Amplo programa de actividades no Festival do Viño da Ribeira Sacra

Publicidade
Amplo programa de actividades no Festival do Viño da Ribeira Sacra

Presentación del festival.

A segunda edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra vaise celebrar os días 6, 7 e 8 de xullo no Paseo do Malecón de Monforte de Lemos, á beira do río Cabe. O alcalde de Monforte, José Tomé, e o presidente do Consello Regulador do D.O., José Manuel Rodríguez, en compañía da Directora Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Mª Carmen Martínez presentaron os detalles do evento, no que van participar 24 adegas das distintas subzonas.

A programación do Festival do Viño terá espazo tamén para a gastronomía, a artesanía, os talleres, o turismo e a música. José Tomé explicou que “este Festival naceu o pasado ano coa vontade de permanecer”, e asegurou a súa continuidade no tempo. O rexedor engadiu que “a idea era facer un festival que promocione conxuntamente os viños e as adegas do cinco subzonas da Denominación de Orixe”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, destacou que “a Denominación de Orixe xa superou as vodas de prata e existía unha sensibilidade para celebrar en Monforte, capital da Ribeira Sacra, un evento destas características sinalando que a nosa comarca é moito máis que viño”.

José Manuel Rodríguez aproveitou o acto para destacar “a boa sintonía co sector vitivinícola para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, instando a todos a traballar para garantir, no futuro, o medio de vida das xentes que fan posible a Ribeira Sacra.

Un programa para todos os públicos

O Festival do Viño, nesta edición de 2018, é unha oportunidade única para gozar dun variado programa cultural que inclúe: rutas turísticas, música, gastronomía, artesanía, animación infantil,obradoiros… que xiran en torno ao verdadeiro protagonista, o viño.

Vinte e catro adegas, pertencentes á D.O. Ribeira Sacra, promocionarán os seus viños o 6, 7 e 8 de xullo, nunha mostra colectiva instalada ao longo do Paseo do Malecón, deseñada e pensada para que o visitante poida gozar nunha contorna natural dun ambiente tranquilo e confortable mentres desfrutade calquera dos excelentes viños, tintos e brancos, novos ou envellecidos en barrica, Mencía ou Godello.

O Festival do Viño da Ribeira Sacra ofrecerá ao longo de 3 días unha oportunidade única para coñecer as súas paisaxes, para descubrir que é iso que chaman “viticultura heroica”, expresión acuñada por Otero Pedrayo na súa Guía de Galicia de 1926.

Para iso ofreceranse distintas rutas turísticas que se realizarán na súa maioría ao longo dos días 6 e 7 de xullo.
Os máis pequenos tamén poderán pasalo moi ben e aprender cos obradoiros infantís de manualidades que desenvolverá Imaxinatia. Se o desexan, poderán descubrir un oficio como a Olaría Tradicional de Gundivós, da man dun dos últimos oleiros.

Os que se animen a experimentar cos sentidos, sorprenderanse coa proposta do taller sensorial “Xogo de Sabores” ou tamén se poderán rir e divertir no taller tradicional de contacontos que levará a cabo Anxo Moure. Todas estas actividades realizaranse durante todo o día do sábado ata a clausura do Festival que terá lugar o domingo día 8 de xullo ao mediodía.

6 novas rutas turísticas

Este ano, o Festival do Viño da Ribeira Sacra, ofertará 6 novas rutas turísticas deseñadas exclusivamente para esta edición na que se descubrián os encantos dos ríos Miño e Sil, viaxarase ata o Val de Quiroga onde cepas e oliveiras, viño e aceite, conviven en perfecta harmonía.

En canto á música, na Praza de España poderase gozar dos concertos de Najla Shami e Sons do Douro o venres día 6 de xullo. Davide Salvado e A Banda da Loba subiranse ao escenario na noite do sábado 7 de xullo.

O Festival do Viño 2018, na súa segunda edición, parte co obxectivo de consolidarse como un evento de referencia para a promoción dos viños do D.O. Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información