“A Administración non se preocupou de axudar aos viticultores de Valdeorras”

Entrevista a José Luis García Pando, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Márcase como obxectivo inmediato lograr a acreditación da ENAC e que a uva Godello non se pague por debaixo de 1,2 euros o quilo.

Publicidade
“A Administración non se preocupou de axudar aos viticultores de Valdeorras”

José Luis García Pando, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Fotos: Carlos G. Hervella : periódico O SIL

Tras case dous anos e medio fóra do cargo, e con dous presidentes de por medio, José Luis García Pando volveu o pasado mes de xullo a ser elixido presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Este viticultor e adegueiro -con outros socios posúe a adega “O Casal”- xa ocupou o cargo entre os anos 2006 e 2015. A súa negativa a retirarlle os expedientes sancionadores a máis de 150 viticultores que se sobrepasaran nos límites de produción fixados no regulamento, levouno a presentar a súa dimisión.

Agora volve a desempeñar o cargo co apoio dos vocais da Asociación de Empresarios Adegueiros de Valdeorras, o Sindicato Labrego Galego e Viticultores Independientes de Valdeorras.

¿Como se presenta esta vendima 2017 na Denominación de Orixe Valdeorras?
É unha vendima complicada por diversos motivos: porque leva moito adianto con respecto a un ano normal, complicada polas xeadas de abril, porque houbo unha seca bastante considerable, que non está solucionada porque non choveu o suficiente. E tamén porque o pedrazo de finais de agosto tamén afectou a algunhas partes da Denominación de Orixe e iso obrigou a vendimar rápido para evitar problemas.

“Hai un sector no Consello Regulador que non é partidario de expedientar. Eu si, porque o que fai mal as cousas prexudícanos a todos”

É moi aventurado facer previsións de colleita porque é moi desigual nas distintas zonas. Así pódense atopar zonas onde o viñedo foi queimado pola xeada e viñas perfectas e cunha produción considerable. Este ano se non tivera sido pola xeada sería un ano de récord de produción porque nos sitios onde non afectou hai moita cantidade e calidade.

¿Como valoras as medidas de apoio aos viticultores postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para paliar os danos das xeadas e da saraiba?
O goberno da Xunta de momento en Valdeorras non ten feito absolutamente nada para apoiar aos viticultores ante as inclemencias meteorolóxicas. Cando saraibou o ano pasado aquí, non lle deron un duro aos viticultores, pero na Ribeira Sacra si, a pesar de que afectou menos. E o mesmo este ano cando xeou e saraibou, cando parece que no Ribeiro si que van dar axudas nos concellos de Cenlle e de Castrelo de Miño.

“A Administración non se preocupou de buscar fórmulas para axudar aos viticultores afectados polas xeadas e a saraiba”

A Administración non se preocupou de buscar fórmulas para axudar aos viticultores ante unha situación moi grave para un número moi importante de produtores. Dende que se creou a Denominación de Orixe de Valdeorras nunca recibimos unha axuda por un percance meteorolóxico, cando o ano pasado se pediu a declaración de zona catastrófica e este ano tamén.

¿Sorprendeute a túa elección como presidente da Denominación de Orixe?
O presidente do Consello Regulador non é unha figura presidencialista que manda ao seu antollo, senón que fun elixido pola maioría dos vogais dos Consello Regulador, e representando a un proxecto e a un programa para a Denominación de Orixe. Baralláronse distintas persoas e neste caso a maioría do pleno considerou que fora eu quen representara ao conxunto do grupo.

¿Cales son os obxectivos que te marcas para o teu mandato?
Os obxectivos son claros, potenciar a marca Valdeorras, que se coñeza nos máis sitios posibles, sobre todo nos mercados potenciais para o noso viño e seguir coa senda de promoción.

Ademais, unha DO é un organismo de control da produción, de forma que o viño que se elabore aquí e teña a contraetiqueta do Consello Regulador sexa elaborado unicamente con uvas procedentes de viñas inscritas na DO. Control da orixe, trazabilidade e realizar toda a labor promoción que se poda facer son os obxectivos principais.

“É imprescindible lograr a acreditación ENAC”

O outro gran reto é lograr la acreditación de ENAC, que quedou pendente do anterior mandato e é imprescindible que a consigamos. Faremos todo o posible para que nos acrediten segundo esa norma de calidade e podamos ter así unha seguridade xurídica.

É unha norma de calidade á que nos obriga Europa e a lexislación vixente e parece que algúns non se queren enterar desta realidade. Ata agora as administración non tomaron medidas contra as Denominacións de Orixe sen acreditación ENAC e é evidente que ás poucas que non o fagan algo lles vai pasar. En Valdeorras non queremos estar nese grupo, que nos pode supor que incluso nos retiren a capacidade de elaborar viño baixo o amparo da Denominación de Orixe.

