Areeiro recomenda o tratamento xeralizado contra mildiu en viñedo

A Estación Fitopatolóxica suxire tamén aplicacións preventivas en pataca, así como a fumigación dos kiwis con cobre para frear unha posible bacterioso. Detectadas pragas en buxos e carballos da provincia

Publicidade
Publicidade
Areeiro recomenda o tratamento xeralizado contra mildiu en viñedo

Folla de viñedo con manchas iniciais de mildiu. / Imaxes: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella no seu último aviso fitosanitario realizar o tratamento contra o Mildiu de forma xeneralizada para as viñas de toda a provincia. Os técnicos consideran que hai un alto risco de infección polas temperaturas suaves e o inicio das precipitacións. Por outra banda, os biólogos tamén sinalan a importancia de comezar os tratamentos preventivos para as plantas do kiwi coa fin de evitar a bacteriose e de tratar os sebes de buxo afectados pola eiruga Cydalima perspectalis para minimizar a súa defoliación.

Viña
As viñas da provincia teñen xa na súa maioría desenvolvidos os acios separados e, segundo destacan os especialistas de Areeiro, é necesario aplicar un tratamento contra o Mildiu en especial naqueles viñedos onde xa se viron síntomas e nos que aínda non recibiron ningunha intervención. Esta actuación xeneralizada débese a que dende a noite do martes ao mércores as temperaturas nocturnas e a humidade relativa sufriron un incremento, o que implica un maior risco de infección que aínda é máis elevado desde onte xoves día 5 co inicio das precipitacións e o mantemento das temperaturas suaves.

Os produtos sistémicos precisan só dunha hora sen choivas para que a viña quede protexida

Unha das responsables en fitopatoloxía de Areeiro, Rosa Pérez, lembra que cos produtos sistémicos ou penetrantes, que son os que se deben aplicar neste momento, “a viña queda protexida se transcorre unha hora entre a aplicación e as precipitacións, polo que se poden aproveitar os claros para a súa realización dado que as previsións meteorolóxicas anuncian tempo inestable”. Por outra banda, para que o tratamento quede fixado nas vides, é aconsellable a incorporar un ‘mollante’, substancia que diminúe o tamaño das gotas e permite unha maior adherencia.

Tamén hai que lembrar que é fundamental adecuar o volume do caldo do tratamento á densidade de vexetación, así como manter en bo estado as boquillas e demais elementos dos equipos de tratamento para evitar gastos innecesarios de caldo e reducir así igualmente problemas para a saúde das persoas e o medio ambiente.

Síntomas de bacteriose en botóns florais de Kiwi. / Imaxe: Areeiro.

Síntomas de bacteriose en botóns florais de Kiwi. / Imaxe: Areeiro.

En canto ao Oídio nas viñas, os técnicos de Areeiro non detectaron aínda os primeiros síntomas nin sequera en parcelas con variedades máis sensibles, polo que segue sen ser necesario iniciar os tratamentos. Por outra banda, continúa habendo unicamente síntomas illados de erinose, e non se detectaron poboacións de acariose, nin nas parcelas de seguimento da Estación nin en mostras recibidas. O consello dos técnicos é “non tratar ata que se confirme a presenza destes ácaros, o cal debe facerse baixo unha lupa, polo menos nestes momentos de inicio de campaña”.

Primeiras polillas nas viñas

Por outro lado, dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Xunta de Galicia, tamén se informa do
comezo do voo da Polilla de primeira xeración. “Normalmente non é necesario controlarla
con tratamentos fitosanitarios aínda que, en parcelas con confusión sexual , sí é un bo
indicador para iniciar a colocación dos difusores, xa que con esta técnica biotecnolóxica de
control débese xa minimizar a reprodución da primeira xeración da praga”, apuntan.

Neste sentido, dende a EVEGA informan de que nas trampas de monitoreo de Polilla na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, detectáronse unha media de 32 capturas/trampa da especie maioritaria (Lobesia botrana).

Mildeu no Ribeiro

Por outra parte, na Denominación de Orixe Ribeiro xa empezan a aparerecer as primeiras manchas de mildeu debido á suba das temperaturas nocturas, segundo informan dende Medem Agro. A tendencia é a que ao longo da vindeira semana, coas choivas intermitentes e a suavidade das temperaturas, as enfermidades fúnxicas empecen a aparecer con máis frecuencia.

