Adega Daniel Fernández, viños de excelencia xa dende as primeiras colleitas

Situada no corazón de Monterrei, a adega Daniel Fernández leva apenas tres anos funcionando e neste tempo xa recibiu varios recoñecementos ós seus viños. Os seus 5 socios chegan de man da restauración e cunha aposta por viños de calidade e cun deseño diferenciador

Publicidade
Adega Daniel Fernández, viños de excelencia xa dende as primeiras colleitas

Adega Daniel Fernández.

A adega Daniel Fernández, situada en Queizas, en Verín, leva apenas 3 anos funcionando e neste tempo xa conseguiu varias mencións que recoñecen a calidade dos seus viños. Detrás deste proxecto que comeza xa a recoller resultados satisfactorios están cincos socios que chegan ó mundo do viño da man da restauración. “Somos todos familiares e procedemos da zona de Navia de Suarna e da Fonsagrada”, explica Alberto Fernández, un destes socios e xerente da adega. Hai anos que marcharon para Cataluña na procura de oportunidades laborais e levan tempo centrados na restauración en Barcelona, onde contan cunha cadea de restaurantes e, nos últimos anos, optaron tamén por apostar polo viñedo.

Naturais da provincia de Lugo, estes cinco socios contan cunha cadea de restaurantes en Barcelona e decidiron probar no mundo do viño

“Esta era unha adega que estaba en momentos baixos e decidímonos a mercala”, explica Alberto. De feito, foi un dos socios, Daniel Fernández, o que localizou e se encariñou da adega, que comezou chamándose Alba Al-bar. Porén, un accidente de tráfico truncou a vida do empresario e o resto dos socios decidiron non só seguir adiante co seu proxecto senón rebautizala co seu nome. “Foi unha pequena homenaxe a Daniel e agora estamos en pleno proceso do cambio de nome”, concreta Alberto.

Novas plantacións de viñedo

En a penas tres anos, esta adega atópase en pleno proceso de crecemento e expansión, como apunta Alberto Fernández. Ao comezo adquiriron as instalacións da adega e tamén algúns dos viñedos, pero aínda continúan medrando. “Agora mesmo contamos xa con 7 hectáreas de viñedo propio e estamos traballando para seguir mercando viñedo e ter tamén novas plantacións”, explica Alberto.

Os viñedos están repartidos en varias fincas, o de maior superficie supera a hectárea e nesta campaña agardan continuar plantando para acadar as dúas hectáreas. A maior parte da superficie é de cepas de Godello e Treixadura, aínda que tamén contan con Dona Branca. A estes viñedos súmanse, ademais, cepas de Mencía e Arauxa.

Centrados nos brancos e con demanda nos tintos

Na adega teñen xa tramitadas novas plantacións de Godello e Mencía. “Estamos bastante escasos de viñedo de Mencía, xa que rondamos os 4.000 litros coas nosas plantacións. Aínda que é verdade que metemos máis e este ano acadamos os 22.000 quilos na adega”, especifica o xerente. Ademais, a decisión de plantar máis cepas de tinto débese a que “estamos tendo bastante demanda dos tintos no restaurante; por iso queremos aumentar a nosa produción”, detalla Alberto.

En canto ós brancos, nos que centran agora mesmo a súa produción, lograron uns 46.000 quilos nas súas plantacións, que complementaron ata acadar os 68.000 quilos.

Unha estética diferenciadora

Na actualidade, na adega están a comercializar dous viños (Galván Godello Treixadura e Galván Mencía) que xa conseguiron facerse un oco no mercado. Para moitos, este branco elaborado con Godello (60%) e Treixadura (40%) é xa o viño da botella azul. “Foi unha aposta arriscada que fixemos dende un principio e que está gustando moito”, recoñece Fernández. Ó comezo tiñan certas desconfianzas con que puidera confundirse ou asemellarse demasiado ás botellas de auga pero, lonxe diso, parece estar logrando o seu obxectivo: ser identificada polo consumidor. De feito, están tamén a traballar nunha nova etiquetaxe buscando manter esa diferenciación.

Criado sobre lías, este branco con carácter afroitado está a ter unha boa aceptación como apuntan dende a adega.  “Estanos sorprendendo a demanda que están a ter os nosos viños”, comenta Fernández.

Xunto ó viño branco, na adega elaboran tamén o Galván Mencía, a base de Mencía e Arauxa, cunha produción que contan incrementar nos próximos anos debido á demanda que están a rexistrar tamén nos tintos.

Recoñecementos na primeira colleita

Xa na primeira colleita, o seu viño Galván Godello e Treixadura fíxose coa distinción de Acio de Ouro 2016 ó mellor viño da DO Monterrei. Ademais doutras mencións, tamén nese mesmo ano foi un dos viños galardoados pola federación de enólogos na categoría de Tempranillo de prata en viños brancos galegos.

“Nestes recoñecementos ten unha parte moi importante o enólogo Pablo Ibáñez Sarmiento, que ten toda a nosa confianza. A súa labor completa a nosa aposta pola calidade”, matiza, xa que, a parte de procurar ser rigurosos nos viñedos, buscan a calidade en toda a uva que lle mercan ós viticultores da zona e teñen en conta o viñedo, a uva e a forma de recollela.  “Estamos moi satisfeitos de ter recibido xa estes recoñecementos co pouco tempo que levamos. Estas mencións sempre serven de aliciente para seguir traballando”, recoñece Fernández.

Mercados

A súa experiencia no mundo da restauración ábrelle tamén a porta ós seus viños. Así, distribúen parte da súa produción á súa propia central de compras, na que se abastecen o case medio cento de restaurantes ós que serven na Cidade Condal.

Á marxe de abastecer estes restaurantes, tamén teñen distribución en cidades como a propia Barcelona ou Madrid, así como en zonas de Asturias e en toda en Galicia. “Levamos pouco tempo e polo de agora estamos centrados só no mercado nacional”, confirma Fernández.

Buscan situarse nunha produción en torno ás 200.000 botellas para poder abastecer tanto os seus negocios como os mercados nos que xa están posicionados.

Visitas á adega

Un dos obxectivos a curto prazo que buscan dende a adega Daniel Fernández, á par de ampliar os seus viñedos, pasa por mellorar o entorno da adega, co gaio de ofrecer visitas e catas nas súas instalacións. Na actualidade xa están a ofrecer catas, pero cren preciso acondicionar os xardíns para mellorar a súa oferta. A propia adega conta cunha estrutura que recorda á torre do castelo de Monterrei e a súa intención é potenciar estes espazos para ofrecer unha visita na que coñecer a identidade destes viños de Monterrei.

Unha das últimas incorporacións da DO Monterrei

A adega Daniel Fernández foi unha das últimas incorporacións á Denominación de Orixe de Monterrei e teñen claro que “para nós é fundamental formar parte da DO, xa que están a traballar moi ben e é clave que as adegas traballemos unidas baixo este selo”, apunta Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información