Areeiro advirte dun periodo de maior risco nas viñas

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica aconsella aplicar tratamentos nas maceiras e nos kiwis

Publicidade
Publicidade
Areeiro advirte dun periodo de maior risco nas viñas

O desenvolvemento do viñedo estivo contido esta semana polo vento do Norte e o fresco nocturno. / Imaxe: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Ponteveddra, vén de advertir no seu aviso fitosanitario da entrada nun período de maior risco de mildeu nas viñas da provincia. O persoal técnico subliña que será preciso extremar ao máximo a vixilancia e renovar as intervencións nos viñedos onde xa se detectara a mancha e nos que está próximo a concluír o período de protección.

A técnica responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez, subliña que sempre convén confirmar a situación particular de cada finca porque pode haber diferencias locais, pero destaca que nesta semana a penas se notou avance no desenvolvemento dos viñedos, que teñen unha vexetación bastante contida.

Observáronse as primeiras manchas de mildeu en fincas abrigadas e sensibles

En canto ao mildeu, Pérez destaca que se observaron as primeiras manchas de aceite en fincas especialmente abrigadas e sensibles. De feito, en dúas das xa tratadas apareceron novos síntomas en folla, polo que incide na importancia de verificar que os tratamentos cumpriron o seu obxectivo.

De cara aos próximos días, con precipitacións e unha lixeira subida de temperaturas éntrase nun período de maior risco, polo que será preciso renovar as intervencións naqueles viñedos onde xa se detectara a mancha e nos que está próximo a concluír o período de protección teórico do tratamento anterior.

Sublíñase que as aplicacións fitosanitarias deben ser realizadas aproveitando momentos de pouco vento, xa que de non ser así, o caldo pérdese ao ser arrastrado fóra das zonas a tratar, e as plantas quedan desprotexidas ao non ser eficaz o tratamento. Tamén nestes momentos é imprescindible o control da vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das viñas.

En canto ao resto das enfermidades da vide, a partires da semana próxima haberá que estar pendentes nas fincas afectadas tradicionalmente por botrite e por ‘black rot’. Por outra banda, dado que foi xeneralizada a presenza de ventos moderados e mesmo fortes e incluso de sarabia produciuse a perda dalgúns gromos, algo a vixiar, xa que as feridas de calquera natureza son portas de entrada de certos patóxenos.

Froiteiras, buxo e camelia
O aviso fitosanitario da EFA advirte tamén da aparición dos primeiros síntomas de ‘moteado’ nas maceiras da finca de Areeiro, e dado que para a semana haberá precipitacións, aconséllase aplicar un tratamento nas variedades especialmente sensibles. Tamén nesta semana se detectaron algúns gromos con síntomas de oídio nas maceiras e nos marmeleiros, pero sen moita incidencia.

En canto ao kiwi, será preciso renovar nos próximos días o tratamento cúprico contra as bacterioses que se teña aplicado en xornadas pasadas. No caso das froiteiras de óso continúan avanzando os síntomas da lepra naquelas árbores onde non se realizaron tratamentos, polo que despois das choivas previstas haberá que renovar as intervencións.

É de destacar a presenza de ‘Drosophila suzukii’ nas trampas instaladas en Areeiro, subliñando que as larvas desta especie aliméntanse dos froitos de diferentes especies (cerdeira, amorodo, kiwi, froitas do bosque…), e poden provocar secado dos mesmos, a parte de podremias sobre eles. Para reducir o número de adultos e evitar así a posta de ovos na froita, é aconsellable instalar nas árbores trampas de captura caseiras cunha botella de plástico con buracos de ao redor de 5 mm. onde poñer vinagre de mazá.

No que atinxe ao buxo, na última semana recibíronse numerosas consultas de toda Galicia referindo graves danos nas plantas e a presenza de numerosas eirugas, aínda a pesar de ter tratado, moitas veces a causa de que os tratamentos non foron aplicados de xeito correcto (debe ser aplicado a presión e parándose moito para que teña eficacia).

Finalmente, a EFA advirte de que aínda se está a tempo para aplicar un tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral da camelia, xa que aínda hai crecemento de gromos nalgunhas camelias e estase a verificar que en moitas plantas as poboacións son moi elevadas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información