MAURO ESTEVEZ ARNOIA RIBEIRO 1

Adega Mauro Estévez: Viños exclusivos dende Arnoia para o mundo

Adega Mauro Estévez é un exemplo de aposta polos viños diferenciados e polo relevo xeracional na Denominación de Orixe Ribeiro. O seu “Uxía da Ponte” foi o primeiro viño elaborado no mundo coa variedade Lado. Falamos con José e Mauro Estévez

A Adega Mauro Estévez está situada no lugar da Ponte, no concello de Arnoia, en pequenos socalcos soleados na ribeira do río Arnoia, un dos berces da Denominación de Orixe Ribeiro, e que conta cunha riquísima tradición vinculada ao mundo do viño.

Neste entorno privilexiado  naceu no ano 2002 a Adega Mauro Estévez, un proxecto dunha familia de colleiteiros que logrou diferenciar e valorizar os seus viños. Un deles é o “Uxía da Ponte”, o primeiro viño elaborado ao 100% coa variedade Lado. Falamos con José e Mauro Estévez, pai e fillo e impulsores desta pequena gran adega, que é membro da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.

¿De onde vos ven na familia o apego ao mundo do viño e á viticultura?
JOSÉ: Ven xa do meu pai, José Estévez, e dos seus antepasados. Antes elaboraban viño e vendíano a granel a almacenistas. No seu momento chegamos a vender 116 moios (cada moio son 132 litros) e podíase vivir ben deste traballo. Nos anos 50 e 60 do século pasado, como noutras partes do Ribeiro, empezou a plantarse moito Jerez e a substituír o Lado, unha caste autóctona da Arnoia, pero que a xente empezou a cortar porque as adegas grandes pagaban por kilo e unha cepa de Jerez produce catro ou cinco máis que unha de Lado ou de Treixadura.

Co tempo deixamos de vender viño a granel e pasamos vender uva, sobre todo a Bodegas Arnoya. Eu daquela traballaba nunha farmacia en Ribadavia e axudáballe a tempo parcial a meu pai. Sempre me gustou o tema do viño pero vía que había que apostar pola calidade e pola diferenciación, porque a uva de castes autóctonas cada vez pagábase máis. Foi así como no 1996 empezamos a facer restruturacións do viñedo, arrancando as cepas de Jerez e plantando castes galegas, con vistas a nun futuro ter a nosa propia adega e deixar de vender uva a granel.

No 2002 decidín dar o paso e incorporarme á viticultura a tempo completo e foi tamén nese ano cando sacamos ao mercado co Mauro Estévez, con 4000 botellas.

Estamos nun entorno sorprendente con socalcos en ladeira e viñedos moi pequenos que lembra á Ribeira Sacra. ¿Como se distribúen as vosas viñas?
JOSÉ: Meu pai tiña sobre 75 parcelas, algunhas delas con 50 ou 40 metros cadrados, era un minifundio terrible. Abandonamos algunhas viñas, sobre todo en zonas xeadeiras e intentamos facer fincas máis grandes. Hoxe contamos con 25 fincas e algo máis de 2 hectáreas de viñedo.

¿Por que este val da Arnoia é tan favorable para o cultivo da vide?
MAURO: No val da Arnoia, sobre todo nas zonas altas, as viñas están moi soleados e contan con moi boa aireación, co que non hai néboas e case non hai xeadas, polo que é unha zona moi boa para a viticultura. Os solos son de perfil granítico arxiloso, que permiten unha boa transpiración da terra.

“As ladeiras do Arnoia son unha zona moi boa para a viticultura”

A nosa finca máis grande e máis moderna é A Galiana, que está na parte alta do val. Outras son A Tapada, onde está case todo o Lado e as cepas centenarias que temos, ou O Sequeiro, unha viña en socalcos.

¿Que castes tedes plantadas neste momento?
MAURO: Temos un 70% de Treixadura e o resto de Lado, Albariño e algo de Loureira. E agora estamos facendo experimentacións do Godello, unha variedade que achega esa acidez e frescor que se está perdendo co incremento das temperaturas.

