“Acabo de incorporarme á viticultura e a xeada queimou o 100% dos meus viñedos”

Viticultores, produtores de castaña ou gandeiros de Ourense relatan a crítica situación na que están debido aos estragos das xeadas nos seus cultivos. A conselleira insiste en que “o que é asegurable non pode recibir axudas directas”

Publicidade
“Acabo de incorporarme á viticultura e a xeada queimou o 100% dos meus viñedos”

Benito, mozo viticultor de Mourazos (Verín)

Estes martes centos de viticultores, produtores de castaña ou gandeiros da provincia de Ourense manifestáronse na capital provincial para esixir axudas por parte da Xunta de Galicia ante a situación crítica á que se enfrontan. E é que as xeadas de finais de abril deixáronnos en moitos casos prácticamente sen o 100% da colleita para este ano.

Ofrecemos a continuación uns testemuños destes produtores que reclaman unha intervención da Administración como xa se ten feito co sector láctea ou cos viticultores da Ribeira Sacra afectados pola saraiba en 2016:

Benito, viticultor de Verín: “Das 6 hectáreas de viñedo que temos a xeada queimou case o 100%”

Benito é un mozo viticultor de Mourazos, en Verín. Ven de incorporarse este ano á viticultura para cultivar xunto co seu pai o viñedo familiar: 6 hectáreas nas que producen uva para adegas, o que constitúe a súa principal fonte de ingresos. “A xeada fectounos case ao 100%, fixemos a repoda pero só algunhas vides están agromando de novo”, explica.

“O problema -recoñece- vai ser dentro duns cantos meses cando non teñamos uva para vender e non teñamos ingresos”.

Laura Diéguez, produtora de castaña en Viana do Bolo: “Vivimos do castiñeiro 4 persoas e a xeada deixounos sen nada”

Laura Diéuguez, produtra de castaña e planta de castiñeiro de Viana do Bolo

Laura Diéuguez, produtra de castaña e planta de castiñeiro de Viana do Bolo

Laura Diéguez García, de Viana do Bolo, posúe un viveiro de castiñeiros e recolle cada ano uns 20.0000 kilos de castaña, o que constitúe a principal fonte de ingresos dunha unidade familiar de catro persoas.

Explica que “a xeada deixounos sen nada e os gromos dos castiñeiros quedaron tan queimados que non sabemos se renovarán”. No seu viveiro de castiñeiro as perdas tamén foron considerables: “As plantas do viveiro tiñámolas ao aire libre, e a pesar de ter unhas mantas térmicas, tamén nos queimou toda a planta”, explica.

“Pedimos unha axuda para volver empezar de novo”, asegura Laura Diéguez.

Xosé Lois, pequeno viticultor da Teixeira, na Ribeira Sacra: “Se a Xunta deu axudas aos viticultores de Sober, nós tamén temos dereito”

Xosé Lois, viticultor da Teixeira

Xosé Lois, viticultor da Teixeira

Xosé Lois cultiva a tempo parcial, como a maioría dos viticultores de Galicia, algo máis de 1 hectárea de viñedo na Teixeira, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Sen embargo, explica que este ano “a xeada do 26 á noite queimoume todo”. “Estamos repodando para salvar as cepas, pero non imos ter produción, de forma que este ano vou ter 0 ingresos de uva dos 14.000 kilos que viña obtendo”, lamenta.

Recoñece que “é certo que temos que abordar a necesidade de contratar seguros, e aí fago o mea culpa, pero non funcionan como se nos vende: valoran pouco a produción e en caso de danos incluso veñen con bastante posterioridade, polo que non se ve como interesante contratalos”.

Por iso solicita axudas directas para superar este ano crítico e relama que “ao igual que lle deron axudas aos viticultores de Sober o pasado ano pola saraiba, tamén as reivindicamos para nós”.

Gregorio, gandeiro da Gudiña: “Coa seca xa non temos forraxes para os animais e a xeada deixounos sen o centeo”

Gregorio, gandeiro da Gudiña

Gregorio, gandeiro da Gudiña

Gregorio é un gandeiro da Gudiña que vive en exclusiva das súas 64 vacas de carne.

Sen embargo, afronta un annus horribilis non só pola xeada, que lle queimou o centeo de primavera, o cereal co que remata o cebo do seus xatos, senón tamén pola seca, que agostou os pastos e deixouno prácticamente sen herba seca para o verán.

“O problema é que os animais están pacendo o que tiñamos que recoller para o inverno. As vacas están baixas, porque non hai pasto e tampouco alimentan ben aos becerros”, explica.

