Adega Sidrón, do viño a granel á aposta pola calidade no alto Navia

Na casa de Rosa e Paco Sanromán, en Pieiga, no concello de Negueira de Muñiz, sempre se fixo viño para a casa. En 2013 estes dous irmáns decidiron comezar un camiño cara a profesionalización que xa non ten volta atrás

Adega Sidrón, do viño a granel á aposta pola calidade no alto Navia

“Non é que nós nos empeñemos en ter vides agora, aquí sempre as houbo, quizais agora é cando menos hai porque se perderon moitos viñedos no Navia alto, pero os nosos pais xa facían viños a granel para a casa e os excedentes vendíanos, como se facía na maioría das casas desta zona”, explica Paco Sanromán, que xunto á súa irmá Rosa están á fronte da Adega Sidrón.

Fai 6 anos decidiron dar un salto de calidade construíndo unha pequena adega na que poder embotellar o viño das barricas de toda a vida. “Antigamente as adegas estaban nos baixos das casas. Nós fixemos obra nova para ter máis espazo e altura”, explica Paco. Fixérona eles mesmos e gastaron uns 30.000 euros no material, cunha sala onde elaboran, fermentan e embotellan e unha pequena sala de catas ao lado onde ten lugar unha que outra festa. “Vennos moi ben para comer cando facemos a vendima”, conta.

Queren pasar das 4.000 botellas actuais a 15.000 nos vindeiros anos

Parte da maquinaria xa a tiñan e o resto mercárona. Aí comezou un camiño cara a profesionalización que semella imparable. Paco ven de deixar o seu traballo dos últimos 17 anos como camioneiro en Oviedo para, con 39, volver e adicarse de cheo á adega. A súa irmá Rosa tamén vai facer a incorporación.

Entre os dous agardan medrar desde as 4.000 botellas actuais até as 15.000 ás que queren chegar para que o proxecto sexa viable e rendible para dúas persoas. “Somos conscientes de que temos que seguir medrando, coas 2,5 hectáreas de viñedo que temos hoxe non nos chega”, explica. Pretenden chegar até as 4 hectáreas.

Do cacho á copa

Se algo define os viños do Alto Navia é o cacho. Trátase dun cunco de madeira usado tradicionalmente nesta zona tanto para trafegar o viño como para bebelo. Aínda hoxe o hai en todas as casas que fan viño. E non podía faltar no logo da Adega Sidrón.

Cacho para beber o viño, tradicional do val do Navia

Cacho para beber o viño, tradicional do val do Navia

Pero pasar do viño a granel ao embotellado significa pasar do cacho á copa. Un proceso no que ao mesmo tempo que Rosa e Paco están a incrementar a extensión e o número de cepas que teñen tamén están a reducir a súa produción por hectárea para gañar en calidade. “É difícil concienciarse de que hai que quitar carga de uva á cepa. Iso é doloroso para moitos veciños aquí, porque vimos da produción a granel onde o que buscabas eran litros. Temos variedades de moito vigor e temos que quitar, esa é a maneira de mellorar”, defende.

Do mesmo xeito, Adega Sidrón, que leva o nome da casa familiar, está a reemprazar as variedades foráneas que foron chegando ao val do Navia nas últimas décadas por variedades autóctonas que levan séculos na zona. Son castes como a branca lexítima ou o tinto sorodio, menos produtivas pero máis interesantes desde o punto de vista da diferenciación zonal.

Temos que quitar carga de uva á cepa pero iso é doloroso porque vimos do granel, onde o que se buscan son litros

“O tinto sorodio, por exemplo, é unha variedade pouco produtiva e de racimo máis pequeno. Para o granel non é interesante, polo que nos últimos 25 anos a xente puxo mencía, que é moito máis estable e produtiva. Buscaban máis litros, así que entraron variedades como jerez, godello ou mencía. A xente aquí ten un pouco de todo e nós estamos revertendo todo iso e volvendo a castes autóctonas, en branco volvendo a poñer branca lexítima e en tinto arrincando godello e mencía, que son variedades que a nós non nos aportan nada, e poñendo tinto sorodio e merenzao”, explica Paco.