A treixadura achega unhas características, pero a Loureira, Albariño e Godello proporcionan outras e co coupage logramos un viño moi peculiar como é o Mauro Estévez.

Tedes unha das cepas máis antigas de Galicia…..¿Como chegaron ata hoxe?
JOSÉ: Son unhas cepas que están en socalcos e que se calcula que teñen uns 130 anos e coas súas uvas elaboramos un monovarietal, o Uxía da Ponte, unhas 700 botellas ao ano.

“Contamos con cepas de Lado que teñen uns 130 anos”

Salváronse porque Paco Rego, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, cando as visitou pediume que as conservara e así o fixen. A día de hoxe seguen en produción.

¿Como é o Lado, unha das castes autóctonas de videira máis singulares e minoritarias de Galicia?
JOSÉ: O Lado é a uva que mellor acidez ten. Podes collela con 13,5 graos que a acidez está perfecta. A Treixadura, pola contra, se madura de máis a acidez xa é moi problemática.

MAURO: A produción do Lado é moi baixa, un máximo de 2 kilos por cepa, con acios moi pequenos, uvas delicadas, ramas que parten facilmente. De feito, na poda hai que rodrigar en días de choiva para que non rache. É moi sensible ao oídio e á lacra, sobre todo nas zonas con máis humidade.

Polo demais mantén moi ben a acidez, sole ter unha graduación alcohólica alta e o viño en garda en botella evoluciona moi ben. Temos botellas espectaculares de Lado do ano 2013. É un viño moi sutil, lixeiro, aromático en nariz, non ten estrutura moi forte na boca e ten unha lixeireza moi elegante. É unha caste autóctona da Arnoia, e en concreto da zona da Ponte.

JOSÉ: O seu punto débil é o oídio, polo que hai darlle dúas mans de xofre en po e vixiala.

¿Como logrades nunha adega tan pequena diferenciar os vosos viños nun mercado tan competitivo?
MAURO: A idea sempre foi apostar pola calidade, buscando o viño máis complementario, con todos os matices e que mantivese a esencia do Ribeiro. É dicir, lograr un viño fresco, aromático, de beber no ano. E creo que o logramos facendo un viño diferenciado.

O ano pasado elaboramos 12.400 botellas do Mauro Estévez, pero este ano baixaremos a 9.300 botellas porque na última vendima non todas as uvas tiñan a calidade que nos autoesiximos para elaborar o noso viño.

Sorprende que exportades preto do 40% do voso viño. ¿Onde están os vosos mercados?
MAURO: O mercado témolo internacionalizado, en Francia, Inglaterra, Alemaña, Xapón e agora tamén estamos en Canadá. As exportacións xa representan un 40% das nosas vendas e este ano creo que chegarán ao 50%, ao termos menos produción.

“Este ano imos exportar o 50% do noso viño”

Empezamos a exportar cun programa da Confederación de Empresarios de Ourense, cunha misión inversa que viña de Inglaterra e que catou o noso viño. Seleccionounos un importador que veu visitar a adega e gustoulle moito o noso Mauro Estévez e ese ano xa exportamos para o Reino Unido unhas 1.600 botellas.

Creo que os viños galegos teñen que apostar polos mercados internacionais, porque hoxe en día hai máis facilidades para saír a vender fóra de Galicia. Na nosa comunidade vendemos un 40% e o 20% restante no resto de España.

¿A que prezo se pode mercar o voso viño?
MAURO: O Mauro Estévez nas plataformas de venda por internet está nuns 15 euros e o Uxía da Ponte nuns 30 euros.

¿Cal é a vosa referencia pola que deberían apostar os viños do Ribeiro?
Francia quizás é a referencia que debemos ter para os viños galegos, apostando por producións limitadas e de alto valor. No Ribeiro estamos valorizando o noso viño e conseguimos incrementar prezo e recuperar a imaxe de calidade.

