Areeiro recomenda tratar o viñedo contra o mildeu

Publicidade
Areeiro recomenda tratar o viñedo contra o mildeu

Mancha de mildeu en viñedo. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu boletín de avisos fitosanitarios deste venres tratar o viñedo contra o mildeu, xa que as condicións meteorolóxicas volven ser favorables para a propagación deste fungo.

Tendo en conta que xa comezaron as precipitacións, que esta noite xa houbo condicións para a infección secundaria, e que as previsións anuncian un período de choivas con temperaturas nocturnas altas a partir do próximo martes día 9 -e ata polo menos o domingo 14-, a recomendación dos técnicos de Areeiro varía segundo a situación concreta:

-Naquelas protexidas por un tratamento anterior, vixiar o estado das plantas despois desta choiva, e non renovalo de momento se non se observan novos síntomas.

-Naquelas non protexidas pero en localizacións abrigadas ou especialmente sensibles, tratar o antes posible.

-Naquelas non protexidas pero limpas de síntomas en xeral, renovar o tratamento antes do período de precipitación anunciado a partir de martes.

De igual xeito, as mesmas recomendacións son extensibles ao cultivo da pataca, tamén moi sensible ao mildeu.

Volvendo ao viñedo, e no relativo ao oidio, dende a Estación do Areeiro informan de que “non topamos ningún novo signo do patóxeno en ningunha das parcelas visitadas, e mesmo nas plantas da variedade moi sensible onde apareceran os primeiros síntomas a semana anterior, tampouco houbo cambios significativos”.

Sen embargo, lembran que a floración é un estado do ciclo da planta que convén protexer pola súa sensibilidade, “polo que naquelas variedades máis sensibles convirá aplicar o primeiro tratamento fronte a este fungo á vez que se fai a intervención antimildio”.

En canto á couza do acio, aseguran que “do mesmo xeito que a semana anterior, nesta tamén recollemos menos capturas de Lobesia botrana nas trampas de feromonas, e mesmo nalgunhas fincas non tivemos ningunha, e tampouco observamos aínda os primeiros síntomas nos acios”.

Tampouco se observaron síntomas tanto de erinose como doutros ácaros nos viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas. En todo caso, recordan os técnicos que “caso de aplicar un tratamento fronte a oídio, lembren que o xofre tamén ten acción acaricida”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información