Aplicacións do propóleo na agricultura ecolóxica e na viticultura

Artigo de Mercedes Martínez Modroño, apicultora e viticultora afeccionada. O pasado sábado expuxo no III Foro Apícola de Galicia unha ponencia sobre “Uso do propóleo na agricultura ecolóxica e viticultura”

Publicidade
Aplicacións do propóleo na agricultura ecolóxica e na viticultura

Propóleo nunha colmea

O propóleo é unha sustancia resinosa que as abellas producen para selar e desinfectar o interior da súa colmea. Posúe propiedades bactericidas e antifúnxicas que son ben coñecidas e utilizadas en tratamentos naturais de enfermidades infecciosas leves (inflamacións de gorxa, de moas, feridas ou ataques de fungos na pel, por exemplo), pero que tamén pode usarse con éxito en tratamentos fitosanitarios, especialmente para curar enfermidades fúnxicas na horta, nas árbores froiteiras e na viticultura.

Neste artigo propóñome explicar a miña experiencia no tratamento de plantas de horta e viñas para autoconsumo, con resultados moi satisfactorios. Estou experimentando tamén no tratamento de fungos en froiteiras (roia das pavieiras e chancro en mazairas e pereiras), pero aínda non poden adicarlle suficiente atención. Aínda así, os primeiros resultados son moi alentadores.

O propóleo é unha sustancia sólida e moi pegañenta cando vai calor, que calquera apicultor pode producir para o seu uso nos niveis de autoconsumo, e que calquera apicultor profesional pode ofertar en cantidade suficiente para a venda a profesionais, tanto do sector hortícola como vitícola.

Para aplicalo nos cultivos, cómpre disolvelo para engadirllo á auga coa que vamos sulfatar. Aínda que pode prepararse en disolución acuosa, eu sempre utilicei a tintura alcohólica, que se obtén con 100 g de propóleo sólido disoltos nun litro de alcohol de 70º. Da tintura así obtida engadiremos á sulfatadora unha proporción de entre o 1,5-2%. Na miña experiencia, ao 1,5% é suficiente.

O propóleo é un tratamento sistémico, quere dicirse, que non actúa só nas zonas de contacto senón que penetra no zume da planta e esta o distribúe. Tampouco é preventivo, senón curativo cando o fungo xa está presente. Por esta razón, eu adoito combinar tratamentos preventivos (con purín de estruga e caldo bordelés para o mildeu, e xofre en pó para o oídio) para atrasar a aparición da enfermidade, utilizando o propóleo para paralizar o ataque nas primeiras fases cando aínda non causou danos no froito.

É completamente eficaz ante o mildeu da viña e dos cultivos hortícolas. Nos ataques de black-rot na viña ten unha eficacia media, e ante o oídio ten eficacia media ou baixa ( non consegue curalo completamente pero diminúe o ataque). É moi eficaz tamén na prevención da botrite ou podredume gris que afecta ás uvas antes da vendima. Cunha aplicación entre 3 e 4 semanas antes da vendima soe ser suficiente, segundo a climatoloxía e segundo a caste de uva. Todos estes resultados refírense a viñas que non son tratadas con herbicidas, de cepas vellas e de variedades autóctonas en terreos tradicionalmente adicados a viñedo (secos, con solos pobres en materia orgánica e ben expostos ao sol, en pataos ou socalcos). En terreos con maior materia orgánica e sobre todo con castes foráneas como Xerez ou Alicante non pode garantirse o 100% da colleita. Así que se nos interesa producir moito, son mais recomendables os múltiples preparados que a industria nos oferta en anuncios convincentes. Se o que nos interesa é a calidade e a nosa saúde, podemos probar.

Tamén teño observado que en viñas tratadas convencionalmente (con herbicida e sulfatos comercias) a eficacia destes tratamentos é menor nos primeiros anos, feito que atribúo ás deficiencias do solo.

