Altos de Torona, o viñedo máis grande de Rías Baixas

A adega acumula destacados premios internacionais para a súa gama de viños, que inclúe albariños 100%, multivarietais típicos do Rosal, un godello e elaboracións de brancos en barrica

Altos de Torona, o viñedo máis grande de Rías Baixas

A finca de Altos de Torona, en primeiro plano, ubícase preto do río Miño e a dez quilómetros do Atlántico.

O viñedo de Altos de Torona, ubicado en Vilachán (Tomiño, Pontevedra), é singular no panorama da viticultura galega, marcada polo minifundio. Suma case un cento de hectáreas nunha única finca, o que o convirte no maior viñedo de Rías Baixas. A parcela plantouse arredor do ano 2000 tras pechar o grupo HGA a compra de terreos particulares e un acordo cunha comunidade de montes.

O emprazamento do viñedo, ubicado a media ladeira, a uns 200-300 metros sobre o nivel do mar, con orientación sur e próximo á desembocadura do Miño, pensábase que era idóneo para a produción de viño. O tempo está confirmando a potencialidade do viñedo, pois os premios internacionais sucédense nos últimos anos.

Estrutura en bancais da finca.

Estrutura en bancais da finca.

A finca plantouse principalmente con albariño, se ben tamén se apostou por manter o sinal diferenciador dos viños da subzona do Rosal (DO Rías Baixas), caracterizados polo emprego doutras variedades de uva branca. O Altos de Torona Rosal 2013, un albariño que inclúe pequenas porcentaxes de loureiro e caíño branco, foi distinguido como o mellor branco de España na International Wine Challenge 2014, un dos certames máis recoñecidos a nivel internacional.

“O Altos de Torona Rosal é un viño afroitado, cun toque doce e unha suavidade de paladar que o fan diferente dos tradicionais albariños 100%”, explican na adega.

“O Altos de Torona Rosal é un viño afroitado, cun toque doce e unha suavidade de paladar que o fan diferente dos tradicionais albariños 100%”

A edición 2017 da International Wine Challenge, que se celebra en Londres, concedeulle outros seis galardóns a Altos de Torona, sendo o máis destacado a medalla de ouro para o Altos de Torona Albariño 2016, un albariño xove 100% cultivado na finca de Vilachán, en Tomiño.

Outro dos albariños da sociedade é o Pazo de Villarei, elaborado a partir de uvas que se lle mercan ós viticultores do Salnés que xa viñan traballando de xeito habitual con esa marca.

Mercados
A adega caracterízase por ofertar unha ampla gama de viños, na busca de diferentes tipos de consumidores e mercados de restauración. Froito desa preocupación por innovar son os albariños en barrica de carballo francés e sobre lías. Seu foi tamén un dos primeiros godellos 100% de Rías Baixas e fan ademais elaboracións con tintos a partir das variedades brancellao, sousón e caíño tinto.

“O Altos de Torona Barrica, albariño 100%, ten unha produción reducida (1.500 botellas), pero hai consumidores que comezan a demandar brancos en barrica. Podemos elaborar estes viños minoritarios porque temos unha adega e un equipo preparado para estas innovacións”, subliña Óscar Martínez.

Vista da parcela.

Vista da parcela.

Altos de Torona comercializa arredor da metade da súa produción en Galicia, en tanto o resto repártese entre outras zonas de España e a exportación. “Tanto en España como a nivel internacional o potencial de crecemento do albariño e da nosa adega en particular é inmenso”, destacan na adega, que conta co selo Galicia Calidade e que subliña o prestixio internacional acadado pola DO Rías Baixas.

Grupo HGA
Altos de Torona é propiedade do grupo HGA, que conta con outra adega na denominación de orixe Ribeira Sacra, Regina Viarum, o que lle permite complementar no mercado a oferta de brancos de Rías Baixas cos mencías da Ribeira Sacra. Ademais de contar con dúas adegas propias, a de Altos de Torona e Regina Viarum, o grupo elabora tamén viños noutras denominacións a partir de acordos con diversas adegas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información