Adegas Santa Marta: viños exclusivos desde as ladeiras de Valdeorras

Esta adega familiar de Córgomo, en Valdeorras, aposta pola diferenciación con viños exclusivos como un monovarietal de Sousón, o Viñaredo elaborado a partir de uva Garnacha de cepas centenarias ou o viño tostado. Foi unha das adegas máis premiadas no Concurso Internacional de Bruxelas deste ano

Publicidade
Adegas Santa Marta: viños exclusivos desde as ladeiras de Valdeorras

Viñedos de Adegas Santa Marta en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras)

“Son feliz traballando na viña e quero transmitir na botella de viño todo o que hai en cada un dos nosos viñedos e o que representan para min”. Con esta filosofía, José Guitián López leva cultivando as súas viñas desde hai máis de trinta anos nas solleiras ladeiras de Valdeorras para transmitir no viño un territorio e unha forma de vida.

A súa adega, Adegas Santa Marta, cuxa propiedade comparte xunto co seu irmán Alfredo e a súa esposa, María Jesús Álvarez Rodríguez, vén recibindo nos últimos anos numerosos recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional como premio a unha das adegas revelación da Denominación de Orixe Valdeorras.

14 hectáreas de viñedo repartidas en máis de 60 parcelas

Situada na aldea de Córgomo, no municipio de Vilamartín, no cara norte do val de Valdeorras, a adega foi fundada en 1998 para dar continuación a unha tradición familiar inmemorial, con viñedos centenarios. “Temos unhas 14 hectáreas de viñedo cunha media de idade de 30 anos e repartidos nunhas 60 parcelas, a maioría pequenas -Val das Viñas, Pousadoiro, Regueira, A Devesa…..etc-, algunhas de 500 metros de superficie, que en moitos casos son viñedos antigos en vaso, con variedades mesturadas, e que xa foron plantadas polos nosos antepasados fai máis de cen anos”, explica José Guitián.

Esta gran variedade de parcelas, xunto á importante oscilación de altura -as parcelas sitúanse entre os 400 e os 800 metros de altitude- permiten a Adegas Santa Marta diferenciar os seus viños, con vinificacións por parcela, por variedades e mesmo por antigüidade dos viñedos.

O Godello é a variedade reina, con en torno ao 70% da superficie plantada, pero esta adega tamén optou por conservar os vellos viñedos de Garnacha, á vez que apostou por recuperar outras variedades autóctonas como a Mencía ou a Sousón.

Pioneiros na recuperación da variedade Sousón

Precisamente é esta variedade autóctona de Valdeorras a que máis recoñecemento está a acadar nos últimos anos. “Fomos pioneiros na recuperación desta variedade en Valdeorras e hai sete anos empezamos a elaborar o Viñaredo Sousón, un monovarietal do que sacamos unhas 7.000 botellas ao ano”, explica José Guitián.

Este viño rexo, potente, ideal para garda ou reserva, foi premiado coa Medalla de Ouro no Concurso Internacional de Bruxelas 2016, no que competiu con 8.750 mostras de viños de 52 países produtores.

“O seu contrapunto é que é unha variedade con pouca produción e de maduración tardía, a finais de outubro ou principios de novembro”, explica José Manuel Moreno, o enólogo de Adegas Santa Marta, un estremeño namorado das variedades autóctonas galegas.

“O Sousón é unha variedade que proporciona moitísimo cor ao viño, máis incluso que a Garnacha Tintoreira, cunha acidez dunha variedade branca e que permite crianzas en barrica de máis de 20 meses e acada entre 13 e 13,5 graos”, destaca.

 “É a única adega en Valdeorras que elabora viño tostado de Godello”

O portafolio de Adegas Santa Marta inclúe en total 8 referencias xunto coa o Viñaredo Sousón: o Viñaredo Godello, o máis representativo, Viñaredo Godello Barrica, Viñaredo Mencia e Mencía Barrica, Viñaredo Garnacha centenaria, Valsadal Tinto e Branco.

A isto engaden o Viñaredo Tostado, un luxo para os sentidos, un viño doce, elaborado con uvas seleccionadas de godello pasificadas. Adegas Santa Marta é a única adega da D.O. Valdeorras que elabora este produto exclusivo do que soamente saen ao mercado 300 botellas ao ano.

Fardelas: un Godello de cepas vellas homenaxe ao patriarca da familia

Pero a procura da excelencia e da diferenciación non se detén en Adegas Santa Marta. O pasado mes de setembro sacaron ao mercado un godello especial, Fardelas de Viñaredo, en homenaxe ao avó Paco, o pai de José e de Alfredo Guitián, e que está elaborado con uva procedente dunha parcela de cepas vellas de Godello, con mosto extraído sen prensa e fermentado con lévedos autóctonos. Un produto tamén exclusivo do que soamente saen á venda 2000 botellas.

Viños presentes en Xapón e en Estados Unidos

As ao redor de 300.000 botellas que cada ano elabora Adegas Santa Marta chegan a un bo número de países. Ao redor do 50% da súa produción véndena no mercado galego, outro 30% no resto de España e un 20% destínase á exportación. “Estamos presentes desde Xapón a Estados Unidos e en numerosos países Europeos, a nosa intención é seguir medrando en vendas ao exterior, apostando por vender non só a nosa variedade estrela, o Godello, senón tamén o territorio de Valdeorras, que é o que fai únicos aos nosos viños no mundo”, conclúe José Guitián.

 

José Guitián López nas súas viñas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información