Recuperando viñas improdutivas e plantando castes autóctonas

Vides centenarias que está a recuperar Adega Sidrón

Vides centenarias que está a recuperar Adega Sidrón

Paco e Rosa teñen neste momento 2 hectáreas de viñedo en produción e outra media que van plantar este ano. E pensan seguir medrando do mesmo xeito que o fixeron até o de agora, recuperando e poñendo a producir vides que estaban desaproveitadas. “Ademais das cepas que tiñamos nós (unha hectárea que seus pais, Juan José e Marina, herdaron dos seus antepasados) arrendamos viñas a veciños do lugar, estaban todas en produción, unhas máis atendidas e outras menos, porque aquí a xente é cada vez máis maior e non pode atendelas”, describe Rosa. “O recuperar viñas vellas o que nos dá é atoparnos coas variedades que levan nesta zona moito tempo”, engade.

As variedades autóctonas que están plantando son adquiridas en viveiros. “Traemos moita cepa de viveiro e pode que algún problema nos poida chegar por aí”, razoa Paco, que considera que “o ideal sería ter viveiro propio pero até agora non foi posible”. Teñen problemas co mildeu, “que sempre houbo”, e comezan a aparecer tamén outras enfermidades. “Empézase a ver algo de iesca e eu achácoo ao tema dos viveiros”, di.

Están arrincando variedades como mencía ou godello e plantando tinto sorodio e merenzao

Todas as que teñen son fincas pequenas, moi difíciles de mecanizar e que hai que traballar á man. “Conseguimos unir varias e facer unha máis grande, duns 3.000 metros cadrados, o resto todas de aí para abaixo”, indican. Cando comezaron hai 5 anos plantaron en total uns 8.000 metros cadrados que agora comezan a estar en plena produción, o que lles vai facer ir incrementando o número de botellas nos vindeiros anos.

A Marcada

A Marcada é o viño emblema da adega

A Marcada é o viño emblema da adega

Unha das primeiras fincas que colleron en renda no ano 2013 foi A Marcada, no lugar de Vilaseca. “Estaba abandonada cando a collimos. Ten cepas centenarias de verdello, tinto sorodio e blanca do país”, explica Paco.

A Marcada dá tamén nome a unha das tres etiquetas coas que Adega Sidrón embotella os seus viños. É unha mestura de tinto sorodio, merenzao e algo de mencía. Outra das botellas faise con verdello tinto, tinto sorodio e mencía e a terceira é uva branca lexítima. Para o ano que vén terán unha cuarta, de tinto sorodio 100% e están comezando a facer probas con verdello branco.

No 2017 produciron 4.000 botellas entre os tres viños que comercializan neste momento baixo a marca Dpieiga. Do ano 2018 terán menos produción. “Foi un ano complicado e tivemos máis pérdida de uva”, xustifica Paco. Comercializan nas catro provincias galegas, Asturias, Alicante e Barcelona. “Non temos problema para dar saída á produción, sobre todo o branco”, indica Rosa.

Do Barbanza a Cangas de Narcea pasando por Betanzos

A variedade branca lexítima, que é como se coñece nesta zona a uva branca do país, está en auxe. É unha caste que comparten distintas zonas, desde o val do Navia, Betanzos, o Barbanza, Cangas do Narcea en Asturias e mesmo algunha zona de León.

Unha das súas características é a súa acidez, “que tamén fai que o viño dure máis, porque a acidez é un conservante natural”, di Paco. Para reducir esa acidez, que no val do Navia é menor que no resto de localizacións onde tamén se encontra esta variedade, embotéllase máis tarde. “Esa acidez necesita moldearse e perfilarse polo que o temos máis tempo na cuba”, explica. Tamén mellora unha vez embotellado. “O tempo en botella venlle ben a este viño, estamos vendo que botellas do 2017 que estamos abrindo agora están mellor que fai un ano”, di.

En busca dunha IXP propia

Vista do río Navia desde Pieiga

Vista do río Navia desde Pieiga

Chegar a Negueira de Muñiz é pasar de golpe dos 1.000 metros da altitude da Fonsagrada aos 300 de Pieiga. Aos pés do embalse de Grandas e seguindo o serpenteante río Navia dáse un microclima especial que permite a produción de viño historicamente. “Temos temperaturas no verán entre os 33 e os 38 grados, estamos máis ao norte pero as condicións para producir viño son boas”, describe Paco.

