A Xunta publica unha guía de prevención de riscos laborais na viña

As 18 fichas publicadas polo ISSGA inciden nas tarefas relacionadas coa aplicación de produtos fitosanitarios, recórdase a nova normativa sobre a etiquetaxe de produtos, e se recomenda o emprego de produtos con menor risco

Publicidade
A Xunta publica unha guía de prevención de riscos laborais na viña

Aplicando produtos fitosanitarios na viña

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de publicar o documento ‘Actúa-Viña’, composto por 18 fichas, para a prevención de riscos laborais nos traballos que se desenvolven nos viñedos. O obxectivo deste folleto é advertir sobre os riscos e explicar as medidas preventivas que se deben adoptar desde a preparación do terreo e a aplicación de tratamentos, ata a recolección da uva.

O documento inclúe os riscos máis habituais nos traballos de cultivo do viñedo, como as caídas; os relacionados co manexo de tractor e cos seus apeiros; o emprego de maquinaria lixeira, como a rozadoira e o motocultor; ou o emprego de ferramentas manuais. Ademais menciona riscos derivados das características propias do traballo, como a exposición ao sol e á calor, ou os riscos biolóxicos.

Aplicación de produtos fitosanitarios e riscos para as mulleres embarazadas ou en lactación

No texto incídese especialmente nas tarefas relacionadas coa aplicación de produtos fitosanitarios, recórdase a nova normativa sobre a etiquetaxe de produtos, e se recomenda o emprego de produtos con menor risco. Así mesmo, se explican as pautas que se deben seguir na preparación de dilucións, as comprobacións que se farán antes da aplicación, durante os tratamentos e despois dos mesmos, cun recordatorio de que se deben respectar os tempos de seguridade nas áreas tratadas.

Esta publicación inclúe un epígrafe específico adicado aos riscos desde a perspectiva do xénero, para advertir sobre aqueles riscos aos que non debe estar exposta unha muller durante o embarazo ou lactación.

O documento complétase coas fichas nas que se explica con imaxes cales son os equipos de protección individual que se deben empregar e os primeiros auxilios ante os accidentes máis habituais, como fracturas, queimaduras, picaduras de avespas e feridas, ademais dos posibles contactos químicos e intoxicacións.

Descarga aquí as fichas de prevención de riscos laborais no viñedo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información