“As algas son un excelente abono para os solos galegos”

Entrevista a Sergio Quiroga, fundador de Ecocelta, unha empresa galega que elabora e comercializa o primeiro abono orgánico elaborado a partir de algas das rías galegas e de esterco. Destaca a súa especial idoneidade para o viñedo, un cultivo no que a extensión dos abonos foliares está a provocar perda de materia orgánica nos solos.

Publicidade
“As algas son un excelente abono para os solos galegos”

Sergio Quiroga, fundador de Ecocelta

Recuperar o uso tradicional das algas na costa galega para abono dos campos. Esta foi a idea que impulsou a Sergio Quiroga, fundador de Ecocelta, a elaborar o primeiro abono orgánico a partir de algas recollidas polas confrarías de mariscadoras da provincia de Pontevedra.

Mesturadas con esterco e compostadas durante nove meses, o resultado segundo Sergio Quiroga, “é un abono orgánico excelente para os solos acedos galegos, que evita mesmo realizar encalado”.

Que propiedades ten o abono de Ecocelta especial para viñedo?
O abono especial para viñedos, é o froito de 10 anos de investigación dos solos de Galicia, especialmente os de cultivo de viña. É un abono que se axusta ás necesidades do viñedo plantado nun solo acedo, con baixo contido de calcio e magnesio. Está feito con materias primas de alta calidade como esterco e algas, sen químicos.

Obtense da compostaxe, un proceso biolóxico natural con bacterias, hixienizado e madurado durante 9 meses. Penéirase a menos de 25 mm, para eliminar pedras e outros restos, así como para favorecer a aplicación e mellorar o rendemento.

Que valor suplementario lle achega a este compost a utilización de algas mariñas?
As algas son un excelente recurso para os nosos solos acedos galegos. Conteñen calcio, magnesio, potasio, nutrientes todos eles deficitarios nos solos acidificados, ademais de achegar nutrientes esenciais e materia orgánica. Hai que destacar que a materia orgánica que teñen as algas é baixa, pero moi positiva para o solo, xa que é facilmente asimilable para a bioloxía do solo e se humifica con facilidade, mellorando a estrutura dos chans areosos e favorecendo a drenaxe dos arxilosos.

 “As algas son excelentes para os chans acedos galegos e evitan ter que encalar”

Unha das principais vantaxes é que o compost de algas contén restos de cunchas con alto contido de calcio e magnesio, favorecendo a neutralización da acidez e a dispoñibilidade de nutrientes, co cal non habería que encalar.

Cales son as principais carencias de fertilización que detectades no viñedo?
Cando un solo ten un pH inferior a 5,5 o aluminio está soluble e se supera o 25% do contido na capacidade de intercambio catiónico (CIC) pode ser tóxico para as raíces. Hai chans que teñen máis do 50% de aluminio disolto e son o principal problema de mortaldade de plantas e aparición de enfermidades fúnxicas de solo.

O PH acedo precipita o fósforo e faino indisponible para a planta, aparecendo problemas de deficiencia en planta. Outra carencia é a de Calcio e Magnesio que non están presentes na rocha nai do solo e o pouco que hai lixíviase facilmente. En solos con pouca materia orgánica hai moi pouco nitróxeno e en cultivos novos pode ser un problema para o seu desenvolvemento e implantación.

Nos últimos anos está a implantarse o abono foliar fronte ao tradicional abono con materia orgánica. É isto sustentable a medio prazo para a fertilidade do chan e das plantas?
O abono foliar só corrixe temporalmente un problema, pero non soluciona a causa. A aplicación de materia orgánica é unha práctica que ten como finalidade alimentar a microbioloxía do solo e aproveitar os seus nutrientes mediante a mineralización biolóxica.

As plantas aliméntanse dos nutrientes en forma de sales, non poden absorber materia orgánica vía foliar, polo que a materia orgánica hai que aplicala ao solo. Se un chan non recibe materia orgánica ao cabo dun tempo curto empeza a ter problema físicos, químicos e biolóxicos, afectando a produtividade do cultivo, pero tamén afecta á estrutura do solo, propiedade fundamental para a súa sustentabilidade futura. Un solo con menos do 2% de materia orgánica é un solo con baixa materia orgánica.

O abono foliar só corrixe temporalmente un problema, pero non soluciona a causa”

A aplicación de abono orgánico Ecocelta achega a materia orgánica de calidade que necesita o solo para a súa estrutura e as súas funcións químicas, físicas e biolóxicas. É de rápida asimilación xa que está compostado e humificado, elevando a capacidade de intercambio catiónico e, á súa vez, a fertilidade.

Cales son as doses de abonado recomendadas?
Normalmente hai que ter unha análise previa do terreo para saber en que estado se atopa e decidir que tipo de abono e en que dose. A xeneralidade dos solos traballados en Galicia, asumen unha dose media de 12 toneladas de compost de algas por hectárea no primeiro ano, para elevar un punto de pH e abonar o viñedo. Logo pódese manter unha dose anual de 5 a 8 tn/ha, para repoñer os nutrientes e a materia orgánica utilizada. Tamén se pode aplicar de forma bianual descansando un ano e abonando outro. Nos dous casos o encalado non sería necesario.

Cal é o momento e a forma recomendada para achegar o abono orgánico de Ecocelta?
O abono orgánico Ecocelta pódese aplicar desde decembro ata marzo, xa sexa esparexido en superficie e incorporado (5 a 10 cm para mellorar estrutura e neutralizar pH) ou enterrado a 10-20 cm entre filas nas viñas adultas.

Por último, destacar que a produción dos abonos Ecocelta está certificada como ecolóxica e auditada por Intereco, polo que Ecocelta colabora co medio ambiente e contribúe á sustentabilidade do solo e do planeta. As súas materias primas son renovables e de calidade, como as algas da costa galega.

Proceso de elaboración do compost con algas:

As algas recóllense das confrarías de pescadores de Pontevedra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información