Neste sentido, reclama que “a Administración nos axude pagando as cotas da Seguridade Social e con axudas para a compra de alimentos para os animais”.

“Non é que pidamos axudas, é que as necesitamos con carácter urxente para alimentar aos animais”, advirte.

Manuela Rodríguez, viticultura de Ribadavia: “Se non nos axudan no Ribeiro vai quedar moito viñedo a monte”

Manuela Rodríguez, primeira pola dereita

Manuela Rodríguez, primeira pola dereita

Manuela Rodríguez Vázquez é unha viticultura de Ribadavia. Socia da Cooperativa do Ribeiro, traballa coa súa familia máis dunha hectárea de viñedo que lle proporciona nun ano bo uns 15.000 euros, un ingreso clave para a economía familiar.

Asegura que no seu caso “a xeada deixounos sen nada”. “Fixemos a prepoda, estamos dando abonos foliares e produtos moi caros pero menos da metade están renovando, polo que a metade das cepas imos ter que cortalas”, explica.

Neste sentido, reclama que “cando menos nos dean axudas para comprar produtos fitosanitarios e para replantar”. “Se non lle axudan ao Ribeiro isto vai ser unha ruína e vai quedar moito viñedo a monte”, advirte.

A conselleira do Medio Rural insiste en que “o que é asegurable non pode recibir axudas directas”

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reiterou este mércores pola tarde no Parlamento de Galicia que “é preciso cumprir sempre coa doutrina comunitaria que impide as subvencións directas sobre bens susceptibles de ser asegurados”, caso da viticultura. “Non podemos ir en contra da legalidade”, indicou.

Sen embargo, isto contradise coa partida de 500.000 euros en axudas directas que o seu departamento destinou en agosto de 2016 aos viticultores da Ribeira Sacra afectados pola saraiba.

Ángeles Vázquez defendeu o traballo do seu departamento asegurando que “nós estamos a desenvolver un traballo serio, rigoroso e constante para facerlle fronte aos danos causados polas xeadas, actuando dende o primeiro momento”.

conselleira_parlamento_patacaComo medidas postas en marcha destacou a convocatoria da Comisión Territorial de Seguros Agrarios, un foro no que sindicatos agrarios e Denominacións de Orixe transmitan as súas demandas para adaptar as pólizas á realidade de Galicia. Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que Medio Rural presuposta 4,7 millóns de euros para subvencionar a contratación de pólizas agrarias, que chegan ao 22% dos custes no caso dos seguros agrícolas.

Como medidas económicas a conselleira destacou que xa se teñen aprobado axudas por valor de 10 millóns de euros en modalidade de préstamos bonificados para o pagamento de tributos e seguridade social e para o refinanciamento de pasivos.

Para aquelas explotacións que teñan que reimplantar as súas viñas, a conselleira sinalou que poden recorrer á liña de axudas de reconversión que sairá publicada nuns días no Diario Oficial de Galicia e na que terán prioridade os solicitantes afectados polas xeadas.

Ángeles Vázquez lembrou tamén que se ten trasladado ao Ministerio esta cuestión para que incorpore rebaixas fiscais nas zonas damnificadas, como xa se fixo o ano pasado con motivo do pedrazo.

E como medidas de asesoramento técnico, destacou que nas primeiras horas os técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) elaboraron un documento de consulta para saber como actuar sobre o viñedo danado, así como as sesións prácticas que se organizaron para explicar a todos os viticultores interesados como debían tratar as cepas.

A oposición critica que os danos no rural “só son subvencionables cando hai eleccións”

Dende a oposición parlamentaria chegaron a pedir a dimisión da conselleira ao considerar que actúa con criterios electoralistas na concesión de axudas. “Para a conselleira os danos no rural só son subvencionables cando hai eleccións”, ironizou Davide Rodríguez, parlamentario de En Marea, en referencia a que as axudas pola saraiba na Ribeira Sacra convocáronse en vésperas das eleccións xerais.

“A conselleira debería dimitir ou na súa falta pedir perdón”, asegurou o deputado do BNG Xosé Luis  Rivas. “O problema é que a xeada non caeu en eleccións (…), polo que non importan os problemas do rural”, denunciou.

Pola súa parte, o deputado do PSOE José Antonio Quiroga esixiu “plasmar en medidas as promesas” e lamentou que “un mes despois das xeadas seguimos sen ter datos do alcance real desta nova desgraza”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información