Aumenta a deshidratación das uvas e o grao alcohólico co tempo seco e solleiro

Publicidade
Aumenta a deshidratación das uvas e o grao alcohólico co tempo seco e solleiro

Uvas da variedade Treixadura. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A piques de comezar a vendima en boa parte de Galicia, o tempo seco e solleiro está a favorecer un bo estado sanitario dos acios, pero tamén a deshidratación dos bagos e un aumento do grao alcohólico.

Así o destaca a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Consellería de Medio Rural, no seu boletín fitosanitario deste venres. A previsión para a vindeira semana é de que aumente a inestabilidade, con aumento da probabilidade de precipitación e temperaturas en progresivo descenso, pero propias da época do ano, favorecendo así unha boa maduración da uva.

Os técnicos da EVEGA detectan nesta semana a deshidratación dos bagos en moitas parcelas, especialmente nas máis secas. “De feito, nos índices de madurez, apréciase, respecto dos mostraxe da semana anterior, que aumenta o grao, xa en exceso nalgunhas variedades, pero practicamente mantense a acedume total na meirande parte das castes”, engaden.

Nesta campaña estaca unha maior homoxeneidade na maduración entre as diferentes variedades que noutros anos. Así, por exemplo, nas variedades que normalmente van moi atrasadas, como son Caíño Tinto e Sousón, nesta campaña a diferencia é moito menor co resto.

A determinación do momento óptimo para realizar a vendima dependerá, en gran medida, dos criterios enolóxicos e do tipo de elaboración que se realice nas adegas. Nalgunhas adegas xa se comezou a vendima e a previsión é que para a próxima semana se xeneralice o comezo.

En parcelas coa colleita san as choivas que se poderían producir, segundo a previsión de Meteogalicia, poderían mellorar esta deshidratación e os parámetros da colleita.

Incidencias fitosanitarias

Racimo con podredumbre ácida. Foto: Estación do AreeiroO aspecto fitosanitario xeral dos viñedos é bo e, neste intre, os focos de Botrytis nos acios son de carácter puntual, sendo nalgúns casos causados por penetracións previas de couza.

A práctica ausencia desta enfermidade a finais de campaña débese á estabilidade climática que se está rexistrando e que, en xeral, parece que se vai manter nos próximos días (salvo os episodios de precipitacións, en principio lixeiras, que se darán algunhas xornadas segundo as previsións actuais). Por este motivo, xa non se esperan danos de importancia.

Por outra banda, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa este venres de que “nesta semana observamos por primeira vez na campaña, e só nalgunhas fincas, acios afectados de podremia aceda, enfermidade que fai que os acios presenten olor a vinagre, que a polpa da uva se descompoña e que haxa moscas das froitas nos arredores”. En todo caso, recoñecen que tamén polas condicións ambientais que se están a dar, “a súa incidencia é reducida”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información