A adega castelá Pago de Carraovejas compra Adega Emilio Rojo e Viña Mein, dous emblemas do Ribeiro

Publicidade
A adega castelá Pago de Carraovejas compra Adega Emilio Rojo e Viña Mein, dous emblemas do Ribeiro

Viña Mein, no Ribeiro

A adega castelá Pago de Carraovejas, con sede en Peñafiel, na DO Ribera del Duero, está en proceso de compra de dúas das adegas máis emblemáticas da Denominación de Orixe Ribeiro, a de Emilio Rojo e Viña Mein.

Pago de Carraovejas factura máis de 20 millóns de euros, elabora preto de 1 millón de botellas, e esta será a súa primeira compra en Galicia. En Ribera del Duero conta cunha viña de 200 hectáreas, da que cada ano saen unhas 800.000 botellas de Cuesta de las Liebres, o Anejón e, por suposto, Pago de Carraovejas. E en 2016 a adega adquiriu a totalidade do accionariado de Adega Ossian Vides y Vinos, cun viñedo de 118 hectáreas situado no termo segoviano de Nieva, da que elabora cada anos unhas 200.000 botellas de viños brancos verdejos como Capitel, Ossian, Quintaluna, Verdling Dulce e Verdling Trocken.

Segundo informa o xornal El Norte de Castilla, a compra da adega de Emilio Rojo está pechada mentres que na de Viña Mein aínda quedan aspectos por pechar.

Emilio Rojo é o propietario da adega desde 1987 e o que imprime a personalidade ao viño, un dos primeiros en elaborar viños premium en Galicia. A adega está no municipio de Arnoia (Ourense) e o seu viñedo está formado por 0,5 hectáreas repartidas en catro parcelas situadas no val e por outra hectárea situada nunha ladeira. Cultiva as variedades autóctonas galegas treixadura (50%), lado (20%), loureira (10%), albariño (10%) e torrontés (10%), coas que elabora preto de 6.000 botellas.

Pedro Ruiz Aragoneses, director xeral de Pago de Carraovejas e Ossian Vides y Vinos, confirmou a noticia aínda que non quixo desvelar o custo do investimento. Ruiz atopábase onte en Ribadavia (Ourense) precisamente para asinar ante notario a constitución da nova sociedade con Emilio Rojo

Segundo Pedro Ruiz, a ausencia de descendentes levou a Emilio Rojo a chegar a un acordo con Pago de Carraovejas «para dar continuidade a este proxecto enolóxico». Pola súa banda, Emilio Rojo asegura en declaracións ao diario La Región que se trata de pór en marcha un proxecto “moi importante, non que eu e Viña Mein seguiremos ao fronte das adegas para facer un gran branco de ámbito nacional”.

En canto ás negociacións con Viña Mein atópanse abertas e calcúlase que o acordo podería estar asinado nunhas semanas. A adega posúe 16 hectáreas de viñas situadas nas mellores ladeiras do val do Avia, en San Clodio e Gomariz. O seu propietario é Javier Alén, natural de Leiro, pero que reside en Madrid, onde exerce como avogado, ademais de dirixir outros negocios.. Desde 2015 a elaboración de todos os viños da adega está ao cargo de Comando G, que tamén produce na DO Cebreros (Ávila).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información