Esas condicións permítelles vendimar, dependendo do ano, entre o 15 e o 20 de setembro. “Lévanos como moito unha semana e a mediados ou finais de maio comezamos a embotellar”, explica.

A evolución nos últimos anos dos viños do Alto Navia foi moi boa pero a falla dunha dunha Denominación de Orixe que os acolla é un hándicap para o seu crecimento. Por iso os produtores desta zona están loitando para conseguir unha Indicación Xeográfica Protexida propia que os ampare. Englobaría aos tres concellos galegos do Alto Navia: Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna. En total nesta zona quedan unhas 24 hectáreas de viñedos en produción actualmente.

Só dúas adegas con rexistro embotellador

Os tres viños que comercializan na actualidade na Adega Sidrón

Os tres viños que comercializa na actualidade Adega Sidrón

Aínda que na zona se manteñen dúas ducias de produtores, só dúas adegas contan con rexistro embotellador: Adega Sidrón e Adega Panchín, propiedade de Manuel Cancio, o primeiro que comezou a embotellar viño nesta zona alá polo ano 2000.

“Se conseguimos que a IXP vaia adiante eu penso que haberá máis xente que se anime a cambiar o sistema tradicional de viño a granel desta zona por este outro de embotellar e apostar pola calidade”, afirma Paco. Aínda que profesionalizarse, como fixeron Rosa e Paco, signifique competir no mercado e pagar impostos e iso sempre asusta, claro.

Augas arriba do Navia, pegado a Negueira pero do lado asturiano atópase Ibias. Tamén alí se produce viño. Comparten as mesmas castes e variedades autóctonas que do lado galego pero eles pertencen á Denominación de Orixe de Cangas do Narcea.

Pero “Ibias non ten nada que ver coa zona do Narcea e se seguen medrando terán que facer unha subzona, porque máis alá de ter as mesmas variedades, as condicións son distintas. A zona do Navia é máis favorable para o viño, nós vendimamos o 15 de setembro, en Cangas non poden comezar até outubro. As diferenzas son notables e os viños tamén”, explica Paco.

“Sería positivo que traballaramos en conxunto as adegas de Galicia e Asturias”

En Ibias hai tres produtores que embotellan e dúas adegas máis en construción, unha delas de maior dimensión que as existentes. Así pois, en poucos anos haberá 5 adegas con rexistro embotellador no concello veciño de Ibias ademais das dúas que hai en Negueira de Muñiz.

Por que logo, se Ibias comparte moito máis con Negueira que con Cangas, non é posible crear unha Denominación de Orixe diferenciada que poidan compartir os adegueiros das dúas marxes do Navia?

“Legalmente sería posible estar na mesma D.O. igual que Rioja ten adegas en varias comunidades”

Paco responde con claridade: “Sería positivo que traballaramos en conxunto e sería o máis lóxico e se no seu momento non se fixo foi porque as comunidades autónomas non se puxeron dacordo, aínda que legalmente sería posible que estiveramos na mesma Denominación de Orixe, tamén Rioja ten adegas en varias comunidades”, compara.

Unha Feira do Viño que é todo un éxito

En Negueira faise todo a pequena escala salvo unha cousa: a súa Feira do Viño. Este concello, o que menos habitantes ten de toda Galicia, é tamén unha das zonas de produción de viño con identidade propia máis pequenas do mundo. Sen embargo, a súa Feira do Viño é unha festa grande, por todo o alto.

“Logramos ubicar Negueira no mapa grazas ao viño”

“É un éxito absoluto, levamos 9 edicións e logrou mesmo que se coñecera Negueira fóra. Logramos ubicar Negueira de Muñiz no mapa grazas ao viño”, di orgulloso Paco, que é tamén o presidente da Asociación de Adegueiros que organiza a Feira do Viño en colaboración co Concello.

En Negueira non se saca o viño novo até ben entrado o mes de maio pero faise unha excepción para probalo na Feira do Viño que todos os anos se fai a finais de abril. Dúas ducias de veciños levan o seu viño, que fan na casa, para que todo o mundo o poida probar na feira. E cada vez o mundo que o proba é máis. “Para o pobo é un día de festa total. Non estamos acostumados a ver tanta xente aquí, para algúns veciños é mesmo estresante”, ironiza Paco. Xa se sabe que Negueira é lugar de paz e amor, por iso ten comuna hippie.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información