mildio larvado

Areeiro advirte de que o tempo está a ser moi favorable para o mildio e o oídio nas viñas

O aviso fitosanitario publicado pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir que as condicións climatolóxicas dos pasados días e da semana que entra é moi favorable á aparición de Mildio e Oidio nas viñas, polo que aconsella vixilancia e facer novas aplicacións de tratamentos se aparecen novos síntomas ou se os antigos amosan avance.

No caso concreto do Mildio, co tamaño das uvas xa en grans tamaño chícharo, indícase que a partir de agora poden utilizarse funxicidas de cobre para as novas intervencións, xa que moitos deles veñen formulados con materias activas penetrantes para incrementar o nivel de protección. Tamén se sinala que é preciso realizar labores de roza para mellorar a ventilación das viñas, indicando que cando se fan estas -e tamén cando se aplican os tratamentos- non deben esquecer as plantas pequenas, porque unha infección sobre elas pode ser fonte de infección para o resto da viña.

No referido ao Oídio, as previsións meteorolóxicas para as próximas xornadas seguen a ser moi propicias para o desenvolvemento do fungo, sendo as uvas no actual estado fenolóxico moi sensibles a este fungo, polo que se advirte de que é un momento idóneo para aplicar un tratamento se non se fan revisións específicos nas viñas de forma estrita.

Outro dos consellos do aviso fitosanitario é realizar algunha aplicación preventiva contra a botrite nas viñas máis adiantadas de variedades sensibles e con historial de problemas polo fungo que teñan xa algúns acios achegándose ao peche. Tamén é preciso prestar atención aos rachos nas uvas, xa que as feridas son boa porta de entrada para este patóxeno.

Por outra banda, preséntanse diferentes patoloxías nas viñas segundo as comarcas. Así, nas plantas abandonadas cerca dunha parcela do Condado onde apareceran síntomas de Black Rot no acio a semana anterior, a evolución da enfermidade foi bastante significativa e a sintomatoloxía xa importante.

Tamén se detectaron aumentos de couzas do acio nunha das viñas testemuñas da EFA no Salnés, con incrementos das capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas, mentres nas demais ou non se recolleron (a maioría) ou foron moi reducidas. Tamén apareceron na mesma viña do Salnés os primeiros ovos da couza do acio, así coma noutra parcela do Rosal, onde se recolleron máis adultos nas trampas, aínda que a inmensa maioría dos insectos eran da especie Zygina rhamni, que non é problemática.

Unicamente se atoparon síntomas confirmados de acariose nunha viña abandonada da zona de Bueu (IXP Ribeiras do Morrazo), mentres que de erinose aumentaron os síntomas en varias parcelas, de xeito significativo nunha do Rosal, sendo bastante espectacular, pero non daniña. Finalmente, a presenza de síntomas confirmados á lupa de tisanópteros (trips) estendeuse esta semana a outra viña do Salnés e a unha do Condado, aínda que o número de follas afectadas é aínda baixo.

Maceiras, froita de óso e kiwis
Nas últimas xornadas apareceron novos síntomas de moteado en folla e froito das maceiras, especialmente nas variedades máis sensibles e nas que non se protexeron con funxicidas. En canto á couza da mazá volveu superarse o limiar de tolerancia por número de capturas, e dado que o ciclo desta praga é continuo ao longo da campaña, é importante protexer as plantas se non se teñen trampas para limitar os danos.

Por outra parte, no relativo ás froiteiras de óso, a maioría das ameixeiras, melocotoeiros e similares teñen froita xa en fase avanzada de maduración. Sobre as feridas e rachos que presentan os froitos é fácil ver fungos de Botritis e Monilia secundarios, polo que a froita afectada debe ser retirada para evitar problemas na próxima campaña.

Nas trampas instaladas pola EFA nunha plantación de kiwi e noutra de froiteiras incrementáronse moito esta semana os adultos capturados da especie polífaga Drosophila suzukii, cuxas larvas aliméntanse das froitas provocando a degradación da polpa e facilitando a súa podremia. A colocación de trampas -utilizando simples botellas plásticas de 1,5 ou 2 litros cuns buracos arredor e enchidas con vinagre de mazá- pode reducir o problema que xeran.

Buxo
Finalmente, a EFA sinala unha alerta máxima con respecto ao buxo, pero advirte que non é recomendable aínda o tratamento contra as eirugas a pesares de teren detectados os primeiros síntomas evidentes e exemplares de tamaño intermedio, xa que nuns días os danos por estas eirugas poden multiplicarse, en especial se a meteoroloxía lles é favorable.