A súa dimisión como presidente do Consello Regulador no ano 2015 veu motivada pola súa decisión de non retirar as sancións a un grupo de viticultores que se excederan no límite de produción fixado no regulamento. O seguinte equipo directivo de Francisco García conseguiu elevar estes rendementos autorizados. ¿Pensa modificar este cambio no regulamento?
Cando estivemos gobernando, entre o 2006 e o 2015, elaboramos un regulamento vixente ata agora, con producións máis limitadas. Sen embargo, si tivemos a salvagarda de poder aumentar de forma excepcional nun ano de gran colleita un 25% os rendementos máximos autorizados, que son as cantidades que aumentou de forma xeneralizada a anterior directiva.

Creo que na anterior etapa se se tivera obrado con cabeza as limitacións de produción non deberían ser problemáticas e cando as campañas foran boas en produción poderíanse aumentar ese 25% os rendementos. O problema é que se empezou a utilizar esa excepción de forma arbitraria e a discreción, e aí comezaron os problemas.

“Aumentar o límite de rendementos do viñedo non é bo a longo prazo”

Nestes temas de limitación dos rendementos debemos estar de acordo a inmensa maioría, por que o que non imos facer é andar cambiando segundo quen goberne. Se non hai ese amplo consenso é mellor deixar as cousas como están ata que o teñamos todos claro.

Creo que os aumentos de produción non son bos á larga. É certo que nun momento puntual poden supor aumento de ingresos, pero se aumentamos demasiado a oferta baixan os prezos.

¿Cales deberían ser os límites de rendemento para os viñedos en Valdeorras?
O programa co que nos presentamos ás eleccións tiña un punto moi claro: queremos que o quilo de uva Godello se pague por riba de 1,2 euros e o de Mencía por riba de 1 euro.

Isto é clave porque desta forma sabemos que para o viticultor élle rendible traballar o viñedo. Queremos que un produtor cunha superficie relativamente pequena lle sexa rendible traballala e mesmo poda vivir delo. Tamén que os prezos non suban de forma excesiva pois provocarían que as adegas tivesen dificultades para comercializar o viño.

 “Queremos que a uva Godello se pague por riba de 1,2 euros o quilo e de 1 euro no caso da Mencía”

En definitiva, que haxa unha proporcionalidade no prezo. Iso é un punto clave do noso programa e buscaremos un consenso, pero ante todo cumpriremos o programa co que nos presentamos ás eleccións.

Nestes tres últimos anos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras viviu unha situación convulsa, con nada menos que tres presidentes. ¿Cales son as razóns de fondo das discrepancias no seo do Consello Regulador?
Por unha parte debido a intereses sindicais e políticos, pero tamén a visións encontradas do que é a viticultura e unha Denominación de Orixe.

É dicir, hai un sector que pensa que todo vale, que todos somos bos, que non hai que expedientar a ninguén, e outros que pensamos que todos somos bos pero cando se demostra que alguén fai as cousas mal hai que paralo, porque iso prexudícanos a todos. Se non prexudicaran a ninguén si que poderíamos ser magnánimos.

José Luis García Pando entrevista valdeorras

José Luis García Pando, novo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Fotos: Carlos G. Hervella : periódico O SIL

¿Comparte a opinión dalgúns adegueiros e viticultores que defenden que os viños da zona do Bibei teñan unha maior diferenciación dentro da DO Valdeorras?
A zona do Bibei ten un enorme potencial e nos últimos anos recuperáronse moitos socalcos por parte de adegas que viron a calidade que se produce neses terreos.

En canto a diferenciar máis os viños das distintas zonas de Valdeorras, é un debate ao que lle vexo vantaxes e inconvenientes e estou aberto a abordalo. Pero tamén hai que lembrar que o regulamento do Consello Regulador xa permite elaborar 6 tipos de viños. E a dificultade que se nos presenta ao Consello Regulador é poder controlar iso para ofrecerlle ao cliente as máximas garantías. Por iso, creo que se abrimos o abano a subzonas, iso debe ser sempre controlable e controlado.

 “Podemos abrir o abano a subzonas pero sempre que sexa controlable”

Tamén quero lembrar que en Valdeorras temos unha enorme riqueza de solos, con variacións importantes incluso cada 200 metros, e iso é algo que se traslada ás uvas e aos viños. É dicir, nesta comarca temos a riqueza de ter solos graníticos, de lousa, calizos, de arrastre fluvial e arxilosos. E a mestura de uvas producidas neses distintos tipos de solos son a clave para a riqueza e a complexidade dos viños de Valdeorras.

Valdeorras está concentrando nos últimos anos o interese de adegas de fóra de Galicia que se queren asentar nesta DO. ¿Pode adiantarnos algún proxecto de implantación de novas adegas?
Si hai adegas interesadas pero prefiro non falar mentres non se concreten na realidade, porque normalmente estes procesos levan anos, ata que as adegas deciden mercar viñedos e poñer en marcha o seu propio proxecto.

A realidade é que se viñeron empresarios de fora a interesarse por Valdeorras é porque viron que os viticultores e os adegueiros desta D.O xa levaban anos elaborando uns viñazos, facendo as cousas ben e demostrando que podemos competir con calquera.

En todo caso, que veñan proxectos de fóra sempre é positivo porque nalgúns casos trouxeron novas formas de elaborar e a veces solen ter maior capacidade comercializadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información