Aconsellan “máxima precaución” no viñedo ao aplicar fitosanitarios en días de calor

Os técnicos da Estación do Areeiro recomendan realizar os tratamentos a primeira hora da mañá ou última da tarde e non facer mesturas non contrastadas. O tempo seco está a provocar patoloxías na madeira da viña, debendo retirar os brazos secos ou marcar as prantas para actuar en inverno

Publicidade
Aconsellan “máxima precaución” no viñedo ao aplicar fitosanitarios en días de calor

Acios excesivamente expostos ao sol, o que pode provocar danos. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar no seu último aviso fitosanitario “precaución máxima” ao aplicar fitosanitarios na viña. Os técnicos aseguran que no caso de ser necesario realizar algunha aplicación estes días de clima máis extremo, débense tratar as plantas ao comezo da mañá ou final da tarde, non realizando mesturas non contrastadas e respectando sempre as doses da etiqueta, entre outras cuestións.

Non traballar deste xeito, segundo indican, pode levar a danos nas plantas, en forma de queimaduras, e no medio ambiente. Así mesmo, subliñan que é importante realizar adecuadamente as aplicacións de fitosanitarios co fin de coidar a propia saúde usando os equipos de protección apropiados.

Enfermidades da madeira

Por outra parte, os técnicos alertan de que as condicións de estrés que están a sufrir as plantas co tempo seco, os ventos do Norte e a insolación reinantes están a provocar unha expresión manifesta de síntomas compatibles con patoloxías de madeira. Polo tanto, se se observan brazos illados completamente secos pódense eliminar gardando todas as precaucións pertinentes na poda. En caso contrario, débense marcar as plantas para actuar separadamente no inverno, sendo esta práctica especialmente aconsellable naquelas leiras onde a presenza de plantas sintomáticas se incrementa ano tras ano.

Mildeu e oídio

Por outra parte, dende Areeiro informan de que as condicións climáticas desta última semana non foron favorables para a propagación do Mildeu e apenas se rexistraron puntualmente condicións de esporulación nalgunha estación illada (pola práctica ausencia de humidade foliar). En calquera caso, recomendan que se debe manter a vixilancia de forma máis exhaustiva naquelas leiras que sufrisen danos e onde ademais transcorrese xa o período de protección do tratamento anterior.

En canto ao Oidio se advertiron novos síntomas, pero aínda pode producirse algún dano na uva, especialmente naquelas parcelas ou plantas sensibles, polo que se debe manter tamén a vixilancia.

Na rede de trampas para as couces do acio instaladas por Areeiro as capturas desta semana foron moi baixas e non é necesario tratar. En canto aos ácaros, atopáronse algúns síntomas de Calepitrimerus vitis nos brotes terminais dunha planta, pero a situación máis xeneralizada é a súa ausencia.

Ribeiro:

Na Denominación de Orixe Ribeiro, a ADF Terra de Vides, de Ribadavia, informa de que se debe seguir co esfollado, xa que favorece a sanidade dos acios, aumenta a insolación, a temperatura e a aireación dos mesmos, e favorece a coloración e a maduración dos bagos e, máis tarde, as operacións de vendima.

Tamén seguen os traballos de despuntado (as ramas chegaron ao último arame), xa que esto favorece o callado: ao frear o crecemento vexetativo, os produtos da fotosíntese dirixiranse cara aos acios en lugar de cara ás puntas en crecemento. Mantemento tamén do enramado feito.

Incidencias fitopatolóxicas

Informan dende a ADF Terra de Vides de que non se detectaron novas incidencias de Mildiu. As altas temperaturas rexistradas, por riba sempre dos 30ºC, frearon o avance e a aparición de novos focos da enfermidade. A partir do estado fenolóxico no que nos encontramos (“L”) os acios xa non teñen sensibilidade á enfermidade. Tampouco hai síntomas de Oídio.

En canto a Black-Rot ou Botrite, non se observou nesta campaña síntomas da súa presenza.

Recomendacións

Tendo en conta tanto as previsión meteorolóxicas como o estado sanitario dos viñedos, non se fan recomendacións de tratamento fronte a ningún patóxeno. “En todo caso, estaremos moi atentos ás posibles treboadas do fin de semana, mantendo a observación da evolución de Mildiu e Oídio nos viñedos e, en caso de detectar novas incidencias, valoraremos a necesidade de facer unha nova aplicación fitosanitaria”, aseguran dende a ADF Terra de Vides.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información