Aconsellan controlar a vexetación no viñedo para combater o mildeu

Publicidade
Aconsellan controlar a vexetación no viñedo para combater o mildeu

Tamaño do gran nalgunhas videiras de albariño

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiron este venres o seu boletín coas recomendacións para o coidado da viña durante os vindeiros días.

Mildio:

A situación que observaron os técnicos de Areeiro esta semana nas viñas da súa rede de seguimento e nas outras que foron visitando hai que cualificala de “boa ou moi boa” nas plantas tratadas da práctica totalidade de parcelas, mesmo naquelas da rede que estaban xa fora do período de protección do tratamento anterior.

Porén, algunhas das viñas ás que fixeron referencia na información da semana anterior (tratadas en condicións inadecuadas) seguían con acios con frutificación do fungo, manchas vellas aínda esporuladas e tamén manchas novas

Igualmente había manchas novas, incipientes algunhas pero non tanto outras, en case todas as plantas testemuña e tamén nas plantas abandonadas dos muros das diferentes comarcas, independentemente do tipo de variedade, máis ou menos sensible ao patóxeno, debido entre outras cousas á climatoloxía dominante.

Ademais, entre o martes 18 e onte xoves 20 (ou mesmo algo hoxe) as temperaturas nocturnas foron elevadas ou moi elevadas, chegando a valores próximos a 17 ºC durante varias horas, sempre coincidindo con elevada humidade e mesmo choivas, o que supón condicións moi favorables para a infección secundaria.

Para os próximos días, a práctica totalidade de axencias meteorolóxicas consultadas segue a anunciar unha climatoloxía bastante inestable, con probabilidades de choiva (especialmente o domingo) altas ou medias segundo o modelo, e temperaturas suaves, tamén as nocturnas, co que seguirá habendo condicións favorables ao fungo.

Por este motivo, será necesario renovar as intervencións se non o fixeron xa estes días (en cuxo caso será fundamental verificar a eficacia do tratamento). Con esta climatoloxía, é primordial combinar os tratamentos coas prácticas de cultivo tendentes a manter unha boa ventilación nos viñedos (control da vexetación “sobrante” das viñas e da do solo).

“E non esquezan que os tratamentos deben ser realizados en condicións adecuadas, procurando recubrir ben a vexetación e os acios, e que os atomizadores deben estar ben regulados”, subliñan.

Oídio:

En dúas parcelas da zona da IXP Ribeiras do Morrazo os técnicos da Estación Fitopatoloxica de Areeiro atoparon síntomas do patóxeno, de escasa incidencia ao igual que o referido a semana anterior. “Os síntomas estaban localizados na folla, non en acio, pero o feito de estar nun dos períodos nos que soe xerar problemas este fungo na nosa zona, e a climatoloxía húmida que temos esta temporada, obriga a non descoidar os tratamentos nin, como vimos de dicir, as labores culturais que favorezan a aireación dos acios”. sinalan os técnicos.

Botrite:

A pesar de ter habido condicións favorables (boa temperatura e humidade) non se observaron síntomas, nin sequera naquelas viñas que aínda manteñen gromos rachados polo vento a nivel das plantas.

Black rot:

Ten habido condicións favorables tamén esta semana, pero nin nas plantas tratadas nin nas testemuña ou nas abandonadas, se observaron cambios canto á presenza de síntomas desta enfermidade.

Ácaros:

Os técnicos de Areeiro atoparon esta semana os primeiros síntomas, confirmados no laboratorio, de acariose en dúas viñas (unha abandonada, outra tratada) da IXP Ribeiras do Morrazo, que se suman aos referidos a semana anterior para O Rosal. E, do mesmo xeito que naquel caso, non son máis que puntuais.

“Pola súa banda, de erinose seguimos vendo un aumento no número de follas novas afectadas nos gromos máis tenros, pero lembren que non hai que tratar esta praga, por moito que o síntoma sexa evidente”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información