Arsenio Paz, de adega Vilerma, ou a sumiller Mónica Fernández, entre os premiados pola D.O. Ribeiro

Publicidade
Arsenio Paz, de adega Vilerma, ou a sumiller Mónica Fernández, entre os premiados pola D.O. Ribeiro

Gala de entrega de los premios Ribeiro 2016

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro deu a coñecer este mércores os gañadores dos seus Premios 2017, nas súas categorías honoríficas, nun evento celebrado en Santiago de Compostela.

A Master of Wine xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans é o novo “Premio de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa en Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibe o “Premio Vida entre Vides”.

A proclamación tivo lugar no Arco de Mazarelos, a porta da antiga muralla da cidade por onde entraban nela desde a Idade Media os viños do Ribeiro e no Restaurante Porta do Viño, chamado así por esta tradición.

No evento tomaron parte o presidente do CRDO Ribeiro, Felicísimo Pereira e a xerente do Consello, Cristina Alcalá.

Os premios aos mellores viños da DO así como aos profesionais de Galicia relacioados co mundo do viño coñeceranse na gala que se celebrará o día 20 de xuño, ás 19:00 horas, no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, no corazón da comarca do Ribeiro.

Perfís dos gañadores

Arsenio Paz, novo Premio “Vida entre Vides”, adquiriu xunto a Chon Labrador o lugar da Vilerma en 1977 e, daquela, quixo comezar a facer viño para os seus amigos. Apostou por recuperar as variedades tradicionais e, aos poucos e sen pretendelo, lanzouse á explotación profesional do viñedo e contribuíu á revalorización e modernización dos viños do Ribeiro. Así, no 1987 saíron ao mercado as botellas de Vilerma, branco e tinto.

No 2016, o Premio “Vida entre Vides” homenaxeou a Avelino Lorenzo.

Mónica Fernández, nada en Quiroga (Lugo), é a directora de sala e sumiller dos restaurantes do Grupo Bambú. Entre as funcións do seu posto está a formación e supervisión dos equipos de sala de todos os locais, así como o deseño das cartas de viños. Recibiu o Prix au Sommelier (Premio ao Catador) outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía en 2017 e o Premio Nacional de Gastronomía 2015 á mellor directora de sala.

Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, recolleu o Premio “Muller e Viño” en 2016.

Sarah Jane Evans, Master of Wine, é unha escritora de viños galardoada, especialista en viños e gastronomía de España. Durante a súa andaina, foi xornalista, editora de revista, escritora de libros e traballou en televisión e radio. É co presidenta dos Decanter World Wine Awards, o concurso de viños máis grande no mundo.

Evans sucede como Premio de Honra ao xornalista Cristino Álvarez, gañador en 2016; en 2015, foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelin e na edición 2014 recoñeceu ao catador Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Joan Gómez Pallarés é o responsable del blog De vinis, en activo dende xuño de 2006 con case 1.300 artigos publicados, ademais de colaborador de El País Semanal. Na súa longa traxectoria estivo implicado en numerosas iniciativas, como a Bullipedia, e puxo a súa sinatura en medios de comunicación como Cutpages ou El Periódico de Catalunya.

No 2016 o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación” foi para Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información