Atención á botrite en viñedo esta campaña

Co inicio do pintado das uvas, redúcese a perigosidade do mildeu e do oidio, pero a Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirte da probabilidade de danos por botrite este ano. Rías Baixas anuncia unha primeira estimación da vendima, que se prevé un 10% inferior ó pasado ano

Publicidade
Atención á botrite en viñedo esta campaña

Acio en maduración dunha variedade tinta temperá. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O calor da última semana propiciou un avance significativo nas uvas, que iniciaron o pintado na maior parte das parcelas revisadas pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. A evolución é variable. Hai parcelas cun 10% de pintado e outras nas que practicamente todas as uvas entraron nesa fase. Esta situación fai que as uvas sexan menos vulnerables ó mildeu, polo que só se aconsellan novos tratamentos contra esta enfermidade naqueles viñedos nos que se detectaran abundantes manchas esta semana e que xa tiveran problemas de infeccións mal controladas durante a campaña.

Para eses casos, recoméndase a aplicación dun funxicida con cobre a doses medias ou baixas. En moitas fincas, Areeiro detecta que segue habendo gromos excesivamente longos que dificultan a correcta ventilación dos acios. A poda destes acios pode mesmo suplir a un tratamento, pois elimínanse manchas e redúcese a humidade a nivel de planta.

É preciso mellorar a ventilación do acio e eliminar ‘rebuscos’ ou acios danados por black-rot

Igual que no caso do mildeu, cando a uva entra na fase de pintado manifesta unha resistencia natural ó oidio, polo que co paso dos días irá reducíndose a necesidade de tratamentos. Nas visitas realizadas esta semana por Areeiro observouse unha baixa incidencia do oidio, polo que só se recomendan tratamentos en variedades sensibles que tivesen infeccións mal controladas con anterioridade e que aínda non estean de xeito xeralizado na fase de pintado.

Un labor cultural aconsellable en xeral e en particular en viñas afectadas por oidio é a eliminación dos acios coñecidos como rebuscos. Son aínda moi sensibles ó oidio e os rachos que pode producir esa enfermidade nos ‘rebuscos’ pode desencadear afeccións posteriores de botrite.

Botrite
A botrite é a enfermidade á que hai que prestarlle máis atención de aquí á vendima. Este ano, por circunstancias de humidade e temperatura, houbo condicións favorables ao fungo ao longo do verán e hai certa cantidade de inóculo no ambiente, segundo a valoración de Areeiro. Hai que estar, por tanto, moi pendente, sobre todo nas fincas nas que houbo certo grao de danos doutras enfermidades.

A curto prazo, as condicións meteorolóxicas son favorables, polo que Areeiro sinala que se pode aprazar o tratamento para máis adiante, tendo coidado de aplicalo antes das datas límites de tratamento marcadas polas adegas, de ser o caso, ou cos prazos de seguridade axeitados antes da vendima.

De producirse chuvias nas próximas semanas, este pode ser un ano complicado en botrite, segundo valora tamén o boletín agrometeorolóxico de Galicia, que conta con indicacións da Estación de Vitiucultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

A sensibilidade varietal é un factor a ter moi en conta. Así, por exemplo, as variedades Godello, Treixadura, Torrontés, Blanco lexítimo e Mencía son moi sensibles nas condicións meteorolóxicas de Galicia e, sen embargo, Caíño branco, Albariño ou Pedral son máis resistentes. O resto de variedades autorizadas están nunha situación intermedia de sensibilidade, segundo sinala a Evega.

En canto ó black-rot, nas parcelas de Rías Baixas Areeiro non detecta problemas, pero advirte de que nas provincias de Ourense e Lugo si se está producindo incidencia do black-rot. Resulta interesante neses casos eliminar os acios máis afectados para evitar que os grans momificados caian ó chan e representen unha fonte de inóculo para a próxima campaña.

Pragas

En canto á acción das couzas do acio, Areeiro está detectando a súa presenza significativa nas viñas, pero sen chegar ós umbrais de tratamento, que se acadan cando hai un 3-5% de uvas con penetracións en variedades sensibles á botrite e nun 8% no resto. Non se detectaron problemas de cicadélidos nin de ácaros.

Alteracións da madeira
O calor propiciou na última semana que apareceran síntomas das enfermidades da madeira, incluso en viñas que non tiñan problemas anteriores. Co calor, outra dificultade estivo en viñas que foron esfolladas en exceso, pois rexistráronse acios afectados por golpes de calor. Tamén apareceron síntomas de stress en plantas así como indicios de carencias, sobre todo en plantas novas ou débiles.

Rías Baixas calcula que vendimará un 10% menos que o pasado ano

O Consello Regulador de Rías Baixas fixo unha primeira estimación de vendima, logo dunha inspección xeneralizada de todas as zonas de cultivo da denominación. Espérase a recollida duns 36 millóns de quilos, un 10% menos que o pasado ano.

O informe do Consello Regulador lembra que este ano a meteoroloxía ocasionou principalmente problemas de corremento de flor e de mildeu, que levan á baixada de produción prevista.

A fenoloxía do viñedo está tamén máis atrasada que a pasada campaña en arredor de 2-3 semanas e en relación a un ano normal, o atraso é dunha semana, segundo calcula o Consello Regulador.

Valoracións das organizacións agrarias

A Federación Rural Galega (Fruga) enviou hoxe unha nota de prensa para cuestionar o que entende como un “abandono da Administración” ante os problemas de mildeu e black-rot que se están rexistrando esta campaña en boa parte das denominacións. A organización agraria incide en especial na situación das parcelas abandonadas, foco de infeccións e de diseminación de inóculo, “sobre as que a Xunta debería de actuar de acordo coa lexislación vixente”.

A Fruga tamén avoga por un asesoramento ós viticultores desde as oficinas de Extensión Agraria, que considera en situación de desmantelamento.

Por parte da Asociación Agraria de Galicia (antiga Asaja Galicia), lembrouse hai uns días noutra nota de prensa que os seguros agrarios non cubren os danos por mildeu, se ben a organización incidiu en que as pólizas si deben facer fronte ós problemas de corremento da flor ocasionados pola meteoroloxía, polo que aconsella que se fagan as reclamacións oportunas. A Asociación mantivo un encontro con Agroseguro para abordar o problema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información