Adega Rúa, máis de medio século de cooperativismo vitivinícola

A sociedade valdeorresa, unha das pioneiras en Galicia no sector do viño, mantén a súa puxanza con arredor de 300 socios activos e unha produción media de 100.000 botellas ó ano

Publicidade
Adega Rúa, máis de medio século de cooperativismo vitivinícola

Viñedos de socios da cooperativa na Rúa, ao pé do río Sil.

A cooperativa da Rúa, unha das pioneiras no sector vitivinícola galego no intre da súa creación, no 1964, continúa sendo un referente en Valdeorras. A sociedade aglutina a 800 socios, dos que arredor de 300 mantéñense activos, e produce unha media de 100.000 botellas ó ano amparadas pola denominación de orixe Valdeorras. O seu principal reto de futuro pasa polo relevo xeneracional e agarda tamén que en vindeiros anos haxa unha normalización das colleitas, moi afectadas nas dúas últimas campañas polas inclemencias meteorolóxicas.

Os fenómenos adversos sucedéronse este ano, ata provocar mermas na colleita de arredor dun 70%. “Primeiro foron as xeadas, logo en zonas que non foran afectadas polas xeadas chegou o pedrisco e por último houbo un impacto da seca, en especial en zonas que se estaban recuperando das xeadas”, analiza o enólogo da cooperativa, Julio Ricarte. “Tanto as xeadas como o pedrisco danaron principalmente zonas da denominación nas que están os nosos socios, como Vilamartín, A Rúa, Petín ou O Bolo”, sinala.

Os socios da cooperativa manexan arredor de 100 hectáreas de viñedo, distribuídas en 900 parcelas. “Temos o hándicap de que as parcelas son moi pequenas, pero ese minifundio tamén ten unha parte positiva na antigüidade dos viñas, pois a maioría, salvo parcelas reestruturadas, ronda os 40 anos, o que lle aporta un carácter peculiar ós nosos viños”, valora Julio Ricarte.

Rúa e Pingadelo, marcas de referencia da adega.

Rúa e Pingadelo, marcas de referencia da adega.

Elaboracións
Os viños da adega reflicten o manexo tradicional que se facía dos viñedos en Valdeorras, onde convivían nunha mesma finca distintas variedades de uva, en combinacións que trataban de buscar un equilibrio ideal para o viño. Os plurivarietais da cooperativa, baixo a marca Rúa, conservan esa identidade, cunha utilización en brancos de godello, palomino e dona branca, e en tintos de mencía, garnacha, sousón e araúxa.

A cooperativa, igual que o resto de adegas da denominación, oriéntase tamén desde hai anos a potenciar as dúas variedades de referencia de Valdeorras, godello e mencía. Os viticultores novos que se incorporan ó sector adoitan facer reestruturacións dos viñedos cara esas variedades, se ben, en Valdeorras, igual que sucede na maior parte da viticultura galega, o relevo xeneracional é un reto pendente, con moito pequeno viticultor envellecido que conserva o traballo na viña como segunda actividade ou case como ‘hobby’ nalgúns casos.

Poda nos viñedos o pasado inverno.

Poda nos viñedos o pasado inverno.

Mercados
A aposta progresiva da adega polas variedades nobres de Valdeorras plásmase nos monovarietais que elabora baixo a marca Pingadelo, cunha crianza sobre lías no Pingadelo 100% godello. “O godello é o viño con maior demanda exterior, pero tamén hai que subliñar que os tintos de Valdeorras están sendo moi ben considerados fóra de Galicia”, destaca Julio Ricarte.

A maiores dos movarietais de godello e mencía, a adega proxecta lanzar ó mercado un monovarietal de garnacha tintorera criado en barrica. “É unha uva cun gran potencial e hai demanda para este tipo de viños”, valora o enólogo da cooperativa.

A adega Rúa, que tamén elabora unha tirada pequena dun escumoso de godello, distinguiuse nos últimos anos por outras innovacións, como un viño branco sen sulfitos, o Amavía, se ben as malas colleitas das dúas últimas campañas impediron consolidar esta oferta no mercado, que se espera retomar en anos vindeiros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información