A XI Feira do Viño de Monterrei mostrará os mellores viños da comarca do 12 ao 14 de agosto

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a presidenta do Consello Regulador, Asunción Rodríguez, presentaron esta mañá as actividades que se desenvolverán no marco da feira

A XI Feira do Viño de Monterrei mostrará os mellores viños da comarca do 12 ao 14 de agosto

A presidenta do Consello Regulador e o alcalde de Verín

A Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, que se celebrará en Verín entre os próximos 12 e 14 de agosto, contará coa participación de 16 das 24 adegas que conforman a D.O, idéntico número que en 2014. Esta cifra evidencia, segundo destacou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Concello de Verín que “o interese dos adegueiros da comarca por tomar parte na iniciativa consolídase”.

Na súa intervención, Asunción Rodríguez aproveitou, ademais, para agradecer a todas as adegas participantes a súa implicación na XI edición da Feira, cuxo acto de inauguración terá lugar na Alameda de Verín o próximo 12 de agosto a partir das 20:00 horas.

Despois da inauguración, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase á igrexa da Mercé de Verín, un dos referentes culturais da vila, onde se procederá á imposición de medallas a catro novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei.

Paralelamente, na rolda de prensa presentouse o cartel divulgativo da XI edición da Feira do Viño, un traballo que foi escollido por primeira vez no marco dun concurso convocado para o efecto. O gañador foi Miguel Ángel Martínez Coello, residente en Verín, que presentou unha proposta que erixe en protagonista á uva tinta, grazas ao deseño dun compacto e nutrido acio.

Xunto a isto, indicouse o horario de apertura das casetas: venres 12 de 20.00 a 23.00 horas e sábado 13 e domingo 14 de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h. Este ano, ao coincidir a Feira do Viño (que sempre se celebra o segundo fin de semana de agosto) coas festas en honra a Santa María A Maior, patroa de Verín, o ambiente festivo estenderase ao luns día 15 (aínda que neste día xa non haberá casetas expositores na Alameda).

Axenda de actos

Gastronomía, música e viño axuntaranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O. de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou na rolda de prensa a concelleira de Educación, Cultura e Festas de Verín, Emilia Somoza, que a inauguración da Feira estea amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Na xornada do venres, ademais, actuará a Orquestra Claxon a partir das 00,30 horas.

Pero, sen dúbida, o prato forte musical desta XI edición da Feira será a actuación da cantante Soraya Arnelas, coñecida pola súa participación no coñecido programa de televisión Operación Triunfo, no ano 2005, e por representar a España en Eurovisión en 2009. A estremeña ofrecerá un concerto na Praza García Barbón de Verín o sábado 13 a partir das 00,30 horas.

Na xornada do sábado, ademais, haberá unha verbena a cargo da orquestra Samba. Por outra banda, o domingo 14, actuarán a agrupación musical Candaira (ás 20,30 horas na Alameda de Verín); a Orquestra Midas (a partir das 21,30 e de novo a partir das 01,00 horas) e o grupo A Roda (a partir das 23,00 horas e ata as 01,00 horas).

Ademais, o sábado pola mañá o recinto feiral acollerá a celebración do V Paseo Solidario de Bicis Clásicas, unha iniciativa que se celebra no marco da feira en colaboración coa Cruz Vermella de Verín e que ten como obxectivo recadar produtos infantís e destinalos a colectivos especialmente vulnerables. Xunto a isto, tamén na mañá do sábado, no Museo do Viño de Vilaza (en Monterrei) celebrarase unha cata comentada para 30 persoas. Tamén, en Vilaza, ao longo da tarde do sábado desenvolverase a VII Carretada do Viño. Os interesados en participar nesta iniciativa poderán desprazarse nos autobuses habilitados para o efecto e que sairán desde a Praza do Concello de Verín ata a Alameda de Vilaza.

Finalmente, ao longo do fin de semana desenvolverase tamén a iniciativa “Desafío de Mototurismo da Ruta do Viño de Monterrei”, organizada pola Ruta Mototurista Norte en colaboración coa D.O e o Concello de Verín. Os participantes nesta acción realizarán visitas a diferentes adegas da comarca.

O luns 15 de agosto continuarán as festas en honra á patroa de Verín, con procesión e oficio relixioso na igrexa parroquial, pola mañá, e máis música pola tarde-noite grazas á celebración das xornadas de folclore e á actuación de Discomóbil Rocola.

Adegas participantes e colaboradores

No marco da rolda de prensa desta mañá, a presidenta do Consello Regulador quixo aproveitar a oportunidade para presentar a recentemente publicada Guía de Adegas e Viños da Denominación de Orixe Monterrei, unha publicación cuxa realización non sería posible “sen a implicación de todos e cada un dos adegueiros da comarca”. Trátase dun completo catálogo, de máis de 120 páxinas, que inclúe información detallada de cada unha das adegas amparadas baixo a D.O. Monterrei e dos viños que estas producen. Esta publicación, segundo sinalou Asunción Rodríguez, “contribuirá a situar os nosos viños en diferentes ámbitos” e “permitirá que moitos prescriptores e consumidores finais coñezan máis pormenorizadamente os nosos brancos e tintos”.

Xunto a isto, a presidenta do Consello Regulador revelou o nome das 16 adegas participantes nesta XI edición da Feira do Viño de Monterrei, que son as seguintes:

Abeledos
Boo Rivero
Crego e Monaguillo
Daniel Fernández
Franco Basalo
Gargalo
Ladairo
Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán)
Pazo de Valdeconde
Quinta do Buble
Tabú
Terras do Cigarrón
Tras do Vento
Triay
Valderello
Via Arxéntea

Finalmente, na rolda de prensa, o alcalde de Verín e a presidenta do Consello Regulador quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, MAGRAMA, Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER), concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós, Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei e Verín (AEHCOM) e Eurocidade Chaves-Verín.

Sobre a D.O Monterrei

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 25 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 531 hectáreas de territorio nas que traballan 445 viticultores. Xunto a isto, en 2015 recolléronse máis de 4,7 millóns de quilos de uva en Monterrei e un 19 por cento da produción total exportouse fóra de España.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información