Polo demáis, dende a ADF Terra de Vides, recomendan como coidados culturais seguir coa eliminación de chupóns (gromos nos pés das cepas) e malas herbas, preferentemente de xeito mecánico con labras ou segado. Tamén nestes días é preciso realizar o guiado dos follatos polos arames.

Kiwi
Os técnicos de Areeiro advirten de que “co incremento da humidade relativa será imprescindible aplicar o tratamento cúprico recomendado no estado de botóns florais para limitar os danos que a bacteriose pode causar sobre a futura floración do kiwi”. Dado o carácter preventivo destas intervencións, deben renovarse de acordo ao período de protección do funxicida empregado, en especial se a climatoloxía é húmida, polo menos ata a apertura da flor. Nestes momentos os produtos autorizados para este fin son oxicloruro de cobre 38, 52 ou 70% e sulfato tribásico de cobre 19%.

Unha praga de eirugas está a afectar a sebes de buxo de toda a provincia

Pataca
Coas precipitacións e o mantemento de temperaturas suaves destes días os técnicos de Areeiro aconsellan prestar moita atención á aparición de síntomas do Mildiu na pataca ou, se non se realiza unha vixilancia do cultivo, aplicar o tratamento tan pronto sexa posible. Sobre a pulguiña da pataca (Epitrix spp) véñense de detectar os primeiros individuos adultos sobre plantas xa ben desenvolvidas.

Folla de pataca con síntomas de mildiu.

Folla de pataca con síntomas de mildiu.

Buxo
Os especialistas de Areeiro continúan a recibir numerosas mostras e consultas sobre a presenza da xa coñecida praga de eirugas nos sebes de moitas comarcas da provincia. Recoméndase intervir cando se detecten os primeiros signos da súa presenza para non comprometer en exceso o vigor das plantas. Ademais de aceite de parafina, pódese utilizar azadiractin (ambos de orixe natural) ou cipermetrin, deltametrin ou outros piretroides (de orixe sintética), procurando mollar moi ben a totalidade da planta.

Maceira
Na parcela de Areeiro os técnicos xa detectaron a primeira árbore con presenza de pulgón laníxero, polo que instan á cidadanía a consultar a especialistas para poder aplicar o seu inimigo natural (Aphelinus mali) como modo de control. Este necesita temperaturas máis elevadas para a súa actividade.

En canto á Cydia pomonella (carpocapsa ou polilla da maceira), os técnicos realizaron as primeiras capturas na trampa da parcela de seguimento de Areeiro. “Con todo, e como sempre insistimos, a presenza desta praga pode ser moi variable incluso dentro da mesma comarca, polo que se recomenda a instalación de trampas para coñecer como actuar en cada caso”, afirman. Por outra banda, nesta semana víronse os primeiros síntomas de Oidio, pero unicamente en brotes illados. Aconséllase incrementar a vixilancia para detectar danos por moteado.

Cítricos
Para o tratamento da Trioza eytreae, psila africana dos cítricos, lémbrase que o corte e eliminación dos brotes novos con postas é unha boa medida para reducir a posterior incidencia desta praga e así limitar o número de aplicacións insecticidas necesarias para o seu control. Nas follas máis vellas das plantas continúan observándose os síntomas evidentes da praga (protuberancias no feixe das follas e oquedades no envés), aínda que xa non existan ninfas no seu interior

Estanse a observar defoliacións de eirugas sobre carballos

Camelia
Detectánronse as primeiras colonias de Toxoptera aurantii (Pulgóns e cochiniñas) sobre brotes tenros. De momento, e en xeral, non é necesario intervir, pero si vixiar a súa evolución para evitar que poidan enrolar as follas.

Carballo
As defoliacións que a semana anterior se iniciaron nalgunhas carballeiras da provincia debido ás eirugas son agora máis evidentes. Ademais, dado que as causa unha praga polífaga, nalgunhas áreas xa se observaron síntomas non só sobre Quercus robur senón tamén sobre carballo americano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información