A vendima adiantarase á primeira semana de setembro

Nalgunhas parcelas da provincia de Pontevedra o grao alcohólico aumentou en 2 graos nunha semana polo que a Estación Fitopatolóxica apunta a que a colleita comezará a principios do próximo mes

Publicidade
A vendima adiantarase á primeira semana de setembro

Danos pola couza. //Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As choivas da semana pasada e as elevadas temperaturas motivaron que xa en tódalas comarcas da provincia de Pontevedra os acios estean co pintado e abrandando, segundo os datos que manexan na Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra. A isto súmase que, na última semana, nalgunhas parcelas o grao alcohólico aumentou en 2 graos, o que fai prever, que a vendima se adiantará á primeira semana de setembro.

Grao-de-maduracion-da-uva-EFA-Areeiro-2019-

Grao alcohólico e da acidez obtido nalgunhas mostras da EFA.

Á marxe da colleita, os técnicos de Areeiro tamén fan fincapé, no seu último aviso fitosanitario a que, neste momento da campaña e dadas as condicións destes días, a botrite continúa a ser a enfermidade máis destacada. Detectaron síntomas derivados da eiruga da couza ou de rachos pola choiva e distintas lesións, tanto en acios de variedades brancas coma tintas.

Aínda que polo xeral, os danos son mínimos, ante a previsión de novas chuvias, dende Areeiro inciden nos tratamentos preventivos que, en determinados produtos manexan prazos de seguridade de 14 días ou mesmo de 3, o que permitiría aínda empregalos pese a proximidade da vendima. De non ser posible a aplicación de tratamentos, e aínda sendo factibles, os técnicos recomendan eliminar os acios danados e facilitar a aireación da viña.

Dende Areeiro inciden en que a presenza de botrite na uva prexudica a calidade do viño posto que produce a degradación dos azucres, altera os compostos fenólicos e tamén o perfil aromático. Por iso, recomendan seguir actuando ata o momento da vendima.

As condicións meteorolóxicas dos últimos días (con temperaturas nocturnas elevadas, arredor dos 16 e 17 graos, xunto coas choivas lixeiras e os orballos) tamén motivan a aparición de novos síntomas de mildio nas follas en forma de manchas de aceite ou en mosaico, que provocan a perda das follas. En canto ós acios, detectaron síntomas en forma de mildio larvado nos máis adiantados e como mildio esporulado nos menos. Aínda que as previsións meteorolóxicas poden propiciar a novas manchas, os especialistas agardan que xa non teñan incidencia na boa maduración da uva.

No referido ó oídio, tampouco detectaron moitas variacións con respecto á semana anterior, agás algúns danos illados polo que xa non recomendan actuacións diferentes á marxe das que favorezan a ventilación.

Nesta campaña tamén están a ter unha reducida incidencia a couzas do acio, chegando mesmo a non se rexistrar capturas nas trampas que teñen nas fincas da estación fitopatolóxica. Aínda que, tampouco descartan que se poidan producir danos posto que as condicións meteorolóxicas destes días están a ser favorables. O mesmo acontece co mosquito verde e outros cicadélicos ou cos ácaros e a erinose.

Nas revisións do persoal especializado detectaron novamente danos por golpes de sol en viñas moi esfolladas. Asimesmo, tamén localizaron plantas mortas, xa dende hai semanas, por enfermidades da madeira que recomendan eliminar das fincas canto antes. Ademais, nalgunhas parcelas estanse a producir danos notorios causados por paxaros e avespas.

Maceiras e outras árbores

No caso das maceiras, continúan aparecendo novos síntomas  de moteado nas follas, aínda como recollen no informe semanal da estación, están sendo danos esporádicos. Tampouco están a rexistrar capturas da couza da mazá nas trampas da estación. Porén, os especialistas lembran que a actividade destes insectos prolóngase ata a fin da campaña, polo que aconsellan manter vixiadas os pomares para tratar a praga de ser preciso.

En canto ó buxo, continúan a detectar eirugas da Cydalima perspectalis, aínda que polo de agora un número reducido de exemplares polo que recomendan continuar vixiando o seu avance.

No seu último aviso sanitario, tamén fan referencia ós danos por oídio detectados en árbores de plátano de sombra situados en parques e paseos da provincia. Ó igual que están sendo cada vez máis evidentes os síntomas do Tigre do plátano, que nos seus ataques máis intensos produce unha perda de follas prematura o que reduce a capacidade de protección do sol, un dos valores desta árbore.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información