“A aposta do Ribeiro pola calidade e polas variedades autóctonas é irreversible”

Entrevista a Cristina Alcalá, xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Fala dos cambios realizados e dos que están por vir na DO máis antiga de Galicia.

Publicidade
“A aposta do Ribeiro pola calidade e polas variedades autóctonas é irreversible”

Cristina Alcalá, xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Cristina Alcalá está a traballar desde o 12 de xaneiro de 2016 á fronte da xerencia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a DO máis antiga de Galicia que neste momento agrupa a 115 adegas e “colleiteiros”.

Falamos con ela dos cambios que se realizaron e dos que están por chegar na DO. Ribeiro, nun momento especialmente difícil para os viticultores debido ás xeadas que danaron unha parte importante dos viñedos.

Levas ano e medio á fronte da dirección do Consello Regulador da a Denominación de Orixe Ribeiro. Que balance realizas deste período?
Asumín esta responsabilidade en xaneiro de 2016 e creo que está a ser unha etapa moi positiva a nivel profesional, pois estou convencida de que realmente na D.O. Ribeiro elabóranse un dos grandes viños brancos de España, pola súa diversidade e a súa autenticidade.

Persoalmente tamén estou moi satisfeita pois como galega quería desenvolver a miña vida profesional en Galicia. O traballo de coordinación desde o Consello Regulador é complexo, pero a pesar diso tentamos xerar diálogos para chegar a acordos e poñer en marcha cambios positivos que xa comezan a notarse. Aínda queda moito por facer pero o camiño está trazado.

Cales son eses cambios?
Nun ano púxose ao día o prego de condicións do Consello Regulador, que estaba atascado desde facía tempo. Paralelamente fíxose un traballo moi importante para adaptar o sistema de certificación de calidade co obxectivo de ser acreditados por ENAC conforme á Norma ISO 17065. Ademais, internamente no Consello Regulador melloramos a organización e demos os primeiros pasos para mellorar a xestión da promoción exterior da D.O. Ribeiro. Asinamos o cambio da futura nova sede coa Consellería do Medio Rural, algo que será moi positivo para a marca Ribeiro; e estamos a piques de presentar a nova web de Ribeiro, algo necesario e que beneficiará tamén ás adegas. Despois de 40 anos, rexuvenecemos e unificamos a imaxe da precinta. Todos os detalles contan e suman.

En definitiva, foron moitas horas de traballo e esforzo, pero que se viron compensadas con satisfaccións como ser elixidos por Verema como o mellor Consello Regulador de España en 2016.

A Denominación de Orixe Ribeiro foi unha das máis afectadas polas xeadas de finais de abril. Como valorades desde o Consello Regulador os danos no viñedo?
Afectounos moito. O noso informe conclúe que as xeadas danaron en torno ao 30% dos viñedos dos vales do Miño e do Arnoia, e o 77% dos situados no val do Avia. En total, concluímos que as xeadas afectaron ao 50-55% da superficie total da Denominación de Orixe Ribeiro. E, como non podía ser doutra forma, sempre estaremos ao lado dos nosos viticultores, apoiándoos nesta situación tan grave. Aos catro días das xeadas organizamos unhas charlas técnicas dirixidas aos viticultores sobre como actuar despois das xeadas, facía moitos anos que non ocorría algo similar.

Xeadas: “O máis importante é que as cepas se recuperen e que se abran liñas de axuda aos viticultores”

Tamén remitimos á Consellería do Medio Rural un informe técnico e exhaustivo sobre o impacto das xeadas nos nosos viñedos e, xunto aos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, presentamos ante a Subdelegación do Goberno unha solicitude conxunta na que reclamamos axudas para os viticultores afectados e a declaración de zona catastrófica.

A nosa produción verase afectada, aínda que estas últimas semanas parte do viñedo empezou a volver a agromar. O máis importante é que as cepas se recuperen e que se abran liñas de axuda aos viticultores para que poidan superar economicamente este momento.

Cales son os principais cambios que acometeron no prego de condicións do Consello Regulador?
Trátase duns cambios que xa estaban decididos cando cheguei, o que fixen foi impulsalos e poñelos en marcha. Basicamente trátase dunha actualización dos viños do Ribeiro, apostando de forma definitiva pola calidade e polas variedades autóctonas.

Incorporamos a categoría Castes para recoñecer aos viños elaborados exclusivamente con uvas autóctonas, tamén a categoría barrica e amparouse a elaboración de viños espumosos.

Respecto ao regulamento anterior, incorporáronse a variedade Lado e Caíño branco e rebaixáronse os rendementos por hectárea.

Comparte que nos últimos anos na D.O. Ribeiro foron perdendo terreo os viños tintos e os monovarietais?
Non o creo. É máis, como consumidora estaría moi atenta ao futuro dos viños tintos da D.O. Ribeiro. O problema é que soamente o 10% da nosa produción é de uva tinta pero o potencial é enorme porque as variedades e o territorio tamén o son. Só lembrar que no século XIX as plantacións maioritarias eran de uvas tintas. Respecto dos monovarietais, nos últimos anos foron aparecendo bastantes viños, principalmente de Treixadura, pero non a única.

A D.O. Ribeiro posúe uns alicerces moi sólidos na súa tradición de elaboración de viños que son, xunto á súa paisaxe e a súa riqueza de variedades, a defensa da mestura. Aquí tradicionalmente mesturábanse as uvas, sendo a Treixadura a variedade raíña, o que dá lugar a unha gran variedade de viños persoais. Esa é unha das nosas fortalezas.

Recuperar o terreo perdido no mercado galego e español segue sendo a gran materia pendente de D.O. Ribeiro?
O noso mercado natural é Galicia e temos que conquistar o mercado nacional. Pero tamén o noso obxectivo é introducir os nosos viños paseniñamente nos mercados internacionais. A marca de calidade Ribeiro deberá situarse en mercados estratéxicos. Actualmente as vendas da D.O. Ribeiro repártense nun 70% en Galicia, un 20% en España e un 10% na exportación.

D“De aquí a 5 anos a D.O. Ribeiro vai dar un cambio moi importante”

É certo que as exportacións incrementáronse lixeiramente, pero o máis importante é que aumentou a percepción da D.O. Ribeiro como marca de calidade, grazas o noso maior impacto mediático, aos recoñecementos que recibiron os nosos viños e ao esforzo das adegas na súa comercialización. A aposta pola calidade é irreversible, e aínda que os cambios leven tempo e ás veces non sexan fáciles de asimilar, van ser para mellor.

De aquí a 5 anos a D.O. Ribeiro vai dar un cambio moi importante e a alcanzar a madurez que se merece. Son optimista e auguro o mellor para a denominación.

Como afronta as eleccións ao Consello Regulador que se celebrarán nas próximas semanas?
Creo que no consello regulador hai unanimidade en que a aposta de futuro é a calidade e as variedades autóctonas, e iso é un punto de conexión entre as adegas grandes, pequenas e medianas. E aínda que os ritmos entre as distintas adegas e colleiteiros (115 en total) non son uniformes, como tampouco o son as súas realidades, non vexo conflito no rumbo da denominación.

Persoalmente estou tranquila porque confío e creo que hai moitas adegas con ganas de crecer e asombrar. O novo pleno que saia tras as eleccións decidirá, pero o ano pasado iniciamos un cambio e imos continuar. A mirada sempre posta no futuro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información