Areeiro alerta de que persiste o “risco elevado” de mildeu para as viñas

Publicidade
Areeiro alerta de que persiste o “risco elevado” de mildeu para as viñas

Mildeu en acio. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba facer público o seu último aviso fitosanitario no que advirte de que persiste o risco “en nivel elevado” por Mildeu nas viñas da provincia. Segundo destacan, as previsións meteorolóxicas -a día de hoxe- continúan anunciando clima variable con certa posibilidade de precipitacións para os próximos días, polo que a recomendación é revisar os viñedos, con especial incidencia nos que se atopen en zonas pouco ventiladas ou haxa máis síntomas antigos, e renovar o tratamento en caso de que aparezan novos focos da enfermidade.

Así mesmo, os técnicos explican que nestes momentos hai unha serie de medidas culturais que se poden aplicar para axudar a manter a uva ventilada, o que redunda nunha maior sanidade. Entre elas está a eliminación do exceso de vexetación das plantas, que tamén axudará á penetración ata o acio dos produtos de tratamento, fundamental aínda nestes intres.

Comeza tamén un período de aparición de síntomas do Oídio

Por outra parte, en canto á aparición do Oídio, aínda non se viron síntomas nas parcelas sometidas a tratamentos, nin sequera nas plantas de parcelas con historial de danos todos os anos nin en acios das plantas testemuña. Porén, as densas néboas que xa se deron estes últimos días, e que nalgunhas comarcas son bastante persistentes, son condicións favorables ao fungo, polo que convén manter a vixilancia, xa que se inicia un período no que soen ocorrer episodios de infección.

En canto a outras patoloxías como a botrite, o black rot, as couzas do acio, cicadélidos, áltica ou ácaros mantense o consello de seguir a vixilancia das fincas.

Aparición dunha praga menor denominada Janetiella Oenephila

Dende a EFA, en calquera caso, quérese facer referencia á unha praga menor denominada Janetiella Oenephila, un pequeno díptero cecidómido que se está a estender polas viñas da provincia. Os síntomas concéntranse nas follas e son pequenas bugallas circulares de 2-4 mm de diámetro, duras, visibles por face e envés da folla, de cor verde inicialmente e despois encarnado-marrón, que levan dentro as larvas de cor laranxa-rosado da especie.

O síntoma é bastante visible, pero en ningún país no que está presente este insecto (sur de Europa e Turquía ou Líbano) tivo importancia económica. Segundo indican os técnicos, non é preciso aplicar tratamentos xa que, ademais, tampouco serían eficaces unha vez as bugallas están formadas. Dado que poderían nalgún momento dado confundirse con síntomas de erinose ou mesmo de filoxera, pode obterse máis información na web de Areeiro.

Cerdeiras, pataca e buxo

Debido ás precipitacións que se rexistraron cando a froita estaba en proceso de maduración nas cerdeiras, algunhas cereixas sufriron fendas ou gretas sobre as que se están a instalar fungos como Monilia ou botrite tras as choivas destes días pasados. Nos casos en que xa se teña rematado a recolección da froita é conveniente, segundo os técnicos, aplicar un tratamento para reducir o inóculo destes fungos para a próxima campaña (e tamén é conveniente retirar os froitos atacados, incluso os do solo).

Condicións favorables para o mildeu na pataca

En canto á pataca, é preciso lembrar que as choivas e a humidade elevada son condicións favorables ao desenvolvemento do fungo do Mildeu, polo que aínda que as plantas estean protexidas por unha aplicación anterior, débese revisar que non aparezan novos síntomas, máis tendo en conta que as diferentes axencias meteorolóxicas anuncian aínda probabilidades de precipitación de entre 40 e 80% para algúns dos próximos días.

Sobre o buxo e a afección de Cydalima perspectalis, nas sebes da finca de Areeiro, onde aínda non se tratou a segunda xeración deste insecto, así como en plantas doutras zonas que se sabe que tampouco recibiron tratamentos, observáronse nesta semana novas postas e algunha larviña neonata máis, pero non síntomas notorios. En todo caso, se aínda non se realizou ningunha intervención e non se desexa iniciar xa os tratamentos, débese estar moi pendente da evolución dos gromos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información