Adegas Godeval, a primeira en iniciar a vendima en Galicia

Publicidade
Adegas Godeval, a primeira en iniciar a vendima en Galicia

Vendima nos viñedos de Adegas Godeval

Adegas Godeval empezou este martes a súa vendima na DO Valdeorras adiantándose unha semana á do ano anterior e converténdose na primeira adega das cinco Denominacións de Orixe galegas en iniciar a vendima 2015.

En total, 35 vendimadores abriron onte a campaña no terreo La Graciosa en Vilamartín de Valdeorras e prevén que durante uns 10 días recollan entorno a 130.000 quilos de uva godello. Unha cantidade lixeiramente inferior á da campaña pasada nesta adega que chegou aos 159.000 quilos.

Unha vez concluída a recollida neste terreo continuarán o traballo na Granxa, o segundo terreo propiedade da adega na localidade de Vilamartín,  con cepas de godello de 30 anos de idade. Despois os vendimadores xa se desprazarán á zona do Barco onde a adega conta con outros 3 terreos: Pancho, Liebres e Armontes; con elas completa as súas 21 hectáreas de viñedos en propiedade cos que elabora as súas tres marcas 100% godello.

2015 é o ano no que antes iniciaron a vendima

Coas uvas do terreo Pancho elaborarase a segunda anada do novo Godeval Revival (criomaceración) e coas de terreo Liebres, ademais das doutras zonas de viñedo da mesma idade, o Godeval Cepas Vellas (sobre lías en aceiro inoxidable). O resto empregarase no premiado Godeval (elaboración tradicional).

De todos os anos de existencia da adega, nacida en 1987, este é o ano no que antes se iniciaron os labores de vendima. O motivo foi a agromada temperá en primavera e as altas temperaturas deste verán.

Dende Adegas Godeval destacan que “as uvas están moi sas, con boa madureza e grans de uva pequenos debido á seca, aínda que desenvolveron un pouco máis estes últimos días a consecuencia das precipitacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información