Areeiro percibe un adianto no pintado da uva albariña no Condado

Os técnicos sinalan unha ausencia da maior parte das patoloxías nas fincas pero aconsellan manter a vixilancia. Advírtese da importancia de eliminar todos os restos de hortícolas en recolección para evitar as pragas o ano próximo

Publicidade
Publicidade
Areeiro percibe un adianto no pintado da uva albariña no Condado

Situación da uva albariño no Condado a 12 de xullo.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de indicar no seu último aviso fitopatolóxico un adianto no pintado da uva albariña, sobre todo detectado na comarca do Condado. Segundo indican, o tempo soleado deste verán permitiu que nestas datas xa se empecen a observar os primeiros acios de albariño co brillo característico do inicio do pintado nas viñas máis adiantadas. “Loxicamente non é a situación máis habitual nas viñas, e só a observamos en dúas fincas, pero é significativo que se vexa a estas alturas”, asegura a técnico Rosa Pérez.

En canto ás patoloxías, a EFA indica que hai unha ausencia significativa dos síntomas da maior parte das patoloxías posibles nas fincas, nas que a situación dos acios é moi sa, mais aconsellan manter a vixilancia á espera de comprobar a evolución da fenoloxía dos vindeiros días.

No caso do Mildeu, a sensibilidade é menor a estas alturas, e en xeral as viñas están “moi sas porque en realidade nesta campaña a virulencia da enfermidade pódese considerar reducida”. Polo tanto, de momento só se estima necesario continuar a vixilancia e controlar o excesivo desenvolvemento da vexetación e do exceso de gromos novos que se observa nalgunhas viñas.

Por outra parte, na viña de O Salnés onde a semana anterior apareceron poboacións de trips, comezáronse a ver esta semana síntomas máis evidentes no crecemento dos gromos afectados. Baixo a lupa, observouse que de momento as poboacións non son moi elevadas, polo que o consello é agardar a ver a evolución antes de tomar a decisión de aplicar un tratamento. En canto ás enfermidades da madeira e os golpes de sol, a situación estabilizouse esta semana, aínda que de seguir este clima seco “sen dúbida continuarán aparecendo”, indica Pérez.

Hortícolas en recolección
Naqueles cultivos como o tomate ou a pataca onde se están a levantar plantas pola colleita, lémbrase a importancia de eliminar todos os restos das fincas, pois poden albergar a diferentes pragas. “Todos sabemos que o máis habitual é non retiralos, sobre todo nas patacas, pero coa súa eliminación reducimos o nivel das poboacións dos parasitos para o ano seguinte”, indica Pérez.

En canto ao buxo, continúan avanzando os síntomas nas sebes non tratadas contra a ‘Cydalima perspectalis’, paralelamente ao incremento do tamaño das eirugas. Tamén nesta semana se observaron novos adultos, polo que dende Areeiro lémbrase que como tratamentos, pódense utilizar produtos naturais como o aceite de parafina ou o azadiractin, así como outros piretroides de orixe sintética, debendo mollarse moi ben as plantas, mesmo no interior das sebes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información