Adegas As Laxas presenta tres novos viños de parcela e de produción limitada

Publicidade
Adegas As Laxas presenta tres novos viños de parcela e de produción limitada

Englobados na colección Viñas Singulares, Adegas As Laxas presentou este luns en Vigo unha nova gama de viños selección, elaborados con uvas das súas tres parcelas máis emblemáticas propiedade da adega: Pontecabaleiros, O´Pucha e Tixosa.

Cada un deste tres viños elabórase con uvas seleccionadas de cada unha destas leiras, seguindo un proceso de vinificación particular en cada caso, co fin de transmitir con maior expresividade as mellores calidades de cada unha delas.

Con esta presentación, celebrada a noite deste luns no Gran Hotel Nagari de Vigo, culminan máis de cinco anos de investigación e experiencias até lograr que cada unha deste tres novas marcas leve en cada botella o mellor de cada leira.

Así o reflectiu neste acto de presentación o director xerente de Adegas As Laxas, José Simón Ferro, ao afirmar que: “o esencial de cada unha destas viñas vai na súa respectiva botella; con mimo, dedicación e profesionalidade, até alcanzar o que cremos que logramos: facer singular o singular”.

O acto culminou cunha cata dirixida e maridada cunha elaboración culinaria específica para cada un destes viños, o que supuxo unha experiencia sensorial moi gratificante para os asistentes.

Características do tres novos viños

Un viño albariños que sexa emblemático do varietal, con toda a súa amplitude e sen perder nunca a súa frescura é o que se tratou de buscar no primeiro viño dos presentados: Pontecableiros.

Aproveitando as súas características e situación (viñas de vinte anos de antigüidade elevadas tan só a 80 metros de altura do nivel do mar) tratouse de buscar a esencial do albariño: fresco e afroitado, grazas a unha maceración lenta de dezaoito horas e unha fermentación espontánea sobre as súas propias leas. Ideal para o que busque o sabor auténtico do albariño.

A finca O´Pucha é, talvez, a máis emblemática de Adegas As Laxas. Dela extráense as uvas para producir un dos viños máis afamados da firma: Bágoa do Miño. Grazas a esta experiencia, púidose profundar un pouco máis buscando un viño que potencie as excepcionais características deste viñedo caracterizado polo seu terreo en socalcos de chan granítico, as súas viñas de máis de 40 anos e a súa excelente orientación ao sur. Empregando só as uvas das terrazas máis altas deste viñedo (as de menor produción, pero as máis ricas en polifenois e compostos aromáticos) elabórase O´Pucha: un viño que, grazas a unha maceración en frío de 24 horas, conséguese este albariño cheo de aromas e cunha mineralización moi marcada.

Viña Tixosa é a finca máis elevada das que posúe a adega. Os seus viñedos teñen 30 anos de antigüidade e están a unha altura de 350 metros sobre o nivel do mar, orientados ao sueste. Aínda sendo un chan tamén areoso, ten unha maior profundidade, o que permite un sistema radicular máis extenso.

Estes factores xunto cunha maior acidez, determinan que sexa a última recolección da campaña. Na elaboración de Tixosa diferéncianse dúas fases: o principio da fermentación produciuse nun depósito de aceiro inoxidable; mentres que o final, en pipas de carballo francés cunha crianza dun dez meses con batonnage. O viño é potente en acidez e baixo pH, o que suxire que será un viño con lonxevidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información