A tintura de propóleo actúa sinérxicamente con outros preparados utilizados en agricultura ecolóxica como o purín de estrugas ou a maceración de equiseto (cola de cabalo), aumentando claramente a eficacia destes preparados. En concreto, a combinación de equiseto con tintura de propóleo é totalmente eficaz ante o black-rot na viña. Con respecto ao purín de estrugas, a súa acción preventiva baséase precisamente en que estimula a circulación de zume no interior da planta, polo que ao combinalo coa tintura mellora a eficacia do tratamento. Con respecto aos tratamento do oídio, ata o ano 2014 non decidín suprimir completamente os dous tratamentos preventivos que aplicaba con xofre en pó, o tratamento tradicional e máis efectivo, substituíndoo por xofre mollable na mesma aplicación do propóleo. Os resultados non foron os esperados, e a colleita foi moi minguada.

A modo de exemplo, detallo os tratamentos para unha viña:

1.- Tratamento preventivo con cobre (oxicloruro de cobre ou caldo bordelés) con purín de estruga.
2.- 1º tratamento con xofre en pó.
3.- Tratamento con tintura de propóleo (1.5%) + purín de estrugas (10%) + maceración de equiseto ou cola de cabalo (10%). Opcionalmente, teño engadido maceración de milenrama.
4.- 2º tratamento con xofre en pó
5.- Repetición de tratamentos con tintura de propóleo e preparados de plantas, repetidos cada 2 ou 4 semanas segundo a climatoloxía. Se aparece oídio pese aos tratamentos preventivos, engado xofre mollable.
6.- Derradeiro tratamento da colleita antes da vendima, con tintura de propóleo e purín de estrugas.

Unha das vantaxes destes tratamentos é que ao día seguinte de andar no sulfato non che doe a cabeza, e non pasa nada se o vento cambia e che cae encima. Non é necesario usar proteccións especiais e cando chegan os vendimadores a uva pódese comer sen temer que caia mal no estómago, incluso os nenos e nenas. Isto agradéceo moito, cando a vendima é familiar, a persoa encargada de poñer o xantar, porque xa todo o mundo chega á mesa con fartura. Outra das vantaxes, por suposto, é a calidade do viño, que inicia a fermentación sen levaduras engadidas e vai agradecer na súa maduración todos os nosos esforzos.

Con respecto aos cultivos de horta, e referidos sempre a hortas familiares para autoconsumo, normalmente é suficiente unha ou dúas aplicacións, ben utilizando só a tintura de propóleo ou ben engadindo purín de ortiga. Espero que pronto teñamos en Galicia experiencias de horticultores profesionais que utilicen con éxito este tratamento e que podamos ser moitos máis os que o utilicemos para procurarnos unha alimentación de máis calidade e que non expoña aos agricultores e viticultores ao manexo de produtos químicos perigosos para a súa saúde. Creo na importancia de construír entre todos un saber colectivo que, ao cabo, foi o que fixo posible toda a paisaxe e a cultura alimentaria que chegou ata nós. E creo na capacidade do sector profesional, que xa está apostando polas producións de calidade, para saber aproveitar os recursos propios. Dos apicultores depende, por último, que haxa propóleo para todo aquel que o precise.

Receitas:

Purín de estrugas:
1 Kg de estrugas frescas
10 l auga
Deixar macerar10 días, filtrar e conservar en lugar fresco

Maceración de equiseto:
1/2 Kg de planta fresca
1 l. Auga
Ferver 30 minutos, deixar repousar unha noite, filtrar e gardar en lugar fresco.

Tintura alcohólica de propóleo
1 l. Alcohol 70º (pode usarse alcohol 96º diluíndo con agua, 300 ml)
100 g propóleo/1 l. Alcohol
Esperar 10-15 días, filtrar e conservar en lugar fresco

Bibliografía
Bernard Bertrand, Jean-Paul Collaert y Éric Petiot: Plantas para curar plantas, La fertilidad de la Tierra ediciones.

Mercedes Martínez Modroño

Apicultora e viticultora afeccionada no concello da Teixeira, na Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información