Areeiro recomenda renovar tratamentos puntuais ante a previsión de choivas

Publicidade
Areeiro recomenda renovar tratamentos puntuais ante a previsión de choivas

Abundantes manchas de mildio en gromos de Mencía. //Foto. EFA.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso sanitario renovar tratamentos puntuais contra o mildio e o oídio. A recomendación céntrase naqueles viñedos que xa se viran afectados por estas enfermidades e ante a inestabilidade meteorolóxica que se prevé para a próxima semana.

Este ano a afección por mildio está a ser moi desigual e hai parcelas sen danos ningúns, mesmo habendo máis de tres semanas dende o último tratamento. Porén, aparecen fincas con abundantes manchas novas nos gromos máis tenros e zonas de avance naquelas viñas que xa estiveron afectadas. Logo das chuvias tormentosas que se rexistraron nos últimos días e que puideron lavar algúns dos tratamentos, dende a estación fitopatolóxica recomendan renovalos ante a previsión de novas precipitacións para a vindeira semana.

En concreto, aconsellan realizar novos tratamentos nas viñas que tiveran problemas de mildio na campaña e onde se puideran ter lavado os produtos de contacto polas chuvias, co gaio de manter protexida a vexetación e os acios. Mentres, aquelas parcelas nas que non teña moita incidencia esta afección, onde a folla estea sa ou con poucas manchas, e as chuvias foran escasas, poderán evitar novos tratamentos.

No seu aviso inciden en que detectaron que segue a haber viñas con moita vexetación, tanto das propias plantas como das malas herbas, o que favorece a retención de humidade e a aparición de síntomas. Neste senso, aconsellan evitalo realizando rozas e podas en verde coas que se eliminan manchas de mildio e doutras enfermidades.

A situación é similar en canto ó oídio se refire, e, aínda que a incidencia da enfermidade está ser moi desigual, dende Areeiro recomendan renovar os tratamentos o antes posible naquelas fincas afectadas e onde foran eliminados coas chuvias. No resto de viñas, a curto prazo abondará con facer podas en verde para retirar gromos afectados, o que favorece a ventilación dos acios.

As precipitacións anunciadas para a vindeira semana determinarán a necesidade de realizar despois novas intervencións no viñedo non só para o oídio se non tamén contra a botrite, ante danos nas uvas, sobre todo naquelas variedades sensibles. Neste tipo de viñedo mesmo barallan que sexa oportuno aplicar un tratamento preventivo no inicio do pintado.

Trampeo para insectos

Aínda que a presenza de distintos insectos como as couzas do acio, o mosquito verde ou outros dicadélicos non estea a supoñer un problema polo de agora nos viñedos, dende Areeiro recomendan o trampeo para poder avaliar a penetración e estimar a colocación de tratamentos no momento axeitado.

Esta semana tamén detectaron unha parcela en Poio con síntomas de acariose. Ademais, a erinose de verán segue a afectar ós gromos novos dalgunhas viñas. Nos últimos días, na estación recibiron varias consultas sobre a aparición de filoxera e continúan aparecendo plantas con patoloxías da madeira. Os técnicos advirten que xa detectaron acios con síntomas de golpe de sol e que os danos polo sol poden chegar a ser importantes naquelas viñas que expoñen totalmente as uvas ó sol.

Maceiras e froiteiras

En canto ás maceiras, dende a estación recomendan manter a vixilancia para o moteado ó incrementarse a humidade e inciden en que pode ser necesario renovar os tratamentos. Ó igual ca no viñedo, aínda que polo momento a presenza de couza da mazá é escasa, aconsellan realizar un seguimento particular e a colocación das bandas-trampa de cartón ondulado nas maceiras para capturar eirugas, coas que se consegue eliminar parte da poboación para a seguinte campaña.

Nas froiteiras, a inestabilidade deste verán está a favorecer a aparición de fungos de monilia e botrite, especialmente sobre a froita de óso en maduración, detectándose abundantes froitos con danos tanto na árbore como no solo. Así, os especialistas insisten na importancia de retirar estes froitos para reducir a incidencia das enfermidades tanto para esta tempada como para a vindeira.

As cerdeiras están a ser unhas das árbores afectadas polo incremento da humidade e detectaron unha elevada incidencia da Cylindrosporium padi, que en casos extremos está a provocar a perda de folla prematura. Nestes casos, aínda pode realizarse unha intervención cun funxicida autorizado.

Outro dos avisos fitosanitarios incluídos neste boletín céntrase no buxo, onde os danos por Cydalima perspectalis continúan a ser estacionais e sen moitos avances. Porén, detectaron casos de exemplares afectados aínda que se realizaran tratamentos, polo que aconsellan manter unha vixilancia periódica das plantas e realizar novos tratamentos se se detecta que non resultaron efectivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información