de viñedo como máximo un 1% anual, un sistema que entrou en vigor no ano 2016.

En España, con algo máis de 950.000 hectáreas de viñedo, a maior superficie do mundo, o Ministerio decidiu arrogarse a competencia para establecer os criterios de repartición, a pesar de que agricultura está transferida ás Comunidades Autónomas, e fixou un límite de incremento anual da superficie vitícola do 0,52%; é dicir, unhas 5.000 hectáreas. Porén, as solicitudes de autorizacións de novas plantacións superaron as 25.000 hectáreas o pasado 2017.

Das 191 hectáreas que Galicia solicitou plantar en 2017 o Ministerio só concedeu autorización para 57

Que fixo o Ministerio? No 2016, o primeiro ano co novo sistema o que fixo foi dividir o número de hectáreas solicitadas por cada Comunidade Autónoma entre a cota outorgada. No caso de Galicia iso supuxo que a cada viticultor concedéuselle ao redor do 30% do que solicitara.

Ante as queixas recibidas o Ministerio aprobou en xullo do ano pasado o Real Decreto 772/2017, que aínda agravou a situación xa que establece uns criterios de prioridade para o reparto (novos agricultores, pequenos viticultores ou competencia profesional), que deixan fóra a moitos viticultores.

No caso de Galicia, unha fonte do sector advirte de que “co actual sistema de reparto corremos o risco de que se cambie o modelo vitícola de Galicia, de viños de parcela, no que o minifundismo é un valor, por un modelo de grandes plantacións que deixa fóra aos pequenos viticultores”.

De feito, tanto os consellos reguladores das DO galegas, como a propia Consellería de Medio Rural e organizacións agrarias como UPA ou COAG están a presionar ao Ministerio para que este ano se introduzan cambios que corrixan a situación.

As principais queixas:

-Obriga ás adegas e aos viticultores a realizar a plantación en varios anos:
No ano 2017 as adegas e viticultores galegos presentaron solicitudes para plantar 191 hectáreas de viñedo pero o Ministerio de Agricultura soamente concedeu autorización para plantar 57.

Como se repartiron? Explícao José Luís García Pando, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras: “Se solicitas plantar 4 hectáreas, para este ano se tes sorte autorízanche a plantar 2, para o próximo ano podes plantar 1 e para o seguinte autorízanche a plantar 1 hectárea”. “É dicir, obríganche a realizar a plantación en tres anos e iso non é viable. Hai un gran descontento entre as adegas, que de momento se van arranxando coa reestruturación de viñedos vellos ou co aluguer de viñedos, pero o problema segue aí”, denuncia.

-O reparto non se axusta á realidade de Cada Comunidade Autónoma:
Excepto a Federación Española do Viño, representante do sector adegueiro, hai unha coincidencia entre os representantes do sector en que o límite de novas plantacións de viñedo non debería exceder o 1% anual do total de viñedos plantados, pero adaptado a cada comunidade autónoma.

“É dicir, igual a Galicia si que lle interesa chegar a ese 1% porque os viños galegos teñen demanda pero á Rioxa ou a Castela A Mancha non lles interesa aumentar a superficie de viñedo. A actual situación, no que o Ministerio fixo tabula rasa establecendo un incremento anual do 0,5%, haxa demanda ou non, prexudícanos a todos”, asegura unha fonte do sector vitícola de Rías Baixas.

“O reparto e os criterios que se utilicen deberían realizalo as Comunidades Autónomas”

“O reparto e os criterios que se utilicen deberían ser de competencia autonómica, para adaptarse á realidade de cada rexión. Así, se sobre a cota que lle corresponde a Galicia en Rías Baixas un ano non o utilizamos poderíaselle transferir a Monterrei ou a Valdeorras, se o necesitan”, engade.

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) situouse claramente a favor de que sexan as Comunidades Autónomas as que exerzan esta competencia que lles é propia: “Esta organización ten claro que a rexionalización e adaptación do sistema -de autorizacións- á realidade produtiva de cada zona, dada a heteroxeneidade que presentan as rexións vitivinícolas e que, en base a ela, as súas necesidades non son sempre coincidentes, é moi importante para a efectividade do sistema”.

REPARTO_VIÑEDO_CCAA

-Déixase fóra aos pequenos viticultores no caso de Galicia:
Outro motivo de discordia está nos criterios de prioridade que establece o Ministerio de Agricultura para repartir as autorizacións para novas plantacións de viñedo. Así, e coa finalidade de dar prioridade aos pequenos viticultores, no caso de Galicia establécese como criterio que o solicitante deba ter unha superficie vitícola mínima de 0,5 hectáreas.

Sen embargo, ese criterio choca coa realidade do minifundismo en Galicia. Sirva como exemplo que no caso da Denominación de Orixe Rías Baixas dos 5.343 viticultores rexistrados un total de 4.030 teñen menos de 5.000 metros cadrados en propiedade. É dicir, co criterio actual déixase fóra ao 75% dos viticultores de Rías Baixas á hora de poder ter prioridade nas autorizacións para realizar novas plantacións de viñedo, unha situación que con variacións se repite no resto denominacións de orixe galegas.

-Esíxese demostrar unha competencia profesional como viticultor sen que en Galicia se oferte formación:
Outro dos puntos polémicos dos requisitos que esixe o Ministerio de Agricultura para optar a autorizacións de plantación é que se debe posuír o certificado de asistencia e aproveitamento aos cursos de incorporación á empresa agraria e outros cursos complementarios cunha duración mínima de 150 horas.

O problema é que non hai oferta formativa oficial para realizar eses cursos de 150 horas para o sector vitícola. No caso dos consellos reguladores galegos o que propoñen é que se poidan conceder os permisos de plantación ao viticultor co compromiso de realizar a formación antes de plantar, tendo que acreditar ditas horas para facer efectivos os permisos.

Ademais de pedir á Consellería de Medio Rural que oferte estes cursos, proponse que os cursos organizados polos Consellos Reguladores sirvan como ensino non regulado.

-As adegas intentan sortear o problema alugando viñedos noutras Comunidades e traendo os dereitos de plantación para Galicia:
O freo que supón o actual sistema de autorizacións de plantación está a levar a algunhas adegas, sobre todo de tamaño mediano e grande, a sortear o sistema mediante o aluguer de viñedos noutras Comunidades Autónomas como Castela e León ou Castela A Mancha.

“O que están a facer algunhas adegas é alugar viñedo durante 1 ou 2 anos noutras Comunidades. Pasado ese tempo arrincan o viñedo e traen de fóra as autorizacións para plantar en Galicia, co que ademais poden ter dereito a subvencións. É unha privatización encuberta das autorizacións de plantación e que só se poden permitir as adegas con capacidade económica, non as pequenas”, advirte unha fonte do sector.

-Problemas co SIGPAC:
Outro obstáculo ao que se enfrontan adegas e viticultores é que para validar a solicitude de autorización de plantación de novo viñedo a superficie sobre a que se vai plantar debe ter cambiado o seu uso -por exemplo, de forestal a viñedo- no SIGPAC.

Cal é o problema? Que no caso de Galicia este cambio de uso, que se realiza a través do FOGGA, está a tardar entre 18 e 24 meses, o que fai que as solicitudes sexan na práctica inviables.

O que propoñen os consellos reguladores é que se poida facer a solicitude de cambio de cultivo ao Servizo de Montes -de forestal a agrícola-, unha vez feito o cal e previo compromiso do viticultor de realizar a tramitación do compromiso de uso co SIGPAC, póidase conceder o permiso de plantación. Cando a plantación estea feita realizaríase o cambio de uso no SIGPAC.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información