Cóntanos como é o proceso de elaboración do Mauro Estévez e do Uxía da Ponte..
MAURO: Para o Mauro Estévez a uva chega á adega en caixas de 18 ou 15 kilos. Despalillamos quitando a canga, e a pasta bombeámola ata a prensa, onde facemos maceración por xeo carbónico. Con iso arrefriamos e eliminamos o oxíxeno para que non se oxide a uva, e co xeo carbónico conseguimos extraer moitos máis aromas da pel que se non se conxelara. O mosto chega ao depósito e aí facemos proceso de desfangado durante 24 horas e a 8 graos. A fermentación é en mosto limpo, sen lías, a temperatura controlada. Este é un paso crítico, no que hai que xogar coa densidade e temperatura. A partir de aí realizamos sucesivas trafegas, facemos o filtrado e por último o embotellado.

Para o Uxía da Ponte o proceso é o mesmo pero empregamos uva seleccionada só das cepas centenarias de Lado que temos.

Tamén elaboramos unha pequena cantidade de tinto de castes autóctonas, no que facemos un envellecemento en pipa de carballo francés. Estamos experimentando cunha barrica de 220 litros, que nos dará unhas 300 botellas.

¿Como vos xurdiu a idea de elaborar un viño 100% de Lado?
JOSÉ: Meu pai sempre dicía que había que facer un viño de Lado solo.“Non o fixo ninguén e debe estar estupendo”, dicía. Falei entón con Álvaro, o noso enólogo, e fixemos unha proba. O primeiro ano non saíu ben a fermentación pero no segundo ano xa melloramos o proceso e o resultado foi moi bo. Fomos os primeiros no mundo, e por suposto no Ribeiro, que elaboramos un viño Lado 100%.

O nome de Uxía é pola nosa filla, e da Ponte polo lugar no que está o viñedo. E o de Mauro Estévez é polo noso fillo, para que non se enfadaran. E para o tinto temos que poñerlle o nome da miña muller, Juana.

Ambos os dous partides de profesións moi diferentes da viticultura. ¿Que vos atraeu deste sector?
MAURO: No meu caso estou traballando en Vigo no Centro Tecnolóxico de ANFACO, pero isto tamén me atrae. O venres cando veño gústame estar na viña e traballar na bodega, pero tamén vendelo e falar cos importadores. De momento podo compaxinar as dúas cousas e nun futuro non descarto dedicarme máis a isto.

JOSÉ: Para este paso contei co gran apoio da miña muller, de Juani. Necesitaba un cambio e neste traballo tes moita máis liberdade. Cando me incorporei no 2002 tiña 47 anos, e levaba traballando 24 anos na farmacia. O cambio foi bo, a bata branca esquecina facilmente. O que si se podería mellorar é o exceso de burocracia da administración, que para unha pequena empresa é un atranco.

¿Que plans tedes para a vosa adega e como vedes o futuro da viticultura na Arnoia?
MAURO: De momento imos seguir igual, intentando elaborar algunhas máis botellas. Gustaríanos incorporar a unha persoa para o traballo na viña, dirixida polo meu pai, e eu encargarme máis da venda e da comercialización. Pero non queremos medrar moito en produción e manter a nosa aposta pola diferenciación e por producións limitadas.

“Queremos manter a nosa aposta pola diferenciación e por producións limitadas”

En canto ao futuro da viticultura na Arnoia, nos próximos anos vai haber moito abandono pois o 90% dos viticultores neste concello teñen máis de 65 anos. Hai moito minifundio, con fincas de 100 ou 200 metros cadrados, e iso dificulta moito que haxa relevo, ou que alguén as alugue para cultivalas. Sería necesaria unha parcelaria e motivar e  formar a xente nova para traballar nun sector do que se pode vivir con calidade de vida.

A Adega Mauro Estévez en imaxes: 

MAURO ESTEVEZ BOTELLAS RIBEIRO 2 MAURO ESTEVEZ VIÑEDO RIBEIRO 1

Viña A Galiana

MAURO ESTEVEZ LADO RIBEIRO 2

José cunha cepa de Lado, duns 130 anos de idade

MAURO ESTEVEZ LADO CENTENARIA RIBEIRO 2

Cepa de Lado coa que elaboran o Uxía da Ponte